O Entroido máis musical: comparsas, charangas e… o Coro da Ra
A festa oficial decorre do 11 ao 18 de febreiro pero esta fin de semana arrancan os Xenerais da Ulla e o día 21 chega o carnaval de Conxo

Bermejo, Méndez, Lueiro e dúas das integrantes do Coro da Ra Pousan co 'Mecosur' / ECG

O Teatro Principal foi un ano máis o escenario de presentación do programa do Entroido compostelán, que se vai desenvolver entre o 11 e o 18 de febreiro e que vai ter este ano un pregoeiro “coral”: o Coro da Ra. No anuncio a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, estivo acompañada polo director do coro santiagués, Ramón Bermejo, dúas das cantantes da formación e Xosé Manuel Méndez, o autor do Meco.
“O pregón deste ano será a cargo dun pregoeiro coral: o Coro da Ra”, chanceaba a edil Lueiro nun xogo de palabras para de seguido poñer en valor os “máis de 30 anos de traxectoria” da formación liderada por Bermejo. Este último deu algunha pista de como se desenvolverá o evento do sábado 14 (ás 20.30 horas no Toural), unha delas apuntando a tradición do coro nas rúas de Santiago con espectáculos e intervencións musicais “teatralizadas”.
“Será unha mistura de pregón, reivindicativo, gamberro e transgresor”, asegurou Bermejo que tamén lanzou ao ceo o desexo de “que o tempo nos acompañe”, á vista deste 2026 até agora diluvial en Compostela porque para el “o Entroido é a mellor festa do ano”.
Nesa mesma xornada, media hora antes o Meco sairá en procesión dende Cervantes até o Toural. Un Meco que este ano lle pon todo a súa retranca ao pacto da UE con Mercosur, aínda que o seu autor recoñeceu que a vertixinosa actualidade complicou a escolla. “Pensei en facer a Trump, pero como ben me lembraron xa foi Meco na súa primeira lexislatura”, polo que o artista se decantou pola recente noticia de que “agora a carne vai vir da Arxentina”.
O ‘Mecosur’, por isto, aséntase nunha peana que leva por lema: ‘Stercosur, grelo antártico’ e se mostra cunhas vacas no espeto e sobre unha morea de tractores, que simbolizan as reivindicacións do agro e da gandaría galegas. O Meco permanecerá en Bendaña até as 20 horas do día 18, cando un ano máis un cortexo fúnebre o acompañará até a Praza Roxa para a súa queima.
As principais citas
Non son a xornada inaugural e a de clausura as únicas citas de relevancia no Entroido picheleiro, as comparsa, as charangas e, por suposto, os desfiles son tamén eventos esenciais do programa festeiro. O domingo 15 Os Conformistas de Conxo levan a comparsa polas rúas, dendd o centro de maiores do barrio até a Rúa da Raíña.
E pola tarde a festa dos cativos, co desfile na Sala Capitol, animación de A Run Run: Entroido a toda máquina e premios para grupos, parellas e disfraces individuais que van dos 30 aos 200 euros segundo as categorías
O luns 16 é a quenda da Charanga TNT e dos Armatroulas de Laraño, en desfile dende a praza Roxa á rúa de San Pedro, dende as 18 ás 20 horas. E a mesma hora de partida teñen Fanfarria Furruxa e Comparsa de Maruxas e Coralias, que parten da Praza de Salvador Parga e percorren a zona vella ata retornar ao mesmo punto.
O Martes de Entroido, que este ano é festivo en Santiago, chega o gran desfile que, coma sempre, parte da avenida de Ferrol até a avenida Xoán Carlos I para logo entrar á Capitol para a entrega de premios a carrozas, comparsas, parellas, grupos e individuos e onde tamén se escollerá a mellor comparsa de parroquias ou barrios e tamén haberá premio para os centros educativos participantes.
O baile tamén vai ser protagonista este ano, o mércores 18, co acompañamento de Cantigas e Agarimos en Cervantes (18 horas) e Praterías (18.45h.)

Programa Entroido 2026 en Santiago
Programa Entroido 2026 en SantiagoVivas e Atranques
Aínda que o programa oficial bota a andar o día 12, xa nesta vindeira fin de semana hai eventos. Os Xenerais da Ulla fan o seu Entroido tradicional o sábado 7 en Marrozos, o domingo 8 en Angrois e o sábado 28 o Carnaval volve, con Boteiros, Madamas e Galáns no bariko de Sar.
A presenza dos Xenerais da Ulla vai máis alá de Vivas e Atranques. O día 11 o CSC de Santa Marta acolle un obradoiro de atranques, de 18 a 19 horas, e o xoves 12 no Espazo Apego (de 17 a 18.30) hai taller de chapeus de ‘xeneraliñas’.
O sábado 21 é o desfile das Xeneraliñas da Semente, ás 12, dende Santa Clara a Cervantes e, no sur da cidade o barrio de Conxo celebra o seu Entroido con sesión vermú, xantar popular, atranquea, concursos, foliadas… e a queima do seu Meco.
- La CIG mantiene la huelga indefinida en los autobuses de Santiago a partir del miércoles, mientras UGT y CCOO la aplazan
- Estos son los ocho restaurantes de Santiago con la mejor relación calidad-precio
- Un incendio en el centro comercial As Cancelas, en Santiago, obliga a evacuar el edificio: "Se originó en la azotea"
- Patronal y sindicatos vuelven a la negociación para evitar la huelga de buses en Santiago desde el miércoles
- La CIG convoca asambleas para decidir cuándo reiniciar la huelga de autobuses en Santiago
- Las listas de espera de los talleres de coches en Santiago: 'Ahora mismo estamos desbordados
- La CIG espera cita con la patronal: si no hay acuerdo el lunes se reactiva la huelga de buses indefinida en Santiago
- Los trabajadores votan este miércoles si desconvocan la huelga de buses en Santiago