Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

De Oito a Oito, o centro de día de Santiago que é coma un segundo fogar para os maiores

Este espazo con capacidade para 26 prazas serve como apoio clave para as familias facilitando a conciliación

Rodeados por un ambiente amistoso e cómodo, os usuarios gozan cada día de actividades de estimulación cognitiva e promoción da autonomía funcional

Contan con servizos de ducha, almorzo, comida e cea, e organizan visitas sorpresa, espectáculos e saídas ao exterior

Os usuarios do centro de día recibindo ao grupo musical De Ninghures

Os usuarios do centro de día recibindo ao grupo musical De Ninghures / Cedida

Santiago

O centro de día para persoas maiores De Oito a Oito, situado na rúa Cotaredo 13 (Santiago), é un lugar cuxo labor facilita a vida dos anciáns e das súas familias. Como aclara o seu propio nome, abre as súas portas dende as oito da mañá ata as oito da tarde (de luns a venres sen festivos incluídos) coidando da mellor maneira posible aos seus membros e facilitando a conciliación cos seus familiares.

Baixo este horario, fanse cargo dos usuarios en función das condicións de cada caso: uns van de nove da mañá ata as sete da tarde, outros de oito da mañá a cinco da tarde ou incluso de dez da mañá a seis da tarde. Con todo, establecen que para aceptar un novo membro debe permanecer polo menos tres horas diarias no centro para establecer unha rutina eficaz e cómoda.

En De Oito a Oito respírase un ambiente de complicidade e comunidade.

En De Oito a Oito respírase un ambiente de complicidade e comunidade. / Cedida

O seu persoal de técnicas de apoio está formado por sete traballadoras: a responsable do centro, enfermeira e nutricionista Lorena Munín; cinco técnicas auxiliares, das que unha tamén é animadora; e unha terapeuta ocupacional. Estas son as profesionais que se encargan de garantir o benestar dos usuarios do centro, de atender as súas necesidades básicas e de traballar en conxunto para estimular a súa mente de forma divertida con propostas variadas e completas.

As súas instalacións dispoñen dunha sala de terapia polivalentes, atención psicosocial e terapia ocupacional; servizo de comedor con comida elaborada no centro e no que poden dar almorzo, comida e merenda; enfermería e duchas xeriátricas adaptadas para os maiores. Pero se por algo destacan, é polo seu trato próximo e humanizado cos usuarios, o que converte a De Oito en Oito nun espazo cheo de sorrisos, conversas agradables e momentos compartidos.

O equipo de traballadoras do centro de día De Oito a Oito.

O equipo de traballadoras do centro de día De Oito a Oito. / Cedida

"Neste centro xorden amizades moi bonitas entre usuarios e cos traballadores. Moitos chegan o luns xa coa ilusión de volver a ver a seus compañeiros e amigos. É como un segundo fogar para eles", destaca Lorena Munín.

Diversión asegurada cada día

Para fomentar este espazo como un lugar agradable ao que acudir felizmente cada día, as profesionais traballan asiduamente para divertir ás persoas da terceira idade de mil e unha formas, ao tempo que impulsan as súas capacidades cognitivas e autonomía. Nas rutinas inclúen sesións de lectura, xogos, musicoterapia e outras propostas en función da xornada. "Cada día temos unha actividade principal, pode ser unha sesión de cine, bingo, canto, talleres de calcetar ou gancho, pintura, xerontoximnasia, xogos de mesa ou de estimulación da memoria, etcétera", expresa a responsable da entidade.

Non só con iso, se o día o permite, ata fan paseos polo exterior e actividades ao aire libre. Baixo esta filosofía, o centro consegue reforzar os vínculos entre usuarios e brindar experiencias únicas.

Membros do centro de día descansando durante un paseo.

Membros do centro de día descansando durante un paseo. / Cedida

Cercanía coas familias

En De Oito a Oito ocúpanse en todo momento de manter informados ás familias do estado dos seus seres queridos, avisando inmediatamente de calquera hipotética incidencia e transmitíndolles as propostas coas que traballan día a día. De feito, envíanlles frecuentemente fotografías dos usuarios durante as actividades para gardar como recordo e fomentar a transparencia.

Ademais, convidan ás familias a participar en todas as propostas especiais que organizan ao longo do ano en datas sinaladas coma o Entroido, San Valentín, Nadal ou Samaín, así como nas visitas que reciben de personalidades destacadas, como na ocasión que o grupo musical De Ninghures lles deu unha actuación especial.

O centro de día trata de superarase cada ano con accións únicas que atraen felicidade e forman comunidade. Todo isto nun camiño no que os protagonistas son as persoas que entran cada día pola súa porta, almas cheas de bondade, empatía e cariño que non perden a oportunidade de botar unha man aos seus compañeiros, felicitar un aniversario ou boa noticia ou dar un consello de vida.

Tracking Pixel Contents