Crise na rede de CSC
Folga nos centros socioculturais de Santiago tras catro meses sen cobrar: «Os ánimos están polo chan»
A renuncia de Eulen a facerse cargo do servizo leva os traballadores a unha situación límite. Raxoi inicia contactos coa segunda empresa do concurso

O centro sociocultural de Conxo nun momento da tarde do venres / Jesús Prieto

Despois de catro meses sen cobrar, a noticia da renuncia de Eulen a facerse cargo do servizo de dinamización e mediación dos Centros Socioculturais (CSC) foi recibida polos traballadores «como se caera auga fría enriba». O persoal celebrou unha asemblea o xoves na que, entre outros acordos, decidiu convocar unha folga se o Concello non atopa unha solución inmediata. Segundo sinalou a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, xa se iniciaron contactos coa empresa que quedou en segundo lugar no concurso para ver se asume a xestión mentres se estudan sancións contra Eulen.
A actual responsable do lote máis importante dos centros e a que concentra o maior número de persoal a cargo, Serviplus, leva sen pagar as nóminas desde outubro. A chegada dunha nova adxudicatatia víase coa esperanza de «cobrar e abrir a posibilidade tamén dun pronto pago dos atrasos», segundo explica Miguel de la Peña, animador no Centro Sociocultural de Fontiñas. Coa retirada de Eulen «os ánimos están polo chan», comenta, xa que «hai compañeiros e compañeiras que me cae a alma ao chan cando falo con eles, chorando porque non aguantan máis».
Consecuencias no persoal e nos usuarios
Ante os reiterados impagos, moitos tiveron que tirar de aforros para facer fronte aos gastos do día a día, tal como relata unha monitora de pintura e debuxo en dous locais da rede. «Hai xente que ten hipotecas, que ten fillos. A xente está mal. Non é o meu caso, pero a miña situación é como a dos demais. Traballo para que me paguen e poder ter un diñeiro a fin de mes», apunta.
Os traballadores contactados por este diario continúan acudindo aos seus postos, pero sinalan que algúns compañeiros están a sufrir «problemas de ansiedade» e colleron baixas laborais. De la Peña afirma que «estamos traballando polos nosos dereitos, pero tamén porque disfrutamos co que facemos», algo que comparte a súa compañeira ao asegurar que «a min sábeme mal polos nenos, vou por eles». De la Peña engade que «a situación pon en perigo a conciliación das familias e que a xente maior que vive sola quede sen espazos para compartir, non merecemos isto, nin nós nin eles».
Movemento «estraño»
A delegada sindical da CIG, Carme Iglesias, sinala que se mantiveron contactos con Eulen desde a adxudicación do pasado 21 de xaneiro e que a decisión «sorprendeu», tanto ao persoal como ao Concello. Os traballadores cren que a renuncia é un movemento «estraño» e que as razóns «non son cribles», xa que a débeda de Serviplus co persoal estaría cuberta coa retención de facturas aplicada por Raxoi como garantía de pago e, segundo Iglesias, «xa había un acordo de cesión da débeda entre as empresas».
Ademais, na asemblea do xoves o persoal decidiu por maioría retirar a demanda xudicial colectiva sobre o convenio e ir a unha negociación coa adxudicataria. Nesta liña, Iglesias pon o foco noutro posible motivo, «o temor a asumir outras débedas que poida ter Serviplus, por servizos prestados ou con provedores».
Mentres Raxoi estuda a opción de salvar a licitación con outra empresa, o persoal mantén os seus plans de folga e outras accións para «exercer presión», como peches nos centros. O cobro dos salarios que se vía próximo volve ser incerto e «a situación ponse moi fea», conclúe Iglesias.
O PP esixe dimisións e o PSOE afea o «abandono»
No ámbito político, os grupos da oposición cargaron contra a xestión do goberno compostelán ante esta nova crise. O concelleiro do Partido Popular, José Ramón de la Fuente, sinalou que «só cabe a asunción de responsabilidades mediante dimisións» e reclamou que a alcaldesa «dea explicacións, que asuma persoalmente a xestión desta crise, que garanta os postos de traballo e os dereitos dos traballadores afectados». De la Fuente criticou a xestión de todo o proceso e puxo en dúbida as razóns ofrecidas para a renuncia, xa que a situación «era coñecida desde hai tempo».
A edil do PSOE, Marta Abal, acusou ao goberno municipal de ter levado á rede de Centros Socioculturais «á súa maior crise por unha xestión marcada pola falta de previsión, o abandono e a incapacidade para garantir un servizo público esencial». Abal cre que a decisión de Eulen «non pode desvincularse» desta xestión e insistiu en que a prioridade debe ser garantir a continuidade do servizo e a protección dos dereitos laborais.
Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, puxo o foco en Eulen, ao indicar que a súa actuación foi «irresponsable» e «ten que ter consecuencias», insistindo no estudo das vías legais para «a imposición de penalidades». «É algo inexplicable que Eulen decida non facerse cargo dese contrato con explicacións que non nos convencen e que non se entenden», remarcou. Agora, ademais dos contactos coa segunda empresa do concurso, Raxoi valora que facer con Serviplus e a súa posible continuidade ata que a outra firma se faga cargo do servizo.
- Viajar en coche de Santiago a Vigo o A Coruña por la AP-9 supera el coste de un vuelo de ida y vuelta a Barcelona
- Rosa Crujeiras se convierte en la primera rectora de la USC en sus 531 años de historia
- Alivio' de los precios de la gasolina en Santiago: la mayor liberación de la historia de reservas de petróleo por parte de la AIE ya se nota en los bolsillos de los compostelanos
- El brunch más campero aterriza en Santiago: 16 tipos de tostadas y 10 de tortitas para desayunar entre animales de granja
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
- El bar de Santiago donde Felipe VI se despejaba los viernes: así era el mítico Zum Zum
- Ahora hasta las gasolineras venden pasteles': la confitería más antigua de Santiago que hace a mano todos sus dulces
- Correos cierra su oficina de O Restollal, en Santiago, ante la 'bajada de la actividad”