Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Manifestación convocada pola CIG

Marcha en Santiago do persoal do transporte por un "convenio digno": "A folga rematou pero o conflito continúa"

A CIG denuncia a “traición” de CCOO e UGT por asinar un acordo coa patronal que tivo un rexeitamento “abrumador” por parte dos traballadores

La CIG se manifiesta en contra de la firma  del convenio de transportes de A Coruña

Jesús Prieto

Manu López

Manu López

Santiago foi escenario este domingo dun novo episodio do conflito do transporte de viaxeiros por estrada da provincia da Coruña. Centos de persoas, convocadas pola CIG, marcharon polas rúas da capital galega para reclamar un “convenio digno” e reafirmarse no seu rexeitamento a aceptar o acordo dos outros dous sindicatos do sector, CCOO e UGT, coa patronal.

Con pancartas nas que podía lerse “Esiximos respeto ao resultado das votacións. Convenio digno”, “A nosa dignidade non se negocia” ou “831 veces non á chantaxe” os manifestantes fixeron o traxecto entre a Estación Intermodal e a Praza do Toural. No percorrido tamén entonaron cánticos como “Salario digno, convenio xusto”, “Nin un paso atrás, esta loita ímola gañar” ou “Monbus culpable, Xunta responsable”.

Acordo rexeitado polos traballadores

Moitas destas proclamas facían alusión ao acordo acadado tras unha decena de xornadas de folga entre decembro e xaneiro e varios días de negociación coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais. Un acordo que finalmente foi rexeitado polo persoal en referendo, pero que CCOO e UGT van asinar, segundo apuntou Ernesto López, representante da CIG.

“UGT xa asinou e Comisións vai asinar o luns, vaise consumar a traición ao conxunto do colectivo. O que asinou UGT é exactamente o mesmo. O que vai asinar Comisións ten unhas pequenas maquillaxes, pero en esencia é o mesmo”, criticou López, lembrando que o resultado da votación entre os traballadores foi “abrumador” en contra deste pacto.

Remata a folga, continúa o conflito

Isto supón o fin da folga, segundo explicou o representante da central nacionalista, xa que “agora eles teñen a maioría e poden asinar. Unha folga sería ilegal, co cal a folga está rematada, pero o conflito continúa”, apuntou o sindicalista.

O pasado venres fontes de UGT indicaron que asinaron "un acordo de eficacia limitada, desbloqueando así un conflito que se atopaba nunha dinámica de desgaste, incerteza e confrontación crecente". Pola súa banda, CCOO emprazábase a unha consulta entre os seus afiliados e a fixar a súa posición o luns, aínda que a CIG dá por feito que aceptará o pacto.

Neste escenario, Ernesto López valorou que a manifestación deste domingo supón “o comezo do conflito que nos vai levar ao seguinte convenio”, unha negociación que está “á volta da esquina”, xa que o acordo só será válido por este ano.

O principio de acordo do que se desvinculou a CIG contemplaba unha subida salarial do 3,4% para 2025 de forma retroactiva, así como para 2026, e incluía unha redución da xornada laboral de dous días menos ao ano, ademais de ter en conta os festivos traballados para abonar as retribucións, cun plus de 35 euros por día, e dous días de asuntos propios en lugar dun.

Tracking Pixel Contents