Debate sobre o Estado do Municipio
Nin altos voos nin rasantes, Raxoi segue nunha área de turbulencias
O pleno valora o ano 2025 no medio dunha lea na que a alcaldesa lamenta a polarización dos populares e a oposición critica o fallo dos servizos básicos, o cese de actividades nos CSC e que non haxa contrato de buses

O Debate sobre o Estado do Municipio foi, igual que os últimos plenos, unha sesión bronca en Raxoi / CONCELLO

«Cando queremos voar temos que facelo ben alto para non tropezar coas gárgolas», falaba así a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no inicio do Debate sobre o Estado do Municipio citando a Ramón Otero Pedrayo –no ano do 50 aniversario do seu pasamento–e o seu texto O pastor dos feos bechos. A rexedora defendeu a intención do seu goberno de facer políticas «a medio e longo prazo, e que as urxencias non oculten o importante» facendo un símil coa escolla dun «voo rasante» ou «un voo de altura», que é o que escolleu o seu executivo.
Mais nin nas urxencias nin no importante coincidiu co goberno local a oposición no Pazo de Raxoi, nin o PP nin tampouco os que votaron a investidura de Sanmartín como alcaldesa e apoiaron os seus orzamentos en 2024 e 2025 –pendentes agora os de 2026–. O PSOE, compoñíano daquela seis concelleiros hoxe divididos entre dous do grupo municipal socialista e catro que forman parte dos non adscritos, ao seren expulsados do PSdeG, en parte, por desobedeceren as ordes do secretario xeral compostelán, Aitor Bouza, e non abstérense na votación da ordenanza das VUT –vivendas de uso turístico–, regulamento que promoveu o PSOE no anterior mandato, o do alcalde Xosé Sánchez Bugallo.
A lea, con moita sensación de ofensa e máis reacción á defensiva, que xa protagonizou os últimos plenos de 2025, non deixou de estar presente neste debate, que así rematou, co requiremento dunha intervención «por alusións» da edil non adscrita Mercedes Rosón á que se negou a rexedora, como xa antes fixera noutro ‘desencontro’ entre a concelleira Míriam Louzao e a edil popular Nerea Barcia.
Posta en valor dos avances por parte do goberno local, co foco nas políticas a medio e longo prazo (comedores escolares, conector central, contrato de transporte urbano... ) e críticas á actitude do goberno da Xunta con Santiago, e outros municipios, con cuestións coma o infrafinanciamento do SAF –servizo de axuda no fogar– ou a contía asignada nos orzamentos autonómicos á capital.
Mentres, a oposición insiste nos «anuncios baleiros» do Bipartito, na crise de servizos coma o de Bombeiros ou da Policía Local, na falta de limpeza e, como non podía ser doutro modo, no recente peche de actividades –xestionadas por Serviplus– nos centros socioculturais da cidade, cos traballadores no paro e os usuarios na casa.
«Voo de altura» do goberno
«Estamos a traballar na liña correcta», así valorou a alcaldesa de Santiago o traballo do goberno local en 2025, reivindicando o «alto nivel de vida» dos máis de 100.000 veciños que compoñen o censo compostelán. Pero máis alá de reivindicar a acción do goberno, Sanmartín afeoulle constantemente á oposición «a polarización» e a creación dun «relato que pretende pasar por real o que os feitos desmenten», coma a o descenso do turismo.
O«falso relato» do PP tamén o atacaron a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, que fixo balance da última década no Concello de Santiago, defendendo contratos «non ben dimensionados» do anterior mandato (coma o dos CSC), e a voceira do BNG, Míriam Louzao, que afeou a Borja Verea a súa reunión en Fitur (Feira Internacional de Turismo) co sector turístico da cidade e mais a denuncia de «falta de diálogo co sector» por parte do executivo local.
Para a súa defensa dun «turismo sostible» pero lonxe da turismofobia que achaca o PP, a alcaldesa fiou o seu relato facendo mención ás «sete portas da cidade», das que agora só se conserva a de Mazarelos, na arquitectura, mais moitas outras nos nomes. É o caso da Porta do Camiño, entrada de camiñantes que se achegan á Catedral e conexión coa améndoa dun dos principais barrios da cidade, o de San Pedro. Con este lugar no centro, o Bipartito prepara a «ordenanza de convivencia», cun «fin educativo».

Os edís do PP amosaron carteis coas deficiencias que achacan ao estado do concenllo / CEDIDA
O programa electoral do PP
«Está hoxe mellor Santiago que en 2023?», esta era para o líder do PP local, Borja Verea, a única pregunta que había que facer neste debate, e a que el respondeu cun «con Goretti Sanmartín todo funciona peor». E despois diso, un reclamo polos CSC, por non concretarse aínda a licitación do transporte público, ou pola falta de limpeza da cidade.
Verea asegura que o bipartito «non dá para máis» e que a única alternativa é un goberno do PP, polo que enumerou as medidas que poñerá en marcha cando sexa alcalde de Santiago, entre elas, «tirar a Casa da Xuventude» e abrir o Matadoiro ao parque de Belvís e «retirar os radares do túnel do Conxo». Punto este último que tamén reclamou a oposición a Sanmartín, lembrándolle que non quería radares con fins recadatorios, mais mantén este e anunciou a instalación de máis.
Dous grupos, unha reivindicación compartida
Os edís non adscritos e o PSOE, hai un ano na mesma bancada, recrimináronlle ao goberno local que boa parte dos proxectos que conseguiu poñer en marcha eran «herdados do mandato anterior», afeáronlle a perda de fondos europeos e reclamáronlle que faga «anuncios baleiros».
A diferenza nas súas intervencións –falaron primeiro os non adscritos e logo os socialistas– radicou no tono máis conciliador, aplicado na réplica aos balances dos grupos da oposición, por parte da concelleira Mercedes Rosón, que asegurou que máis alá do debate político «ou partidista» as concelleiras non adscritas colaborarían nas políticas beneficiosas para a veciñanza de Santiago, e asumiu tamén o labor da oposición, e non só do goberno, na representación da veciñanza que confiou neles o seu voto en 2023.
- Viajar en coche de Santiago a Vigo o A Coruña por la AP-9 supera el coste de un vuelo de ida y vuelta a Barcelona
- El bar de Santiago donde Felipe VI se despejaba los viernes: así era el mítico Zum Zum
- La playa favorita de Boris Izaguirre a 1 hora de Santiago: “Es un lugar maravilloso”
- Rosa Crujeiras se convierte en la primera rectora de la USC en sus 531 años de historia
- Alivio' de los precios de la gasolina en Santiago: la mayor liberación de la historia de reservas de petróleo por parte de la AIE ya se nota en los bolsillos de los compostelanos
- El brunch más campero aterriza en Santiago: 16 tipos de tostadas y 10 de tortitas para desayunar entre animales de granja
- Ahora hasta las gasolineras venden pasteles': la confitería más antigua de Santiago que hace a mano todos sus dulces
- Correos cierra su oficina de O Restollal, en Santiago, ante la 'bajada de la actividad”