Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A USC acolle unha exposición fotográfica sobre mulleres con cancro

'Virando o Rosa' pode visitarse no Claustro Alto do Colexio de Fonseca ata o 4 de marzo

Unha muller contempla unha fotografía da mostra ‘Virando o Rosa’, no Claustro Alto do Colexio de Fonseca da USC.

Unha muller contempla unha fotografía da mostra ‘Virando o Rosa’, no Claustro Alto do Colexio de Fonseca da USC. / Santi Alvite

L.R.

Santiago

A exposición fotográfica ‘Virando o Rosa’ de Diana Fajardo chegou este luns 16 ao Claustro Alto do Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago para outorgar visibilidade ás mulleres diagnosticadas de cancro e a como se están a enfrontar á enfermidade. "Reivindicamos as cicatrices”, dixo a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, no acto inaugural, no que defendeu a importancia dos diagnósticos precoces. Ademais da fotógrafa Diana Fajardo e da deputada provincial Sol Agra, interviñeron no acto as mulleres fotografadas, as cales relataron as súas respectivas experiencias destacando a necesidade de humanizar a atención sanitaria xa que “non somos números, nin estatísticas”. 

O proxecto 'Virando o rosa' aborda a atención ás mulleres diagnosticadas de cancro dende unha perspectiva de xénero. Esta iniciativa, que recibiu o VII Premio Luisa Villalba a proxectos pola igualdade da Deputación da Coruña, pivota sobre tres eixos: un libro gráfico, relatorios nas presentacións públicas e unha exposición fotográfica. Con estas tres iniciativas converxentes búscase tratar esta realidade social, amosala e intentar mudar comportamentos sanitarios na abordaxe do cancro e na atención ás mulleres; axudar a xerar un debate público para conseguir cambios no tratamento ás afectadas, ao mesmo tempo que dar un espazo ás mulleres que se atoparon con este tipo de comportamentos para poder presentar as súas propias experiencias.

Acto inaugural da mostra 'Virando o Rosa' en Fonseca, este luns.

Acto inaugural da mostra 'Virando o Rosa' en Fonseca, este luns. / Santi Alvite

“O obxectivo é superar imaxes como o lazo ou o pano rosa que, baixo un discurso de empoderamento e visibilización da recuperación, ocultan outras realidades”, explica Diana Fajardo. Preténdese dar voz e visibilidade ás experiencias e imaxes das mulleres diagnosticadas con cancro nun momento en que si existe unha presencia mediática das doentes, “pero o discurso predominante é case exclusivamente o de recuperación por riba das eivas que tamén se deberían amosar”. 

A mostra pode visitarse ata o 4 de marzo en horario de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

Quen é a autora?

Diana Fajardo é unha fotógrafa documental con máis de 20 anos de experiencia, doce deles co seu proxecto persoal. Algúns dos seus traballos máis salientables pódense contemplar de xeito permanente na Domus da Coruña.

Con exposicións individuais e colectivas, leva dez anos como docente cunha escola de fotografía propia, onde aborda a formación dende unha perspectiva feminista.

Tracking Pixel Contents