Entrevista | Brigitte Vasallo Escritora, profesora e activista
Brigitte Vasallo en Santiago: «Ogallá a xente da diáspora estea orgullosa deste relato»
A autora, galega de Chandrexa de Queixa nada en Barcelona, presenta na Casa das Máquinas (18 horas) o seu último libro: ‘La fosa abierta’. Unha obra contra o silencio e o relato do ‘milagre económico’.

Brigitte Vasallo elixiu Compostela, a Casa das Máquinas, para presentar ‘La fosa abierta’ / Alba García Fijo

A Casa das Máquinas acolle ás 18 horas a presentación de La fosa abierta. Unha obra «híbrida» de Brigitte Vasallo (Barcelona, 1973) onde a autora impugna dous silencios: o da propia familia e o político, aquel que falou da migración da aldea á cidade coma «un milagre económico» cando se tratou dunha «diáspora». E faino a través da metáfora evocando as terras comunais da súa Chandrexa de Queixa, superando o silencio a través do relato común. EL CORREO GALLEGO conversa con ela sobre a obra e a ollada sobre a muller labrega.
Que ten preparado para a presentación desta tarde?
É a primeira presentación que fago, íamos empezar por Barcelona pero co Entroido aquí, grazas ás compañeiras da Lila e ao Concello de Santiago cadramos a presentación na Casa das Máquinas. É algo moi emocional, preséntame Gena Baamonde, a miña directora escénica, está o músico Guti Álvarez, farei unha lectura de fragmentos e haberá un coloquio. Neste caso concreto sinto que é retornar o libro, entregarllo á xente á que lle pertence. Ogallá a xente da diáspora estea orgullosa deste relato.
E que conta en La fosa abierta?
É unha investigación de seis anos para impugnar os silencios. Un é o silencio arredor da diáspora labrega e de todo ese proceso histórico que se deu a chamar «o milagre económica». E que non foi un milagre tan estable, era a diáspora da nosa xente dentro dos centros urbanos. E tamén impugnar o silencio que se dá na miña familia ao redor da violencia de xénero e que nos impide tirar o noso propio relato, que nos deixou orfas do relato, afastadas da nosa propia historia.
Está o lector diante dunha novela, dun ensaio...
Esta historia é iso que chamo unha mutación: aquilo que nos aconteceu ás que somos fillas do espazo labrego pero que xa nacemos nas cidades e, sobre todo, nacemos nas lóxicas urbanas e na narración histórica das cidades. En tanto que é a historia destes seres híbridos que somos nós, o libro tamén tiña que ter unha forma híbrida, e polo tanto non é ben clasificable. Tamén hai un esforzo por unha linguaxe que sexa poética sen que deixe por iso de ser rigorosa a investigación, creo que merecemos poesía cando contamos a nosa historia e tamén cando a recibimos, e mais co xeito no que se explican as cousas na cultura oral da que veño. Tamén busco a fragmentación porque quero facer espello de como son as nosas terras comunais, da serra de Chandrexa de Queixa, delimitada por uns penedos labrados e a liña imaxinaria que une un penedo co seguinte pode estar a quilómetros, esa é a nosa linde. Parecíame unha metáfora ben bonita da nosa historia que tamén é un ben comunal. E tamén hai moitas entrevistas coas miñas veciñas, coa miña xente e tamén con xente labrega doutras xeografías, que tamén fixeron esa migración. Espero que atopen un libro que é un pouco puzle, xogo, un irse falando.
Fala das súas veciñas. Como foi o seu retorno, ou a súa chegada a Chandrexa de Queixa?
En verdade non estou retornando, estou vindo, é un vir que se sente volver pero tampouco é un vir no baleiro, non chego a un lugar completamente novo, hai toda esa multiplicidade do que acontece nestes retornos nosos, un retorno emocional con estas lóxicas da emigración e do progreso, sabendo que nacín na diáspora en Barcelona, pensaba en min mesma como catalá. Pero houbo momentos históricos que me fixeron ir cara a outras preguntas, e xurdiume unha dúbida sobre a nosa xenealoxía, o que acontece cos territorios onde quedou a pegada da nosa ausencia, marchamos pero quedou un eco do que fomos e do que podíamos ter sido. O retorno a Queixa é un retorno a un lugar que é fogar e ao mesmo tempo completamente novidoso. Fixen un retorno dentro da alegría e da curiosidade, para min Queixa neste momento é o centro do mundo, non só porque me tratan moi ben, tamén porque intelectualmente é un lugar extremadamente vibrante.
A sinopse da obra fala de violencia de xénero na historia familiar que conta...
Fago unha investigación pondo o meu caso como caso de estudo para tentar facer esa contrahistoria do que foron os milagres económicos e chega un momento no que non podo seguir porque non teño un arquivo propio da miña familia, porque son expulsada do fogar por un tema de xénero. Entón aí tiña que repropoñer o libro e falar do que aconteceu na miña casa que ao final ten un paralelismo cos grandes silencios, porque o silencio é parte da violencia, non é algo que estea fóra, precisa de complicidades e perpetúa o estado das cousas. E ao mesmo tempo non quería faltarlle o respecto á historia da miña nai. Preguntei moitas veces e ela non me quería falar, así que había un reto literario e ético... E aí volveron aparecer as terras do común: non precisaba entrevistar a miña nai porque podía entrevistar as miñas tías e as miñas veciñas, a historia delas é a nosa historia, configúrase con todos eses fragmentos.
De novo as veciñas, a sociedade do rural, que presenza ten en La fosa abierta?
No libro non falo en nome do rural, o que fago é porme ao servizo das voces das miñas veciñas e veciños que non teñen o alcance que teño eu por circunstancias profesionais. O que analizo, o que está no centro do meu traballo é como as lóxicas urbanas non conseguen achegarse dun xeito horizontal caro ao rural, o supremacismo das lóxicas e do marco do pensamento industrial. Como se pode desmontar esa lóxica e como as que somos mutantes de campo e de cidade contribuímos a esta mirada paternalista cara ao rural, cara ao que somos nós mesmas.
E como afecta ese ollar non horizontal cando do que se trata é da muller rural, labrega?
A construción do imaxinario sobre as mulleres do rural dende as cidades insiste na idea das labregas como sumisas, cando despois a nosa historia demostra todo o contrario. Nas Encrobas eran as labregas contra Fenosa e contra a Garda Civil pero o que fai o relato urbano –que é o relato que ten peso para impoñerse– é invisibilizar esas loitas, ou en calquera caso mostralas como anecdóticas. A nova muller di: «A nova muller é esa que non terá dependencia dun home» pero no rural nunca houbo mulleres dependentes de homes, as miñas avoas nunca vin que dependeran de homes. Silvia Federici refírese ao salario de xénero, coa Revolución Industrial hai toda unha estrutura social que pasa a depender dos homes. Iso no rural precapitalista ou non capitalista ou doutras formas, mixta di o Beiras, non acontece porque non hai traballos que non sexan de subsistencia, iso é do capitalismo, polo tanto esa xerarquía non existía antes de que circularan os cartos como circulan agora.
Unha das súas liñas de traballo céntrase islamofobia de xénero. Que opina da proposta parlamentaria de prohibir o uso do velo?
Non hai un problema social con ningún tipo de velo, é unha cuestión totalmente inventada, é lexislar sobre algo que non está xerando ningún tipo de conflito. Isto xa nos tería que chamar á atención. A segunda pregunta que temos que facernos é se realmente queremos que se lexisle sobre o dereito ao propio corpo das mulleres, a que mulleres están tentando de prohibir que exerzan o seu propio dereito? Cando me din que defendo o velo, que vou defender! Defendo o dereito ao propio corpo para as mulleres, tamén as musulmás, e para min.
- Viajar en coche de Santiago a Vigo o A Coruña por la AP-9 supera el coste de un vuelo de ida y vuelta a Barcelona
- El bar de Santiago donde Felipe VI se despejaba los viernes: así era el mítico Zum Zum
- La playa favorita de Boris Izaguirre a 1 hora de Santiago: “Es un lugar maravilloso”
- Rosa Crujeiras se convierte en la primera rectora de la USC en sus 531 años de historia
- Alivio' de los precios de la gasolina en Santiago: la mayor liberación de la historia de reservas de petróleo por parte de la AIE ya se nota en los bolsillos de los compostelanos
- El brunch más campero aterriza en Santiago: 16 tipos de tostadas y 10 de tortitas para desayunar entre animales de granja
- Ahora hasta las gasolineras venden pasteles': la confitería más antigua de Santiago que hace a mano todos sus dulces
- Correos cierra su oficina de O Restollal, en Santiago, ante la 'bajada de la actividad”