Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Crise na rede de CSC

Solución, folga ou peche: os escenarios posibles nos centros socioculturais de Santiago

A renuncia de Eulen a facerse cargo do contrato tras serlle adxudicado deixa paso á incertidume sobre o que pode ocorrer nos próximos meses, sobre todo se a segunda empresa do concurso non asume finalmente a xestión

Varias persoas acceden ao Centro Sociocultural de Fontiñas, na tarde do pasado venres

Varias persoas acceden ao Centro Sociocultural de Fontiñas, na tarde do pasado venres / Jesús Prieto

Manu López

Manu López

Santiago

Dúas semanas despois de serlle adxudicado o contrato para poñerse á fronte da dinamización e mediación dos Centros Socioculturais (CSC) de Santiago, Eulen deu marcha atrás. A decisión da empresa abriu un escenario inédito porque ía coller o relevo duns servizos nos que Serviplus, a actual concesionaria, permanece a través dunha orde de continuidade e sen pagarlle desde outubro aos 70 traballadores que ten a cargo. O persoal vía con esperanza a posibilidade de percibir os seus salarios con normalidade e cobrar os atrasos, pero esa perspectiva quedou truncada coa renuncia de Eulen.

Agora Raxoi ten diferentes alternativas sobre a mesa. A primeira delas, que xa activou nos últimos días, é propoñerlle á empresa que quedou en segundo lugar no concurso que asuma o servizo. O contrato está dividido en tres lotes e a este unicamente concorreron dúas firmas, a mencionada Eulen e Os Ventos. A alcaldesa Goretti Sanmartín sinalou o venres que os primeiros contactos foron positivos, pero está por concretar se finalmente asumirá a xestión. «Falamos con eles e estaban botando contas», sinalou a este diario a delegada sindical da CIG, Carme Iglesias. «Noutros servizos acumulou moitas queixas. É eficiente no pago e, se teño que escoller, prefiro cobrar, pero temos certo medo á situación que imos atopar», destacou pola súa banda Miguel de la Peña, animador no Centro Sociocultural de Fontiñas.

Procedemento negociado sen publicidade

Este sería o camiño máis rápido para atopar unha solución, pero que ocorre se Os Ventos non se fai cargo da concesión? Segundo explica Iglesias, o seguinte paso que poderían dar Raxoi sería buscar unha empresa a través dun procedemento negociado sen publicidade, cuxos prazos poderían variar dependendo do que o Concello tardase en encontrar algunha firma interesada. «Coa situación de Serviplus e o persoal sen cobrar desde o mes de outubro, os centros están de capa caída porque toda esta situación inflúe na calidade do servizo. Con esta publicidade, non sei que empresa vai querer facerse cargo», valora a delegada sindical.

Nova licitación, un proceso de meses

De non prosperar tampouco esta vía, Iglesias subliña que o lóxico sería volver iniciar a licitación. «Iso xa sería tremendo», afirma, porque os dereitos dos traballadores poderían verse minguados neste escenario. Entre a saída dunha concesionaria e a chegada da seguinte o persoal ten dereito a ser subrogado durante un ano. Transcorrido ese tempo, a empresa que chegue decide se conta cos mesmos empregados ou non. Ademais, perderían outros dereitos adquiridos como a antigüidade.

Do mesmo xeito, durante ese período de tempo o goberno local tería que decidir que facer con Serviplus. «A orde de continuidade tiña un sentido, en tanto ía entrar outra empresa, pero se non temos esa certeza, non van estar aí ata o fin dos tempos. Supoño que nalgún momento romperase, Serviplus sairá do servizo e iremos ao paro os que poidamos cun ERE, porque vai haber xente que non poida cobrar o paro», expón Iglesias.

Risco de peche

Outra posibilidade que pon sobre a mesa a delegada da CIG é unha municipalización transitoria, algo que, por exemplo, ocorreu na Coruña, aínda que «aquí non se cumplen exactamente as mesmas condicións». Engade que «é difícil, pero polo menos deberían esgotar esa vía, porque senón o que imos encontrar é que nun breve prazo de tempo os centros van estar cerrados». Algo que tamén pode suceder en dúas semanas, xa que, de non aparecer unha solución, o persoal irá á folga para esixila.

Tracking Pixel Contents