Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PP de Santiago denuncia o mal estado dunha oficina de turismo 'depositada' na rúa Ramón Piñeiro

José Antonio Constenla esíxelle ao bipartito que arranxe a perigosa situación na que se atopa

Axentes da Policía Local de Santiago ante a oficina de turismo instalada na rúa Ramón Piñeiro.

Axentes da Policía Local de Santiago ante a oficina de turismo instalada na rúa Ramón Piñeiro. / Cedida

Redacción

Santiago

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, esixiulle ao goberno de BNG e CA que poña solución, de forma urxente, ao “deplorable e perigoso estado de abandono no que se atopa a antiga oficina de turismo, depositada, a día de hoxe, na rúa Ramón Piñeiro”.

O edil popular advertiu que, “a actual situación do inmoble supón un grave risco para as nenas e nenos que xogan nas súas inmediacións; e para os viandantes que por alí transitan todos os días, polo que se fai necesario que o goberno nacionalista tome unha decisión sobre que vai facer con ese elemento”.

“Esta instalación, deseñada polo arquitecto Jorge Pegedelles, -indicou- xa estivo colocada, hai anos e de forma provisional, na Praza de Galicia, onde cumpría a función de informar a turistas e visitantes que ata alí se achegaban dende o Xacobeo 2023 pero, unha vez trasladada á súa actual ubicación, quedou totalmente esquecida e o goberno de BNG e CA nada está a facer para rematar co seu evidente deterioro, que o está a converter nun perigoso artefacto metálico”.

Perigo para a rapazada

Constenla explicou que “xa a simple vista son evidentes partes metálicas oxidadas, desfeitas e cortantes; ademais de cristais rotos, sen que ningún tipo de cerramento impida que a rapazada se achegue ata alí”.

“Esta situación -insistiu o popular- é unha total irresponsabilidade por parte do goberno nacionalista, que permite o deterioro paulatino do case irrecuperable inmoble, o que, calquera día, pode provocar un grave accidente”.

Así mesmo, o concelleiro popular subliñou que “xa son varias as advertencias da veciñanza nas que denuncian que, recentemente, se observa a entrada e saída de persoas de dita instalación e, incluso, comportamentos, actitudes e movementos que parecen indicar unha posible actividade vinculada co tráfico de estupefacientes”.

FRemarcou que “o estado perigoso e a posibilidade de que se teña convertido nun lugar de trapicheo, provoca entre a veciñanza da zona unha importante inquedanza, ao situarse tamén a poucos metros dun parque infantil e dun centro educativo de nenos pequenos”.

Tracking Pixel Contents