Competencia profesional
Catro alumnos dos centros de FP de Santiago no certame Spainskills
Entre o 24 e o 28 de febreiro o recinto de Ifema acolle esta competición na que case 40 alumnos galegos demostrarán o seu talento profesional

Foto de familia do alumnado que vai competir no Spainskills 2026 xunto a conselleiro Román Rodríguez / Antonio Hernández

Emily Rincón, Martín Souto, Héctor Sánchez e Martín Muíño son a representación compostelá na competición Spainskills de Formación Profesional que se desenvolve do 24 ao 28 de febreiro no recinto Ifema de Madrid. Emily Rincón, do CIFP Compostela, mostrará as súas habilidades na cociña; Martín Souto, do Politécnico de Santiago, compite en Electrónica; Héctor Sánchez, dende o mesmo centro, é candidato en Tecnoloxías do automóbil; e Martín Muíño, do IES San Clemente, participa na competición de TIC e Administración de sistemas en rede.
Esta representación intégrase no «equipo olímpico» ou de «embaixadores da FP galega», botando man dos símiles empregados polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na presentación este venres da candidatura no CIFP Compostela en Lamas de Abade.
Xunto a eles outros 33 alumnos dos diversos centros de Formación Profesional da comunidade participarán en 33 das 34 modalidades de competición. Dos resultados destas catro xornadas en Ifema sairá a representación de España na competición Skills europea e tamén na mundial. «Aconséllovos expremer a experiencia e divertirvos con responsabilidade», falaba así o titor Roi Álvarez (do CIFP Manuel Antonio de Vigo) en representación do resto de preparadores do alumnado.
O conselleiro Román Rodríguez, máis alá de imprimirlle ao seu discurso a épica da «Olimpíada» ou de seren «os embaixadores» da nosa FP instou o alumnado presente no salón de actos do centro de Lamas de Abade a «estar orgullosos de ser galegos» engadindo que para profesionais doutras comunidades «a FP é unha das nosa señas de identidade» e aconselloulles «non vos creades mellores que ninguén, pero tampouco peores».
Para o conselleiro de Educación a FP é «un mundo en miniatura, reflexo do mercado de traballo, do futuro», pero engadiu tamén que o que «realmente importa é o proceso de formación e a ilusión» por participar no Spainskills. E esa ilusión deixábana clara os dous alumnos intervintes no acto de presentación desta ‘selección’ da formación profesional galega, Valeria Riotorto (alumna de Tecnoloxía e moda do Paseo das Pontes da Coruña) e Samuel Domínguez (de Refrixeración e aire acondicionado do CIFP Universidade Laboral de Culleredo).
«Queremos dar as grazas aos nosos centros, e especialmente aos nosos titores», coincidiron. «Traballamos moito e temos que demostrar en cada proba o noso esforzo e talento», afirmou Valeria; mentres Samuel engadiu que «canda un sabe o que vai facer, as súas dificultades, pero todo esforzo ten as súas recompensas».
- Viajar en coche de Santiago a Vigo o A Coruña por la AP-9 supera el coste de un vuelo de ida y vuelta a Barcelona
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Rosa Crujeiras se convierte en la primera rectora de la USC en sus 531 años de historia
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- El brunch más campero aterriza en Santiago: 16 tipos de tostadas y 10 de tortitas para desayunar entre animales de granja
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
- Correos cierra su oficina de O Restollal, en Santiago, ante la 'bajada de la actividad”
- Uno de los accesos clave a Santiago estará cortado al tráfico este miércoles por las obras de la senda Milladoiro-Intermodal