Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Pasará a chamarse Almáciga

Verea acusa a Sanmartín de “atacar o compostelanismo” polo cambio de nome do colexio Apóstolo Santiago

Pese a que a iniciativa parte do centro escolar, Verea responsabiliza tamén ao goberno porque “defendeu con intensidade” o cambio na comisión previa ao pleno municipal

Imaxe do colexio Apóstolo Santiago, na Almáciga

Imaxe do colexio Apóstolo Santiago, na Almáciga / Maps

Manu López

Manu López

Santiago de Compostela

O voceiro do Partido Popular, Borja Verea, compareceu este luns para expresar o rexeitamento da súa formación ao cambio de nome do colexio Apóstolo Santiago. O asunto será tratado no próximo pleno municipal despois de que o propio centro escolar impulsara unha iniciativa para mudar este nome polo de Almáciga, homónimo do barrio no que se sitúa.

“Non é unha marca comercial que se cambia segundo as tendencias, estamos falando de patrimonio común”, defendeu Verea, quen considerou que a decisión ten unha “profunda carga simbólica, sentimental e política”. Aínda que manifestou o seu “respecto” a calquera iniciativa cidadá, sinalou hai algunhas que “corresponden a todos”, como neste caso, no que “se vai suprimir o nome Apóstolo Santiago do primeiro grupo escolar da nosa cidade”.

A postura expresada polo líder do PP coincide co lanzamento nos últimos días dunha campaña de recollida de sinaturas nunha coñecida plataforma en liña para manter o nome de Apóstolo Santiago. Impulsada por un grupo de antigos alumnos, sosteñen que o centro "non é só un espazo educativo, senón tamén un símbolo da historia e da identidade da cidade".

O líder do PP local, Borja Verea, nunha comparecencia na sala de prensa de Raxoi

O líder do PP local, Borja Verea, nunha comparecencia na sala de prensa de Raxoi / CEDIDA

“Temos unha alcaldesa antiSantiago”

Pese a tratarse dunha proposta do centro escolar, o líder do PP compostelano cargou contra a alcaldesa Goretti Sanmartín, xa que os partidos do goberno -BNG e CA- defenderon “con intensidade” o cambio na comisión preparatoria do pleno municipal. “Estamos nun perigoso proceso de eliminación do que significa Santiago de Compostela, cunha alcaldesa antiSantiago”, expuxo, argumentando que “detesta todo o que nos fai únicos e universais”, como a Catedral, o Apóstolo ou o Camiño.

Verea chamou a “frear xuntos este ataque constante do BNG e de Goretti Sanmartín ao compostelanismo”. Ademais, acusou a rexedora de “gobernar para os seus”, mentres que “a cidade está máis sucia que nunca, os centros socioculturais están pechados, a vivenda é máis cara cada día, e temos a alcaldesa máis morosa de Galicia”.

Modelo de xestión da auga

Durante a súa comparecencia, o líder da oposición compostelá tamén se referiu ao modelo de xestión da auga, que será debatido no pleno. A comisión que tratou o asunto propuxo someter a votación no órgano colexiado unha fórmula de concesión privada, en contra da opción preferida do goberno, que se decanta por unha sociedade mixta.

Depósito de auga no lugar de Vilares, en Santiago

Depósito de auga no lugar de Vilares, en Santiago / Antonio Hernández

Ante isto, Verea non quixo desvelar cal será o voto do seu grupo, pero asegurou que “non imos participar deste circo”. O voceiro do PP instou a Sanmartín a que “chegue a un acordo cos seus socios” e cuestionou que o goberno vaia desenvolver unha proposta na que “non cre”. Preguntado sobre a posibilidade de que non saia adiante a opción que se vai votar e quede bloqueado de novo o contrato, indicou que “quen pon a cidade nun precipicio son a alcaldesa e os seus socios”.

Proxecto de orzamentos

Borja Verea tamén valorou o proxecto de orzamentos municipais, aprobado a semana pasada pola Xunta de Goberno. “Dá igual que teñan ou non teñan orzamentos”, subliñou, preguntándose se “serviron para algo” os dous últimos anos, tendo en conta situacións como a da limpeza, a dos centros socioculturais ou o prezo da vivenda.

Tracking Pixel Contents