VIII Festival Rosalía
‘Porque así somos’, muller e lingua: celebrar que «persistimos»
Mazarelos, Santo Agostiño e o Principal volven o 21 e 22 ser escenario de celebración rosaliana

Goretti Sanmartín e Sol Agra na presentación do Festival Rosalía / Cedida

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a deputada de Igualdade e Lingua, Sol Agra, presentaron a programación da VIII edición do Festival Rosalía, que vai decorrer os días 21 e 22 de febreiro (véspera do 189 aniversario da poeta) entre a Praza de Mazarelos, a igrexa de Santo Agostiño e o Teatro Principal.
Porque así somos, con este verso tirado de Follas novas celébrase «como festexo», dixo Sol Agra, «que permanecemos e persistimos», ademais de reivindicarmos «o pensamento e a lingua que dela herdamos», dixo da «muller máis representativa do país», Rosalía de Castro, nada na Praza de Vigo cando aínda era parte do Concello de Conxo.
A deputada debullou unha parte da programación do festival acompañada pola rexedora que, entre outras cousas, celebrou o papel da nosa poeta «en defensa da lingua e das mulleres», e tamén que tanta xente empezara a escribir «por Rosalía», nomeadamente a xente máis nova que «segue a ver na súa obra un valor a reivindicar, en tempos de volta atrás».
«Rosalía tería moito que dicirnos hoxe»
A alcaldesa non deixou pasar tampouco a ocasión de referirse, non só ao «moito que Rosalía ten que dicirnos hoxe», tamén que coa creación de textos coma As literatas se adiantou a revindicacións posteriores, «sen sometemento aos seus iguais» (os literatos) na procura do «cuarto propio», aludindo ao feminismo e á obra de Virginia Woolf, publicada en 1929.
O VIII Festival Rosalía vai tamén celebrar este ano outra autora, «feminista», a homenaxeada polo Día das Letras, Begoña Caamaño. Sobre a súa obra versa a peza escénica da actriz Mónica Camaño, que o domingo 22 ás 13 horas vai ter lugar en Mazarelos, Da voz de Morgana.
Programa do festival
O programa do festival terá moita poesía pero tamén teatro, música, contos e debate, iniciativas de estrea e únicas, e conmemoracións.
Entre as celebracións, está o décimo aniversario da editorial Chan de Pólvora. O que se repite aquí en exclusiva é Primavera vai chegar, ás 12 e ás 16.30 horas do día 22 en Santo Agostiño con Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero.
Do novo cómpre destacar a colaboración do Festival Rosalía co Festival Atlántica, de aí xorde Contoesías: contos e poesías da man de Dores Tembrás, Yamini Prabhu, Carmen Conde e Sole Felloza.
E a música estará tamén da man de Uxía Senlle e Javier Ruibal e o seu De tu casa a la mía, á guitarra de Marcos Teira. Polo medio, improvisacións, debate, lectura e dramatizacións, esta última da man dos Quinquilláns, e un peche de festa no Teatro Principal a cargo do Mago Teto.
- Un estudiante de Santiago logra el oro en las olimpiadas nacionales de FP
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Un hotel en la antigua muralla de Santiago: la apuesta de un empresario gallego con negocios en Brasil
- María Renée, la joven que pone voz a las quejas de Pontepedriña por el proyecto 'Entre Sar e Sarela'
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- Nuevo movimiento en la 'milla de oro' de Santiago: Ela Diz deja el casco histórico y se va a Xeneral Pardiñas
- Crónica social compostelana | Comida de extrabajadores de la desaparecida empresa Daviña