Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CONCURSO INTERNACIONAL

Compostela xa ten proxecto gañador para iluminar a contorna da Catedral

A empresa con sedes en Xixón, Madrid e Barcelona gaña o concurso de iluminación dos arredores da Catedral

Panorámica actual da iluminación nocturna da Catedral e da Praza do Obradoiro

Panorámica actual da iluminación nocturna da Catedral e da Praza do Obradoiro / Antonio Hernández

Santiago

Compostela xa ten proxecto gañador para iluminar a contorna da Catedral: Intervento. Unha empresa que se presentou baixo o pseudónimo 'Hermes' e que ademais de ter unha traxectoria contrastada iluminando edificios BIC (Ben de Interese Cultural), acadou a maior puntuación global, 95 puntos que lle valeron xa ser seleccionada como finalista xunto a 'Shh... See the silence'. con 85 puntos e 'Ad maiora semper' con 75.

A decisión, pese non coñecerse ate este mércores 18, foi adoptada na reunión celebrada o pasado 3 de febreiro, na que o xurado foi recibido polo goberno local en Raxoi mentres avaliaba os tres anteproxectos finalistas. Propostas que debían conter: valor e calidade do deseño lumínico, viabilidade técnica e económica, e protección do medio ambiente, eficiencia enerxética e innovación tecnolóxica.

Intervento acadou unha valoración de 95 sobre 100 puntos dos que 45 sobre 50 eran referidos á viabilidade técnica e económica do proxecto e 25 de 25 en relación coa eficiencia enerxética e a innovación tecnolóxica contida na proposta. Na fase finalista o xurado aconellaba sobre o anteproxecto que "debería considerar rebaixar os niveis de iluminación para adaptarse ao ton da pedra da contorna, e manter o nivel de escuridade desexable no centro histórico", ademais de "estudar a posibilidade de conservar a parte inferior de forxa dos farois históricos da Praza da Quintana".

Agora este estudo (con sedes en Xixón, Madrid e Barcelona) deberá redactar o proxecto executivo e asumir a dirección facultativa da obra piloto de iluminación da Praza de Praterías. "Unha actuación concibida como banco de probas para a futura implantación progresiva no conxunto da contorna catedralicia, incluíndo as prazas do Obradoiro, Quintana e Inmaculada, así como os espazos de conexión entre elas", explican na web de Raxoi.

Segundo recolle a acta, “o anteproxecto ofrece unha análise moi precisa da arquitectura e contorna urbana e histórica do ámbito de actuación”. O xurado destacou que a proposta presenta un deseño lumínico que posúe “claridade e integridade, e propón unha imaxe equilibrada da paisaxe nocturna evitando a homoxeneización da mesma mediante a xerarquización da iluminación, utilizando gradientes e contrastes que poñen en valor a arquitectura sen deformala”.

Así mesmo, na resolución final valórase especialmente o uso intelixente da penumbra e dos contrastes de claroscuros, non só na iluminación ornamental dos monumentos, senón tamén nos percorridos polo espazo público circundante, dotando de coherencia á solución presentada.

Intervención sobre o patrimonio

Un dos aspectos considerados determinantes para que o xurado escollese a proposta 'Hermes'/Intervento foi a estratexia de mínima intervención sobre o patrimonio. A acta sinala de maneira expresa que "é a única das propostas que resolve a iluminación ornamental do conxunto da Catedral sen situar novas instalacións sobre as cubertas de pedra".

O xurado subliña que o proxecto “garante a conservación dos valores culturais da Catedral no seu conxunto, incluídas as cubertas”, que forman parte do itinerario de visitas e gozan da máxima protección como BIC.

No plano técnico e económico, o xurado concluíu que a proposta é “tecnicamente moi completa”, destacando a precisión nos cálculos, os niveis de iluminación e as temperaturas de cor, consideradas “ben elixidas”.

O orzamento presentado inclúe todas as fases da intervención —desmontaxe, instalación e probas— e considérase axustado e viable, permitindo “garantir a calidade da execución”. No ámbito ambiental, a proposta articúlase arredor do criterio de “integración e mínima intervención”, cun control preciso dos feixes de luz, destinado a evitar deslumbramentos e reducir a contaminación lumínica. O xurado salienta que o proxecto cuantifica un aforro enerxético do 68% respecto ao consumo actual.

Finalistas

Xunto coa proposta gañadora, o xurado salientou a calidade dos outros dous anteproxectos finalistas. Neste sentido, 'Shh… See the silence' —correspondente ao estudo finés Valoa Design— foi valorado pola súa coherencia conceptual e polo uso da luz e da penumbra acorde coa atmosfera espiritual do ámbito e, 'Ad Maiora Semper' (lema de detrás do cal estaba un equipo encabezado por Pietro Maria Castiglione), resultou recoñecido polo seu exhaustivo traballo de análise histórica e urbana e o alto grao de desenvolvemento da proposta técnica e económica.

Tracking Pixel Contents