Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Sanidade

Bouza denuncia que o helicóptero de emerxencias de Santiago leva 15 días parado

Acusa á Xunta de «mala xestión» e reclama que tome medidas para garantir a cobertura

Helicóptero do 061 realizando un voo nas inmediacións do Hospital Clínico de Santiago

Helicóptero do 061 realizando un voo nas inmediacións do Hospital Clínico de Santiago / Antonio Hernández

Santiago

O deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, denunciou a falta de operatividade do helicóptero de emerxencias con base en Santiago de Compostela, que, segundo explicou, leva máis de quince días sen estar operativo. Bouza cualificou a situación como «absolutamente anómala e gravísima», advertindo de que non só afecta á seguridade cidadá, senón tamén á capacidade de resposta do sistema público de emerxencias.

O deputado socialista reclamou explicacións inmediatas tanto á Consellería de Sanidade como ao presidente da Xunta de Galicia e cuestionou a xestión dun servizo esencial. «Non podemos permitir que o noso sistema público, algo tan importante como é a sanidade pública, estea nas mans destas persoas que están a permitir que esteamos durante 15 días sen un helicóptero tan necesario», advertiu.

«Non é unha situación que se acabe de dar de maneira illada», indicou Bouza, que lembrou que esta mesma circunstancia «xa se reproduciu de maneira reiterada durante a anterior adxudicación como a actual dende o ano 2023».

Iniciativa parlamentaria

Neste contexto, anunciou que o PSdeG levará esta situación ao Parlamento galego e reclamará ademais de «explicacións públicas» medidas para «que se garanta de maneira inmediata a dispoñibilidade dun helicóptero de emerxencias con base operativa en Santiago de Compostela, para que se asegure así a plena cobertura do servizo mentres non se resolva a actual licitación», sinalou.

Bouza reclamou tamén transparencia por parte da Xunta e considerou «imprescindible que se dea conta á cidadanía sobre a situación real do servizo dos helicópteros de emerxencias e tamén das medidas adoptadas para evitar novas interrupcións».

O responsable socialista esixiu ademais unha «reacción inmediata» por parte do Goberno galego para garantir o cumprimento dos contratos vixentes e «que se adopten medidas urxentes para reforzar o control e a esixencia do cumprimento das obrigas contractuais por parte da empresa prestadora» do servizo de helicópteros de emerxencias.

Tracking Pixel Contents