Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Crise nos CSC

A veciñanza móvese en apoio do persoal dos centros socioculturais

O goberno local celebrou este martes unha xunta de goberno extraordinaria para ratificar a renuncia de Eulen e proseguir coa adxudicación a Os Ventos para retomar a actividade dos CSC

O venres está convocada unha concentración de usuarios no CSC Aurelio Aguirre de Conxo

O venres está convocada unha concentración de usuarios no CSC Aurelio Aguirre de Conxo / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O vindeiro venres 13, ás 17 horas, hai convocada no Centro sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo unha concentración en apoio dos traballadores dos CSC, que unha vez renunciou a adxudicataria (Eulen) a ratificar o contrato van pasar a situación de desemprego, acumulando ademais catro meses de nóminas impagadas por parte da actual concesionaria, Serviplus. Unhas concentracións que se fan extensivas a outros centros socioculturais do concello.

«Quedamos sen servizo, sen uns monitores que fan un traballo extraordinario», comenta en conversa con EL CORREO GALLEGO unha das usuarias afectadas polo cese de actividades contratadas con Serviplus, unha vez que o novo contrato non puido facerse efectivo. O goberno local celebrou este martes unha xunta de goberno extraordinaria para ratificar a renuncia de Eulen e iniciar formalmente o procedemento coa segunda licitadora, Os Ventos, mais mentres non se resolve esta situación as actividades organizadas por Serviplus suspéndense e os traballadores do servizo de CSC pasan a situación de desemprego.

A veciñanza con cativos defende «o vínculo que estableceron as crianzas cos monitores» sen esquecer que o espazo dos CSC é para os máis pequenos «un círculo de protección, un lugar seguro». Pero non só para as crianzas, tamén para as persoas maiores que en moitos casos viven soas e as clases de memoria, entre outras, supoñen para eles o principal espazo de socialización ao que teñen acceso. Dende entidades coma a Casa Agraria de Meixonfrío búscanse xa alternativas para continuar coas actividades mentres non se resolva a situación e, en xeral, a veciñanza pula por manter un servizo básico fundamental para a vida dos barrios.

No concurso para o novo contrato só participaron Eulen e Os Ventos, coa primeira o goberno local xa estuda as medidas penalizadoras que se poden aplicar, segundo a Lei de contratos, toda vez que a renuncia da adxudicataria a asinar o contrato se sustenta en dúas premisas que «non xustifican» esta renuncia. O edil de CSC, Xan Duro, explicábao este luns en rolda de prensa especificando que unha destas razóns aducidas pola adxudicataria Eulen se refería á débeda contraída por Serviplus cos seus traballadores, previa e coñecida no momento de licitar o novo contrato e para a que o Bipartito xa retén os pagamentos á concesionaria por un valor de 190.000 euros.

A outra das razóns alegadas por Eulen para non formalizar o contrato ao que concursou é xudicialización do reclamo do cadro de persoal para que os pregos recollan o cuarto, e non o terceiro, convenio colectivo para a súa actividade. «Non hai un sentenza», explicaba na rolda de prensa o concelleiro de Compostela Aberta.

O PSOE non pide dimisións pero critica a Raxoi

Os edís do grupo municipal socialista, Marta Abal e Sindo Guinarte, compareceron este martes en rolda de prensa no Pazo de Raxoi para dar conta do seu posicionamento de «crítica construtiva» de cara ao Debate sobre o Estado do Municipio previsto para este xoves, remarcando que o goberno local «está paralizado na xestión». Máis alá disto nin Abal nin Guinarte esquivaron a valoración en torno ao cese de actividades nos Centros socioculturais (CSC) anunciado este luns polo edil de Compostela Aberta Xan Duro.

«Agora é o momento de pensar en usuarios e traballadores», asegurou o voceiro Sindo Guinarte, que criticou unha vez máis que o goberno local dese orde de continuidade ao contrato con Serviplus cando «a empresa xa estaba incumprindo». Así e todo o voceiro asegurou, desmarcándose do Partido Popular, que «non é o momento de pedir dimisións», sen deixar de remarcar que a responsabilidade desta situación recae na alcaldesa Goretti Sanmartín.

«O concelleiro tamén ten moita responsabilidade», matizou a edil Marta Abal para pedirlle ao goberno bipartito que «deixe de botar balóns fóra» e asuma o erro de aprobar «dúas prórrogas forzosas e unha orde de continuidade» con Serviplus «sabendo que era previsible que deixara de pagar».

Pese á crítica, os socialistas coinciden co goberno local en que «son sorprendentes» as causas alegadas por Eulen por renunciar á formalización do contrato, xa que a débeda cos traballadores era coñecida no momento de participar na licitación do novo contrato dos CSC.

«Ao goberno fáltanlle políticas que solucionen»

O voceiro do grupo municipal socialista, Sindo Guinarte, comezou a súa intervención na sala de prensa de Raxoi anunciando que no Debate sobre o Estado do Municipio o PSdeG fará unha valoración da acción do goberno local «contrastándoa co programa electoral» co que as forzas que conforman o Bipartito concorreron ás municipais de 2023. E asegurando que a postura dos socialistas será «crítica pero construtiva».

Nesa crítica Guinarte temeu que o mandato de Sanmartín vai ser «un mandato perdido» e aventurou que a veciñanza de Compostela deberá valorar se «valeu a pena ter unha alcaldesa nacionalista» ou cómpre volver a unha formación «con experiencia» na rexeduría da cidade, en relación ao PSOE.

«A este goberno fáltanlle políticas para solucionar os problemas da cidade, é un goberno paralizado que só reacciona cando ten a auga ao pescozo», afirmou Guinarte. O voceiro socialista fixo referencia á «mala xestión» dos servizos básicos, coma a limpeza dos espazos públicos ou a seguridade (facendo mención á crise co Corpo de Bombeiros) e tamén ao mantemento dos viarios.

En canto ás políticas de vivenda o PSOE defende que o Bipartito vive das rendas do mandato socialista, en relación á solución para a parcela de Peleteiro, e critica que aínda non se puxese en marcha a empresa municipal de vivenda e que dos inmobles do Rexistro de Soares «un saíu a poxa pública e hai tres xudicializados».

A xestión dos fondos europeos vai ser outra das claves do PSOE na fiscalización da acción do goberno no Debate sobre o Estado do Municipio. «É unha perda millonaria e non nos podemos permitir perder fondos absolutamente necesarios para a cidade», sentenzou Guinarte.n

Tracking Pixel Contents