Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Crise na rede de CSC

Raxoi agarda resposta da segunda candidata a xestionar os centros socioculturais

O Concello segue sen ter coñecemento formal da investigación aberta pola Fiscalía por vertidos ao río Sar

O centro sociocultural de Conxo, un dos que integran a rede de Santiago

O centro sociocultural de Conxo, un dos que integran a rede de Santiago / Jesús Prieto

Manu López

Manu López

Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, indicou este mércores que o Concello segue á espera da resposta da segunda empresa do concurso para facerse cargo do lote principal do contrato dos centros socioculturais (CSC). A firma que resultou gañadora do concurso, Eulen, renunciou a facerse cargo, polo que Raxoi iniciou contactos coa seguinte aspirante, Os Ventos. Agora esta entidade está «no prazo para que lle indique ao Concello de Santiago que cumpre todos os requirimentos e poder ao final asinar o contrato», puntualizou Sanmartín, polo que chamou a «non adiantar feitos».

A rexedora expresouse deste xeito a preguntas dos medios sobre a capacidade desta empresa de asumir o servizo de dinamización e mediación nos termos que marcan os pregos. «A respecto da primeira empresa, que foi a proposta de adxudicación, a segunda está moi por debaixo, pero non está excluída porque se entende que pode cumprir ese servizo, o que non significa que dentro das propostas que se fagan non se poidan facer melloras unha vez rematado o proceso de axudicación», explicou. Neste momento, as actividades dependentes da anterior concesionaria permanecen suspendidas tras os problemas que viña arrastrando para cumprir cos pagos ao persoal.

Vertidos ao río Sar

Por outra banda, Sanmartín tamén confirmou que o Concello segue sen ter coñecemento formal da apertura de dilixencias por parte da Fiscalía por vertidos ao río Sar. Ademais, insistiu en que ve unha «intencionalidade política» por parte da Xunta de Galicia tras impoñerlle ao Concello unha sanción administrativa de 300.000 euros «xustamente nun momento en que se está poñendo solución a un problema histórico de contaminación no río Sar» coa construción da nova depuradora.

A alcaldesa lembrou que cando se produciron estes vertidos abriuse un expediente e constituíuse unha comisión de seguimento na que estaban representadas todas as administracións. «Non creo que ninguén poida dicir que descobre hoxe que hai unha depuración insuficiente no río Sar», apuntou.

Tracking Pixel Contents