Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Crise na rede de centros socioculturais

O PP de Santiago advirte de que "o contrato dos CSC nace morto ou, cando menos, gravemente ferido"

De la Fuente denuncia a "gravísima decisión" de aceptar na licitación do lote III dos Centros Socioculturais unha oferta que o informe técnico "cualifica de maneira contundente e negativa"

O edil do PP de Santiago, José Ramón de la Fuente, no Pazo de Raxoi

O edil do PP de Santiago, José Ramón de la Fuente, no Pazo de Raxoi / Cedida

Santiago

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, denunciou este xoves a "gravísima decisión" adoptada polo goberno municipal ao aceptar na licitación do lote III dos Centros Socioculturais unha oferta que o informe técnico "cualifica de maneira contundente e negativa". O edil reaccionou así ante a posibilidade de que a segunda empresa do concurso asuma o servizo. Neste momento hai un prazo aberto para acreditar que cumpre os requirimentos establecidos por Raxoi despois de que Eulen, a entidade elixida inicialmente, decidira botarse atrás.

"Hai un par de días coñecemos a aceptación a participar no proceso dunha oferta que o informe técnico define como claramente insuficiente, que non cumpre os requirimentos mínimos dos pregos, que presenta carencias relevantes, que exclúe á maioría dos CSC e que non satisfai minimamente as necesidades do servizo", sinalou o concelleiro do PP, apuntando que o edil de Centros Socioculturais, Xan Duro, "coñeceu perfectamente o contido do informe técnico".

Feitos "extremadamente graves"

Desta maneira, De la Fuente cualificou os feitos de "extremadamente graves" e reclamou explicacións do goberno local. "Se os técnicos municipais conclúen que unha oferta non cumpre os mínimos esixidos e que é insuficiente para garantir o servizo, por que non foi excluída do proceso? Quen tomou esa decisión e con que criterio?", preguntou.

Por todo isto, considerou que "este contrato, se finalmente se lle adxudica a esta empresa, nace morto ou, cando menos, gravemente ferido". Ao seu xuízo, permitir que continúe na licitación unha proposta nestas condicións "pon en risco a cobertura, a calidade e a igualdade no acceso a un servizo fundamental para os barrios e o rural de Santiago".

Situación do persoal

O edil enmarcou a situación nunha "mala planificación" de Raxoi con "atrasos inxustificados" na licitación, "prórrogas excesivas de contratos que facían auga por todas partes" e unha empresa concesionaria que chegou a solicitar compensacións e mesmo a rescisión do contrato, ás que o Concello respondeu negativamente. O edil popular lembrou tamén que durante meses "o Concello pagaba, pero os traballadores non cobraban, acumulándose atrasos nas nóminas, suspensións de actividades e unha deterioración progresiva do servizo".

"A día de hoxe, os traballadores dos CSC están nunha situación que nunca antes se vivira, ata o punto de ter que ir ao paro. Nunca antes ocorrera isto", advertiu, alertando de que varios días despois de anunciarse a suspensión da continuidade do servizo a Serviplus, hai traballadores que "nin están cobrando nin teñen a documentación necesaria para poder solicitar o paro".

Tracking Pixel Contents