Martes de Carnaval
As chuviscadas non paran o Entroido
Os picheleiros non quedan na casa cando se trata de gozar dun desfile de comparsas, carrozas e charangas e ateigan as beirarrúas sen medo á choiva nin ao vento, ataviados coas súas mellores galas choqueiras. Moito pixama de personaxes de cinema de animación e de videoxogos como Minecraft, pallasos, piratas, superheroes... E moita e diversa música para o día grande da festa.

Entroido en Santiago 2026 /

Do que vai de ano, cantos días non choveu en Compostela? Mellor non botar a conta... Porque estes días grises, de choiva, vento e friaxe non deixan pegada nos entroideiros. Na Praza da Mercé de Conxo non había caras de frío nin se escoitaban queixas por tanta humidade, como moito os máis cativos pedíanlle a papá e a mamá que os sentasen no carriño mentres non comezaba o desfile. Eran todo sorrisos e gañas de troula, música, coreografías e Se chove... que chova! Que tamén podemos adornar o paraugas coma se fose unha medusa.
Clásicos e veteranos coma os Conformistas de Conxo, que este ano ían de aristócratas, cos seus tambores e bombos e a cincuentena de avós e avoas, fillos e fillas e netas e netos que compoñen os Armatroulas de Laraño déronse cita na Avenida de Ferrol para unírense a comparsas e carrozas vidas dos arredores, de Muros chegaron unhas piratas «galegas», e de máis lonxe, coma o mundo submarino que achegou á capital galega unha asociación de loita contra o cancro de Tapia de Casariego (Asturias).
Coas beirarrúas ateigadas de público picheleiro, da contorna e de máis lonxe, desfilaron os Conformistas de Conxo, «de parranda coma todos os anos», explicaba César a EL CORREO GALLEGO «tocando o tambor, meténdose coa xente e desfilando». Pese a que o día «non acompaña moito» o público subíase ao mobiliario urbano para poder aprezar mellor as actuacións e con chuviscada e todo César dos Conformistas tíñao claro: «Podía ser peor!».
Música ‘Mekanika’ para abrir o desfile até Xoán Carlos I
«Compostela, somos unha terra de loitadores, un pobo de soñadores», con este ritmo ou co Sarri sarri de Kortatu abrían o desfile os da Mekanika Rolling Band, cun ritmo trepidante que ademais de poñer as rúas a danzar «botaba lume», literalmente, fogos de artificio dende o carriño da batería e dos bafles. Por detrás deles, cativas vestidas de pavos reais como transición á carroza de ‘Viaxe no Tempo’ de Aspas, na que desfilaron Olivia e Popeye, cardeais, reis, damas, punkies e mesmo Don Quixote e Sancho Panza.
‘O club da Inma’ tamén desfilou, co alumnado do Colexio Plurilingüe da Inmaculada, que botou man para o seu desfile de grandes clásicos do programa Xabarín Club da TVG como Estou na lavadora ou Eu o que quero é xamón. Entre as novidades deste ano está, precisamente, a participación dos centros educativos do Concello de Santiago, que optan a dous premios: un primeiro de 500 euros e un segundo de 300.
Dende a avenida de Ferrol, as piratas muradás e os disfraces de «fantasía» chegados de Campo Lameiro –máis ao estilo dos traxes dos carnavais brasileiros– desfilaron co resto de comparsas por Frei Rosendo Salvado, con parada na Praza Roxa para proseguir pola República do Salvador até o Hórreo, en cuxo cruce non collía unha persoa máis. Logo a Senra e a Avenida Xoán Carlos I ata que chegase a hora de dirixirse á Sala Capitol, coa Charanga Ardores e o concurso de disfraces con premios a carrozas, comparsas, grupos e parellas, entre outros.
Dende Tapia de Casariego
Rebeca é unha das integrantes do grupo asociativo vencellado á loita contra o cancro que este ano, por vez primeira, participou no desfile do Entroido Compostelán. Unha asociación benéfica que xa participou outras veces noutros carnavales galegos, coma o da Coruña ou o de Carballo.
«Llevamos dos años con el proyecto y también nos visibilizamos en Carnaval», conta Rebeca. A súa carroza ‘20.000 leguas de fiesta submarina’, os seus disfraces Poseidón, sereas, peixes e outras criaturas mariñas que tamén loitaron na Sala Capitol por conseguir o seu premio e así «recaudar fondos para distintos proyectos».
E como non podía ser doutro xeito, alén de participar, o máis importante: «Pasarlo bien, venimos con mucha ilusión a probar suerte aquí en Santiago, venimos a hacer el peregrinaje perfecto».
Tapia leva o premio á Mellor Carroza do desfile de 2026
A Sala Capitol foi un ano máis o escenario do concurso de disfraces, como tamén aconteceu o pasado domingo no certame infantil. Depois do ritmo da Charanga Ardores, ás 20 horas, ás 21 comezouse coa entrega de premios. A Mellor Carroza foi a de ‘20.000 leguas de festa submarina’ premiada con 2.000 euros –chegados de Tapia de Casariego–, e seguida por ‘Unha viaxe no tempo con Aspas’ (1.500 euros) e ‘Na procura do tesouro’ (1.000 euros).
En canto ás comparsas, o primeiro premio foi para D’Jarana (1.600 euros) e o segundo para ‘Na procura do tesouro’ (1.300 euros). A terceira posición (1.000 euros) obtívoa a comparsa 'Mar Tropical'.
Houbo tamén premios para as persoas que optaron por disfraces grupais: 700, 400 e 200 euros para ‘Rincón dulce’, ‘Os Furbys’ e ‘Combo Galiciano’. Na categoría de parellas entregábase tan só un primeiro premio, dotado con 300 euros, recoñecendo o traballo de ‘Costureiriños do Entroido’. E na de disfraces individuais ‘Vamos de pesca’ gañou os 300 euros do primeiro premio, o segundo e o terceiro quedaron desertos.
Ademais este ano o concurso tiña novidades, coma os dous premios que se concederon aos centros educativos do Concello de Santiago que participaron. Dous galardóns dotados con 500 eu 300 euros, a segunda posición quedou deserta e gañou o primeiro posto ‘Escuelas de la Inmaculada’. Igual que o ano pasado a organización decidiu premiar a Mellor Comparsa das Parroquias ou dos Barrios. Catro premios dotados con 1.600, 1.300, 1.000 e 700 euros para recoñecer o traballo de Armatroulas, Aspas, A Ruliña de Laraño e ‘Elfas da flor eterna’.
- Viajar en coche de Santiago a Vigo o A Coruña por la AP-9 supera el coste de un vuelo de ida y vuelta a Barcelona
- El bar de Santiago donde Felipe VI se despejaba los viernes: así era el mítico Zum Zum
- La playa favorita de Boris Izaguirre a 1 hora de Santiago: “Es un lugar maravilloso”
- Rosa Crujeiras se convierte en la primera rectora de la USC en sus 531 años de historia
- Alivio' de los precios de la gasolina en Santiago: la mayor liberación de la historia de reservas de petróleo por parte de la AIE ya se nota en los bolsillos de los compostelanos
- El brunch más campero aterriza en Santiago: 16 tipos de tostadas y 10 de tortitas para desayunar entre animales de granja
- Ahora hasta las gasolineras venden pasteles': la confitería más antigua de Santiago que hace a mano todos sus dulces
- Correos cierra su oficina de O Restollal, en Santiago, ante la 'bajada de la actividad”