Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Derrubamento ou rehabilitación

Goberno local: «Non toca agora falar da Casa da Xuventude»

Ao fío do debate xerado polo PSOE, Borja Verea (PP) afirma que «en xuño de 2027 o meu primeiro decreto será para derrubala»

No centro da Praza do Matadoiro, a abandonada Casa da Xuventude

No centro da Praza do Matadoiro, a abandonada Casa da Xuventude / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, respondeu este xoves á reivindicación do grupo municipal socialista sobre a Casa da Xuventude, situada na Praza do Matadoiro. A concelleira do PSOE Marta Abal poñía sobre a mesa que para o seu grupo era prioritario que se tomasen medidas rehabilitadoras neste deteriorado edificio á hora de negociar os orzamentos para 2026.

Abal criticaba que dende que se rexeitou en 2023 o convenio coa Deputación da Coruña nada se sabía sobre o que ía pasar con este equipamento, ao tempo que lembraba a discrepancia sobre el no Bipartito: o BNG apostaba en campaña polo derrubamento, mentres que o socio de goberno, Compostela Aberta, propoñía no seu programa a rehabilitación.

Goretti Sanmartín foi categórica asegurando que xa se transmitiu ao grupo municipal socialista que «esta cuestión non vai ser tratada agora». A rexedora reafirmouse en que «o máis relevante neste momento é continuar coa negociación orzamentaria, que poida ser aprobado o presuposto en poucas semanas», e para iso lembrou que está a negociar co grupo municipal socialista e cos concelleiros non adscritos.

Sobre as críticas de Marta Abal ás discrepancias entre os grupos que integran o goberno municipal, Sanmartín defendeu que «nunca dixemos que iamos renunciar ao noso proxecto, pero agora as prioridades son outras». E en canto ás críticas polo estado de abandono do inmoble do Matadoiro, a nacionalista asegurou que neste tempo se realizaron «actuacións de seguranza, nas cubertas, na subministración eléctrica e na fixación de elementos», entre outras tarefas.

Abrir a praza cara a Belvís

O proxecto do BNG para a Casa da Xuventude, tal e como defenderon durante a campaña, é o do derrubamento do inmoble, para despois restaurar o espazo e abrir a Praza do Matadoiro ao Parque de Belvís, conectando así a área verde coa cidade histórica e co barrio de San Pedro. Curiosamente, un proxecto moi similar é o que defendeu tamén no programa electoral de 2023 o líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, que onte enviaba un comunicado afirmando que: «O meu primeiro decreto en xuño de 2027 será o derrubamento da Casa da Xuventude».

Verea lembrou que o proxecto do PP é o de «crear un novo espazo comunitario, verde e dinámico. Un modelo urbano que priorice a calidade de vida», ademais de poñer en valor os restos patrimoniais da Praza do Matadoiro. O candidato popular ás municipais non deixou de advertir que o estado da Casa da Xuventude deriva «do abandono, a improvisación e as mentiras do goberno de BNG, Compostela Aberta e PSOE en Santiago».

Para Verea, as desavenencias e as discrepancias sobre que facer con este inmoble entre as tres formacións citadas dan mostra de que o obxectivo do pacto de goberno non era máis que para que «Borja Verea non fose alcalde». Ademais, o líder do PP asegura que a situación actual do edificio é tamén mostra «da falta de rumbo da alcaldesa».

Tracking Pixel Contents