Crise na rede de CSC
O novo contrato dos centros socioculturais de Santiago encalla coa renuncia da empresa elixida por Raxoi
O Concello estuda posibles sancións a Eulen tras comunicar que non se fará cargo do lote principal do servizo. Mantense a incertidume para o persoal

Unha actividade realizada no exterior do Centro Sociocultural de Conxo / Jesús Prieto

A crise da rede dos centros socioculturais agrávase cando comezaba a verse a luz ao final do túnel. Aos problemas de impagos que sofre o persoal por parte da concesionaria que ten ao seu cargo a maioría dos traballadores súmase agora a renuncia de Eulen a facerse cargo do lote principal do novo contrato, que lle foi adxudicado o pasado 21 de xaneiro. Raxoi informou onte deste paso atrás e indicou que estuda «todas as vías legais posibles para a imposición de penalidades» á multinacional.
Tras facerse co lote de dinamización e mediación sociocultural por un importe de case dous millóns de euros, Eulen comunicou a súa decisión de renunciar ao contrato a poucos días de formalizalo. Segundo explica o goberno local, a firma adoptou esta medida por dúas razóns: as débedas cos traballadores e unha denuncia formulada polos mesmos en relación ao convenio colectivo.
Razóns da renuncia
Por unha banda, Eulen refírese á débeda que a anterior empresa adxudicataria, Serviplus, mantén co persoal ao non pagarlle as nóminas desde outubro, que segundo Eulen suporía un importe de algo máis de 137.000 euros. Ao respecto, o Concello indica que lle comunicou á empresa o acordo da Xunta de Goberno para manter retidas as últimas facturas que se lle adebedan á actual prestadora do servizo, por un importe de case 190.000 euros, como garantía de pago deses salarios atrasados. Polo tanto, o Concello sostén que lle garantiu a Eulen que o pago dos salarios pendentes «en ningún caso lle correspondería á nova adxudicataria».
Por outro lado, Eulen atribúe a súa renuncia a formalizar o contrato ao procedemento xudicial iniciado pola representación sindical das traballadoras para reclamar que lles sexa aplicado o IV Convenio colectivo de eventos, servizos e produccións culturais de Galicia, e non o III Convenio colectivo do sector ocio e animación sociocultural que se contempla nos pregos e que é o que lle foi de aplicación ao persoal de centros socioculturais ata o de agora. Sobre esta demanda, Raxoi subliña que non hai sentenza a día de hoxe.
Posibles sancións a Eulen
Neste escenario, o goberno municipal remarca que está a estudar «todas as vías legais posibles para a imposición de penalidades» á empresa, toda vez que o contrato foi adxudicado o pasado 21 de xaneiro, e explorará «todas as posibilidades» que ofrece a Lei de contratos, mesmo «a prohibición de contratar coa administración local en futuros procedementos de licitación».
Raxoi apunta que tamén está avaliando «todas as opcións legais posibles» para que a decisión de Eulen «prexudique o mínimo posible ás traballadoras de Centros Socioculturais, toda vez que esta renuncia imposibilita a súa subrogación nunha nova empresa no prazo que estaba previsto».
Os tempos que estimaba o Concello para poñer en marcha a nova licitación apuntaban a marzo, pero decoñécese canto se pode demorar neste novo escenario.O servizo préstase actualmente a través dunha orde de continuidade despois de que Serviplus manifestara en varias ocasións a súa intención de abandonar, aínda que finalmente non deu ese paso. Os impagos levaron os traballadores a promover unha recollida de sinaturas na procura de municipalizar o servizo.
- Viajar en coche de Santiago a Vigo o A Coruña por la AP-9 supera el coste de un vuelo de ida y vuelta a Barcelona
- El bar de Santiago donde Felipe VI se despejaba los viernes: así era el mítico Zum Zum
- La playa favorita de Boris Izaguirre a 1 hora de Santiago: “Es un lugar maravilloso”
- Rosa Crujeiras se convierte en la primera rectora de la USC en sus 531 años de historia
- Alivio' de los precios de la gasolina en Santiago: la mayor liberación de la historia de reservas de petróleo por parte de la AIE ya se nota en los bolsillos de los compostelanos
- El brunch más campero aterriza en Santiago: 16 tipos de tostadas y 10 de tortitas para desayunar entre animales de granja
- Ahora hasta las gasolineras venden pasteles': la confitería más antigua de Santiago que hace a mano todos sus dulces
- Correos cierra su oficina de O Restollal, en Santiago, ante la 'bajada de la actividad”