Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mobilidade

A Xunta cambia o trazado da senda ciclista para non afectar o Banquete de Conxo

O Goberno galego sinala que só executará a primeira fase ante o desacordo con Raxoi

Unha persoa camiña pola senda verde do Banquete de Conxo, en Santiago de Compostela

Unha persoa camiña pola senda verde do Banquete de Conxo, en Santiago de Compostela / Jesús Prieto

Santiago

O Consello da Xunta aprobou onte de forma definitiva o cambio no trazado da senda peonil e ciclista que une Milladoiro e San Caetano para non atravesar pola contorna do Bosque do Banquete de Conxo tras a polémica xerada arredor desta infraestutura meses atrás. O proxecto inicial pasaba polo centro do bosque, o que xerou un importante rexeitamento por parte da veciñanza e de colectivos ecoloxistas.

A consellería de Infraestruturas elaborou unha alternativa, pero tamén foi desbotada a mediados do ano pasado tras un informe desfavorable de Patrimonio sobre os arredores do Mosteiro, que conta coa máxima protección. Agora San Caetano dá luz verde a unha nova proposta que se sitúa fóra do ámbito definido para o Plan Especial de Conxo.

«Buscando o maior consenso entre os distintos colectivos, a nova solución propón unha alternativa que evita a afección na contorna do Banquete de Conxo, mantendo a seguridade dos ciclistas ao deseñar unha senda non compartida co tráfico viario, tal e como solicitaba a principal asociación ciclista da cidade», explica o Goberno autonómico.

Novo trazado

A alternativa comparte o trazado de proxecto ata o punto quilométrico 3+560, onde en lugar de seguir cara ao oeste no Banquete de Conxo sepárase do mesmo en dirección leste, ata chegar ao aparcamento actual do Hospital de Conxo. A partir de aí, a senda ciclable continúa polas prazas de aparcamento situadas no perímetro oeste. Ademais, disponse dunha pasarela de madeira na subida á cota do aparcadoiro do hospital. Co obxecto de non suprimir prazas, cámbiase a distribución, pasando de aparcamentos en batería a espiña de peixe e mantendo o número.

O Executivo galego describe tamén que á altura do paso de peóns existente na rúa de Ramón Baltar a senda cambia de marxe e sitúase paralela á beirarrúa, para o que é necesario executar un desmonte no treito. Finalmente descende para conectar a través dun novo paso no muro perimetral para non afectar a entrada ao camiño que dá ao Banquete, co trazado inicial no punto quilométrico 4+260.

A Xunta sinala que esta mudanza dispón de todos os «informes sectoriais favorables». Ademais, destacan que durante o período de información pública, remitíronse á Axencia Galega de Infraestruturas alegacións de particulares; recibíronse informes por parte das distintas administracións afectadas pola actuación: do Concello de Santiago, da Deputación da Coruña, e das Consellerías de Cultura e Medio Ambiente.

Execución por fases

A Xunta aclara que actualmente está previsto executar unicamente unha primeira fase do trazado, quedando excluída da execución a zona limítrofe co Banquete de Conxo, desde o punto quilométrico 2+600 ata o 4+200, «ante a falta de acordo por parte do Concello de Santiago».

O Goberno autonómico matiza que isto supón que a execución da primeira fase contaría co consenso de todas as administracións, quedando para unha segunda fase a posibilidade de executar a senda segregada dos automóbiles e ter en conta a alegación dos ciclistas, «onde indicaban a súa preferencia polo trazado proposto pola Xunta e agora aprobado, xa que a proposta municipal non garantía a súa seguridade». O trazado aprobado, e relegado para unha segunda fase «permitiría gañar en seguridade e comodidade», indican. Esta execución por fases «facilitará acadar un acordo sobre o mantemento da infraestrutura e facilitará o cumprimento dos prazos establecidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado polos fondos da Unión Europea NextGeneration», remarcan.

Cando se paralizou o proxecto a raíz do informe desfavorable de Patrimonio, a Xunta anunciou que destinaría os fondos correspondentes a outro concello, algo que desde Raxoi foi tildado de «pataleta».

Tracking Pixel Contents