Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Adeus ao Carnaval

Os sombreiros do Entroido de Conxo trouxeron o sol

O Sábado de Piñata reúne no barrio compostelán centos de persoas desexosas de asollarse, tocar, cantar e bailar, e seguir facendo comunidade

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Á unha da tarde deste sábado a Praza da Mercé de Conxo empezaba a dar sinais de que ía ser un dos fervedoiros da cidade. Xente disfrazada, ataviada con sombreiros, moitos deles ademais con instrumentos musicais, íanse congregando no Campo de Conxo arredor do posto da polbeira ou nos bares de dentro e de fóra. Sábado de Piñata, o día grande do Entroido de Conxo xa dera comezo coa comparsa dos Conformistas e do Carro de Conxo facendo o seu pasarrúas.

A Agrupación Cultural Os Conformistas de Conxo despois da súa participación esta sábado no Entroido de Conxo

A Agrupación Cultural Os Conformistas de Conxo despois da súa participación esta sábado no Entroido de Conxo / Cedida

Moitos 'entroideiros' acompañáronos dende a Praza da Mercé polas avenidas de Ferrol e de Vilagarcía, e polas rúas de García Prieto e Sánchez Freire -con parada obrigada para cantarlle a cada taberneiro, e á súa clientela-, até volveren de novo ao centro da festa. E outros moitos íanse achegando aos poucos ao carón do Centro sociocultural Aurelio Aguirre.

Entre estes últimos había veciños do barrio, coma Aurora ou Marisa, os que sen ser veciños son coma se o fosen, coma Xulio, e tamén festeiros que por primeira vez se achegaban ao Entroido de Conxo, pero que ben coñecían a festa de oídas, coma unhas amigas das pandeireteiras María Raxada disfradas coma ananiñas do bosque.

Ananiñas do bosque coa bruxa, camiñando a bo ritmo para chegar á actuación de María Raxada

Ananiñas do bosque coa bruxa, camiñando a bo ritmo para chegar á actuación de María Raxada / Jesús Prieto

Xente maior, xente moza e cativada coas súas bicicletas, aproveitando no aire libre os tantos días de encerro ao que tanta choiva obrigou, íase achegando á praza, á cantina e ao bar onde as camareiras non paraban de poñer a enfriar a cervexa, que saía sen parada das neveiras para festexar o Entroido, e igual aínda en maior medida para festexar o día de sol.

Unha temática gastronómica

A Coordinadora das Festas do Barrio de Conxo organiza este evento, así coma San Xoán ou a Festa das Cabazas (Samaín). Un grupo que quere facer comunidade nun dos barrios con máis vida da cidade, non en van foi un concello que de Conxo chegaba máis alá do Castiñeiriño (até a súa adhesión a Compostela hai un século).

En xaneiro comezan a preparar o seu Entroido, que é a despedida do Carnaval en Santiago, a última festa, sempre cunha temática: este ano a gastronómica. Sombreiros con verzas, con flocos de millo, tortas, algodón de azucre... Todo tipo de manxares sobre a cabeza para facerse co primeiro ou co segundo premio do concurso da Gala SEC (Sombreiros Entroido de Conxo) nas categorías individual, parella ou grupo: un vale para un restaurante, "xa que é gastronomía imos desfrutar dela" e un caldeiro de "chuches".

Quen fala forma parte da coordinadora, Carme Sendón, ataviada coma un algodón de azucre, que explica que este é o quinto ano que se organiza o Entroido, que polo ambiente e chamada que ten entre a xente de Conxo e de fóra ben puidera levar festexándose 50 anos. Xa houbo temática de arte, de cinema, de xogo o ano pasado. "Segundo a temática decoramos os sombreiros, o ano pasado sendo o xogo, o premio eran xogos de mesa".

Carme fala con EL CORREO GALLEGO nun mediodía solleiro -logo de días e días de choiva- durante a sesión vermú, logo do pasarrúas das comparsas e das pandeiretas de María Raxeta, co ritmo de Festicultores Troupe de fondo. Pero a música aínda non queda aí, pola tarde foliada, ás 20 horas a Queima do Meco, despois a actuación da Chiña e dende as 22 horas 'Karaoke' con Esteban. "Xa é o quinto ano que está con nós, xa nos ten enamoradas, así que aí estaremos en primeira fila", asegura Carme.

Pola tarde, ás 17 horas, ‘atrancaron’ as Xeneraliñas da Semente, como xa é tradición neste Entroido. E nunha festa galega, ademais dedicada á gastronomía, non ía faltar a comida! Houbo xantar popular na propia Praza da Merce e Concurso de orellas e filloas á hora da merenda.

Tracking Pixel Contents