Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cauces fluviais

O PP ve risco de asolagamentos pola «inacción» de Raxoi nos ríos de Santiago

Reclama que se execute o plan de mantemento aprobado no pleno: «É intolerable que sexan os propios veciños os que teñan que limpar»

Árbores e maleza na ribeira do río Sar ao seu paso por Santiago

Árbores e maleza na ribeira do río Sar ao seu paso por Santiago / Cedida

Santiago

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denunciou onte «a evidente inacción do goberno de BNG e CA, ante o alarmante estado de abandono das ribeiras e regatos do municipio, o que está a provocar que moreas de lixo e maleza poidan atascar vías fluviais, o que, en calquera momento, pode provocar asolagamentos en vivendas e propiedades da veciñanza, poñendo en perigo centos de casas».

«É evidente que o goberno nacionalista está de costas á cidadanía, porque, xa hai uns días, tiñamos que ver nas redes sociais á veciñanza de Suarribas tentando cortar e apartar árbores caídas na contorna dos seus domicilios que, en calquera momento, podían provocar un taponamento da ponte da Gradicela e, como xa ocorreu nos últimos anos, inundacións nas súas vivendas», explicou o concelleiro.

Plan de mantemento

De la Fuente insistiu en que, «a pesar de terllo pedido, pública e oficialmente, ao goberno de BNG e CA, con tempo máis que suficiente, e de que, en febreiro do pasado ano, se aprobase no pleno unha proposición nosa para que se elaborase un plan de revisión e mantemento das ribeiras dos ríos, co fin de garantir unha limpeza exhaustiva das mesmas, o certo é que os nacionalistas, como sempre, nada fixeron».

«Pasado un ano, o goberno de BNG e CA non fixo unha intervención importante, porque só hai que achegarse ata as ribeiras do Sar ou do Sarela son evidentes a multitude de árbores e arbustos inertes que se atopan ao carón das mesmas e que poden en calquera momento desprenderse», remarcou.

Localización de puntos problemáticos

O edil do PP subliñou ademais que «a idea era facer un plan de actuación que localizara os puntos máis problemáticos nos que se teñen producido asolagamentos de forma recorrente e que se aproveitara o verán para facer as labores de limpeza, roza e mantemento e, así, garantir que, antes do mes de setembro, todas as beiras dos ríos foran revisadas e obxecto dunha intervención adecuada».

De la Fuente lamentou que o goberno, «como noutras ocasións, non fixera nada». Nesta liña, destacou que «xa non se poden agochar detrás da falta de tempo ou de acontecementos meteorolóxicos imprevisibles, porque contaron con meses de sobra e están avisados por veciños e oposición, polo que son coñecedores desta problemática, a pesar do cal non tiveron a ben poñerse a traballar e limpar os ríos e as redes de sumidoiros da cidade». Ademais, esixiu accións de limpeza «inmediatas».

Tracking Pixel Contents