Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Crise nos Centros socioculturais

O PSOE critica a “parálise” na xestión do Bipartito pero non pide dimisións polo conflito dos CSC

O grupo municipal socialista presentarase no Debate sobre o Estado do Municipio cunha “crítica construtiva” á acción do goberno local

Sindo Guinarte, na sala de prensa do Concello de Santiago

Sindo Guinarte, na sala de prensa do Concello de Santiago / Cedida

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Os edís do grupo municipal socialista, Marta Abal e Sindo Guinarte, compareceron este martes en rolda de prensa no Pazo de Raxoi para dar conta do seu posicionamento de “crítica construtiva” de cara ao Debate sobre o Estado do Municipio previsto para este xoves, remarcando que o goberno local “está paralizado na xestión”. Máis alá disto nin Abal nin Guinarte esquivaron a valoración en torno ao cese de actividades nos Centros socioculturais (CSC) anunciado este luns polo edil de Compostela Aberta Xan Duro.

Agora é o momento de pensar en usuarios e traballadores”, asegurou o voceiro Sindo Guinarte, que criticou unha vez máis que o goberno local dese orde de continuidade ao contrato con Serviplus cando “a empresa xa estaba incumprindo”. Así e todo o voceiro asegurou, desmarcándose do Partido Popular, que “non é o momento de pedir dimisións”, sen deixar de remarcar que a responsabilidade desta situación recae na alcaldesa Goretti Sanmartín.

“O concelleiro tamén ten moita responsabilidade”, matizou a edil Marta Abal para pedirlle ao goberno bipartito que “deixe de botar balóns fóra” e asuma o erro de aprobar “dúas prórrogas forzosas e unha orde de continuidade” con Serviplus “sabendo que era previsible que deixara de pagar”.

Pese á crítica, os socialistas coinciden co goberno local en que “son sorprendentes” as causas alegadas por Eulen por renunciar á formalización do contrato, xa que a débeda cos traballadores era coñecida no momento de participar na licitación do novo contrato dos CSC.

“Ao goberno fáltanlle políticas que solucionen”

O voceiro do grupo municipal socialista, Sindo Guinarte, comezou a súa intervención na sala de prensa de Raxoi anunciando que no Debate sobre o Estado do Municipio o PSdeG fará unha valoración da acción do goberno local “contrastándoa co programa electoral” co que as forzas que conforman o Bipartito concorreron ás municipais de 2023. E asegurando que a postura dos socialistas será “crítica pero construtiva”.

Nesa crítica Guinarte temeu que o mandato de Sanmartín vai ser “un mandato perdido” e aventurou que a veciñanza de Compostela deberá valorar se “valeu a pena ter unha alcaldesa nacionalista” ou cómpre volver a unha formación “con experiencia” na rexeduría da cidade, en relación ao PSOE.

“A este goberno fáltanlle políticas para solucionar os problemas da cidade, é un goberno paralizado que só reacciona cando ten a auga ao pescozo”, afirmou Guinarte. O voceiro socialista fixo referencia á “mala xestión” dos servizos básicos, coma a limpeza dos espazos públicos ou a seguridade (facendo mención á crise co Corpo de Bombeiros) e tamén ao mantemento dos viarios.

En canto ás políticas de vivenda o PSOE defende que o Bipartito vive das rendas do mandato socialista, en relación á solución para a parcela de Peleteiro, e critica que aínda non se puxese en marcha a empresa municipal de vivenda e que dos inmobles do Rexistro de Soares “un saíu a poxa pública e hai tres xudicializados”.

A xestión dos fondos europeos vai ser outra das claves do PSOE na fiscalización da acción do goberno no Debate sobre o Estado do Municipio. “É unha perda millonaria e non nos podemos permitir perder fondos absolutamente necesarios para a cidade”, sentenzou Guinarte.

Tracking Pixel Contents