A mocidade escolle entre máis de 100 propostas culturais
O prazo de votación das propostas está aberto até mediados de marzo para residentes, traballadores e estudantes de 16 a 30 anos

A concelleira de Xuventude, María Rozas, xunto ao técnico do departamento, Manuel Fernández / CONCELLO

A edil de Xuventude, María Rozas, compareceu este luns en rolda de prensa para anunciar o inicio da fase de votación das propostas saídas da convocatoria de orzamentos participativos de mocidade, dotada con 100.000 euros nos presupostos municipais e da que saíron 116 iniciativas. A fase de votación prolóngase até o 16 de marzo e poden participar mozos e mozas de 16 a 30 anos residentes en Santiago, estudantes ou traballadores, sen necesidade de estaren empadroados na cidade. A votación faise a través da páxina web decide.santiagodecompostela.gal.
A concelleira María Rozas salientou o incremento do número de achegas, 15 máis que o ano pasado «e sobre todo de iniciativas que cumpren todos os requisitos dos orzamentos participativos, o que indica un maior coñecemento sobre este proceso que impulsamos por terceiro ano consecutivo». Rozas quixo tamén poñer en valor que a boa acollida desta iniciativa demostra que Compostela ten «unha xuventude con ganas de ser escoitada».
Ademais de destacar «a calidade e a variedade das propostas achegadas polos mozos e mozas, que volven demostrar que temos unha xuventude diversa, cun amplo abano de intereses, e con magníficas ideas que paga a pena desenvolver», María Rozas incidiu en que «aínda que as partidas consignadas non permiten executar todas as propostas achegadas, o departamento de Xuventude sempre toma boa nota das suxestións e moitas delas acaban sendo impulsadas dentro da programación da concellaría».
Nesta ocasión, as áreas temáticas con máis propostas foron as da música, o deporte e a gastronomía, pero tamén hai achegas relacionadas coa cultura, co sector audiovisual, cos animais, co medio ambiente, coa igualdade, coa ciencia e coa tecnoloxía, co emprendemento e co emprego.
Entre as propostas concretas, repítense algunhas das máis votadas en procesos anteriores como o cine ao aire libre, as actividades relacionadas coa cultura urbana, concertos de artistas emerxentes, torneos deportivos, ou eventos para promover a adopción de animais. Aparecen tamén «iniciativas novidosas», como unha acampada astronómica, un evento sobre xantares do mundo, un karaoke, un festival de artistas drag, charlas formativas sobre economía ou linguaxe administrativa, encontros interxeracionais e cursos para aprender tarefas básicas da vida cotiá coma coser, executar reparacións, xestionar ingresos e aforros ou facer a declaración da renda.
Durante a fase de presentación de propostas, o departamento de Xuventude impulsou encontros en centros educativos para explicar o proceso dos orzamentos participativos. Foron un total de 44 encontros, nos que participaron máis de mil persoas mozas e na fase de votación tamén se prevé poñer puntos de participación nos centros educativos e en puntos clave da cidade.
Para poder votar requírese estar empadroado, estudando ou traballando en Santiago, e ese vínculo debe ser acreditado a través dun documento oficial (nómina ou contrato laboral, tarxeta ou matrícula estudantil, contrato de arrendamento…). Cada persoa poderá votar unha única vez, e dentro de cada formulario deberá escoller tres propostas, outorgándolles un, dous ou tres puntos segundo o grao de preferencia.
O departamento de Mocidade executará as propostas máis puntuadas, ata completar o orzamento de 100.000 euros asignado nos presupostos municipais para estas actividades da mocidade.
- Viajar en coche de Santiago a Vigo o A Coruña por la AP-9 supera el coste de un vuelo de ida y vuelta a Barcelona
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Rosa Crujeiras se convierte en la primera rectora de la USC en sus 531 años de historia
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- El brunch más campero aterriza en Santiago: 16 tipos de tostadas y 10 de tortitas para desayunar entre animales de granja
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
- Correos cierra su oficina de O Restollal, en Santiago, ante la 'bajada de la actividad”
- Uno de los accesos clave a Santiago estará cortado al tráfico este miércoles por las obras de la senda Milladoiro-Intermodal