Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

1,6 millóns de euros

O Consorcio aproba axudas para intervir en tres edificios senlleiros de Santiago

Destínanse a melloras no Pazo de Raxoi, en San Domingos de Bonaval e en Santa María de Conxo

Reunión do Consello de Administración do Consorcio de Santiago

Reunión do Consello de Administración do Consorcio de Santiago / Cedida

Santiago

O Consello de Administración do Consorcio de Santiago vén de aprobar unha liña de axudas para subvencionar a intervención en tres edificios senlleiros da cidade, no marco das subvencións directas que esta entidade concede para a rehabilitación e restauración de inmobles de valor histórico e patrimonial.

Así, acordouse a execución de obras de conservación e mellora da eficiencia enerxética na fachada norte do Pazo de Raxoi, cun importe de 700.000 euros; no conxunto de San Domingos de Bonaval autorizouse a rehabilitación da torreta da fachada leste, cun orzamento de 504.000 euros; e na Igrexa de Santa María de Conxo aprobouse a restauración das carpintarías das portas xunto coa instalación dun novo sistema de iluminación, para o que se destinarán 418.000 euros. O importe total ascende a 1.622.000 euros.

Outros acordos

Na sesión tamén se aprobaron as bases reguladoras e a convocatoria para subvencionar proxectos técnicos de rehabilitación e restauración de inmobles de valor histórico e patrimonial no termo municipal de Santiago por parte do persoal técnico do Consorcio.

Por último, deuse luz verde á concesión dunha subvención directa do Consorcio de Santiago ao programa Conciencia da Universidade de Santiago de Compostela por un importe de 25.000 euros, que desde o ano 2006 convida aos personaxes máis influentes da investigación e do coñecemento do mundo para que divulguen os seus avances na capital de Galicia.

Tracking Pixel Contents