Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

Os servizos sociais de Santiago atenderon 20.000 persoas en 2025: "Hai que superar o estigma e velo como un dereito"

O Concello rexistra a segunda cifra máis alta da serie histórica e alcanza o maior número de usuarios do SAF ata agora con máis de 800

María Rozas e Eva González, durante a presentación da memoria no Pazo de Raxoi

María Rozas e Eva González, durante a presentación da memoria no Pazo de Raxoi / Cedida

Manu López

Manu López

Santiago

Os servizos sociais municipais chegaron o ano pasado a case 20.000 persoas, 2.000 menos que en 2024, pero que aínda así supoñen un 20 % da poboación censada en Santiago. A concelleira responsable desta área, María Rozas, presentou este xoves a memoria anual do departamento, acompañada pola xefa de sección do departamento, Eva González. Na comparecencia Rozas recalcou que as cifras non obedecen a unha situación de "emerxencia social", segundo reflexan os indicadores socioeconómicos, e defendeu que acudir a este servizo "non debe ser visto como un estigma, senón como un dereito de todos e todas".

Con estes datos, o departamento rexistrou a segunda cifra máis alta da serie histórica despois da do 2024, cando se atendeu a 22.000 persoas. En concreto, 19.944 composteláns tramitaron axudas municipais ou doutras administracións, foron usuarios de programas como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou o Xantar na Casa, ou recibiron calquera tipo de asesoramento. En 2025 fíxose un "esforzo especial", indicou Rozas, por reforzar a atención domiciliaria, pasando das 1.539 visitas rexistradas no exercicio anterior a 2.727.

Atención a persoas maiores

A tenenta de alcaldesa fixo fincapé no colectivo de persoas maiores de 65 anos, que en Santiago son 24.710, das que 5.304 viven soas. Na xornada na que a Xunta de Galicia e a Fegamp asinaban un novo acordo sobre o (SAF), Raxoi indicou que no 2025 batiuse o récord histórico de usuarios no municipio con 808, dos que 625 figuran na modalidade de dependencia e 183 na de libre concorrencia. A concelleira mostrouse moi crítica coa aportación autonómica no pacto recén asinado e tildouna de "insuficiente". Ademais, declarou a intención do goberno de licitar un novo contrato este ano, porque aínda que co actual "houbo avances evidentes queremos seguir avanzando para ter o mellor servizo".

Entre os programas destinados ás persoas maiores, Rozas destacou o de teleasistencia domicialiaria, onde se incluíron novos dispositivos, o número de beneficiarios pasou de 60 en 2024 a 109 en 2025 e permitiu detectar 48 incidencias graves nas que foi precisa unha intervención de emerxencia. Por outra parte, o ano pasado estreouse o novo Servizo Municipal de Atención Inmediata, que actúa ante casos de emerxencia non sanitaria, como apoio a mobilizacións en caídas ou traslados a centros residenciais. En 2025 tamén se iniciou o programa Xantar na Casa, a través dun convenio coa Xunta de Galicia que concedeu 60 prazas para o servizo. Un total de 92 persoas foron beneficiarias.

Axudas á infancia

A infancia foi outros dos colectivos "prioritarios" para Raxoi. Cun orzamento de 1,1 millóns de euros, 793 menores foron beneficiarios de bolsas de comedor escolar na modalidade de escaseza de recursos e 272 na modalidade de conciliación; 601 nenos e nenas recibiron a axuda para actividades extraescolares, e 272 tiveron apoio económico para a adquisición de material escolar.

Como novidade, o ano pasado Raxoi convocou por primeira vez as axudas para financiar os gastos en servizos terapéuticos e a compra de alimentos sen glute, cun orzamento total de 70.000 euros e con 59 nenos e nenas beneficiarias.

Persoas sen fogar e en risco de exclusión

A concelleira tamén deu conta das actuacións do Semus, o Servizo Municipal de Urxencias Sociais. En 2025 realizáronse un total de 149 rutas nocturnas para a localización e atención a persoas sen fogar, cunha media de 27 persoas atendidas en cada saída. O 85% foron homes, e a idade media situouse nos 48 anos e o 56% eran de nacionalidade española, mentres que o 30% estaban en situación irregular. Este servizo, en colaboración coa Cruz Vermella entregou máis de 6.800 packs de alimentos e bebidas e preto de mil packs de roupa de abrigo. Ademais, activouse en 197 ocasións para dar resposta a outras situacións de emerxencia como atención a persoas maiores ou a vítimas de violencia de xénero.

Rozas referiuse tamén ao estado do centro para persoas sen fogar, que o Concello proxecta poñer en funcionamento en Belvís ao longo deste ano. Explicou que "estamos neste momento instalando todo o equipamento e o mobiliario para que estea operativo". Ademais, lembrou que a xestión será mixta e espera iniciar "dentro de pouco" a licitación para dotalo de persoal.

No ámbito das persoas en risco de exclusión, en 2025 rexistrouse un incremento na tramitación de prestacións da Ordenanza de Garantía Básica ata chegar aos 115 expedientes, fronte aos 88 do ano anterior. As persoas beneficiarias subiron desde as 206 de 2024 ata as 231. Ademais, 235 persoas beneficiáronse do programa municipal de emerxencia social para adquirir produtos de primeira necesidade.

Por último, a tenenta de alcaldesa salientou os 770.000 euros en convenios con entidades sociais. Neste punto, respondeu ás críticas do Partido Popular en relación ao Banco de Alimentos, ao valorar que "non é lexítimo intentar desprestixiar" o traballo do seu departamento e poñendo en valor os programas que desenvolve neste ámbito.

Tracking Pixel Contents