Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Vivenda protexida

O luns apróbase a cesión á Xunta de dúas parcelas en Castro de Abaixo

Sanmartín critica o 'Non' da administración autonómica a outros soares "condicionados a destinárense a alugueiro de protección"

Martínez Allegue, en el centro, y Goretti Sanmartín, derecha en la visita a un edificio de protección oficial en construcción en Santiago

Martínez Allegue, en el centro, y Goretti Sanmartín, derecha en la visita a un edificio de protección oficial en construcción en Santiago / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este venres en rolda de prensa para dar conta dunha serie de iniciativas do goberno, entre elas a aprobación (o vindeiro luns en xunta de goberno) da cesión ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) de dúas parcelas municipais para a construción de vivenda protexida.

“Trátase de dúas parcelas situadas en Castro de Abaixo, na avenida Sira Alonso, con 560 metros cadrados cada unha e capacidade para a construción de 18 vivendas”, en cada caso explicou a rexedora, que tamén aclarou que ese é o número mínimo de vivendas, susceptible de ser superado.

Logo do visto bo da xunta de goberno o luns 9 de febreiro e da publicación da cesión no Boletín Oficial da Provincia, abrirase un período de exposición pública dd 15 días hábiles para presentar alegacións.

Reivindicación das novas ordenanzas fiscais

Durante a súa intervención, Sanmartín quixo poñer en valor a modificación das ordenanzas fiscais aprobadas en pleno a finais do ano pasado, co voto en contra do Partido Popular, dato que a alcaldesa non deixou escapar.

“Grazas á modificación das ordenanzas fiscais que aprobamos en setembro de 2025, estas vivendas de promoción públicas, as que se constrúen, poderán beneficiarse, se o solicitan, da bonificación do 50% do IBI, sempre que manteña a titularidade públicae que se destine ao alugueiro”, apuntou Sanmartín.

Neste sentido a alcaldesa tamén se referiu á bonificación do 45% do imposto de bens inmobles nos dez anos seguintes e á do 95% do ICIO (imposto sobre construcións) e aproveitou para “facer fincapé en que esta modificación das ordenanzas fiscais, tan relevante para o momento en que se constrúan estas vivendas, tivo o voto negativo do Partido Popular”.

Arrendamento social

Goretti Sanmartín defendeu na súa intervención ante a prensa a “colaboración lóxica entre administracións, que consideramos absolutamente necesaria para o problema da vivenda”. “Hai que incrementar, estamos de acordo, esa oferta de vivenda de protección pública, nun contexto moi complexo”, asegurou a alcaldesa de Compostela para facer un segumento chamamento á Xunta para retomar o diálogo sobre a cesión doutras parcelas condicionadas a seren destinadas a alugueiro protexido.

“Dirixímonos á Xunta de Galicia no mes de outubro para ofrecerlle a posibilidade de cesión doutras parcelas, nas que, ademais, se poderían construír unhas 80 vivendas, coa condición de que se dedicase a vivenda pública en alugueiro, unha oferta que a Xunta rexeitou, mais a nós gustaríanos retomar ese diálogo”.

A alcaldesa matizou tamén que esa oferta segue vixente “sempre no marco dun programa dun conxunto de investimentos en adquisición e rehabilitación de inmobles para ese destino”.

Tracking Pixel Contents