Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Manuel Rico Investigador da USC e da Universidade de Oxford

Manuel Rico, investigador: «O cerebro, xunto coa orixe do universo, é un dos maiores misterios»

Estudante de Medicina na Universidade de Santiago, concursou por unha bolsa da Fundación La Caixa que o levou a Oxford. Na universidade británica cursa un máster en neurociencia cuxo traballo se centra no estudo do cerebelo

Manuel Rico cursa o último ano do máter na Universidade de Oxford

Manuel Rico cursa o último ano do máter na Universidade de Oxford / CEDIDA

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Manuel Rico, ferrolán de nacemento, estudou no IES Rosalía cando a familia se trasladou a Compostela e, quizais por unha motivación familiar (avós con alzhéimer e párkinson) cursou Medicina na USC. Agora céntrase na neurociencia e no estudo do cerebelo, unha actividade que desenvolve grazas a un máster na Universidade de Oxford. Do seu traballo alí falou na Casa das Máquinas, na pasada edición de Maker Fair Galicia.

De estudar Medicina na USC a facer un máster de Neurociencia en Oxford. En que consiste a investigación que realiza?

Fundamentalmente vou estar traballando nunha estrutura do sistema nervioso que é o cerebelo, que tradicionalmente foi tomada como un órgano vestixial da evolución responsable do equilibrio e pouco máis, o típico de cando a xente bebe moito e o cerebelo se dana, non se miden as distancias, a fala prexudícase... Pero o certo é que a maior parte das neuronas están no cerebelo. Vou estar utilizando un novo escáner cerebral que acaban de instalar aquí para estudar o papel do cerebelo no dominio cognitivo.

E cal é o obxectivo final?

Desenvolver un protocolo de ultrasóns focalizados a alta intensidade, unha técnica para poder paliar moitos síntomas neuropsiquiátricos, sobretodo no dominio cognitivo, de estados de ánimo, sociolinguísticos e tamén de interacción social. E unha vez estudemos este escáner cerebral, como funciona o cerebelo, desenvolveremos ese protocolo de ultrasóns para ir ás partes concretas que máis nos interesan. Descubrimos que a parte dereita superior do cerebelo, a grosso modo, é a encargada do dominio sociolinguístico. Nunha persoa con trastorno do espectro autista, por exemplo, ten un deterioro nesa área e a clave sería, cos ultrasóns, desenvolver un protocolo que se chama de bucle fechado no que durante o proceso dos ultrasóns a propia actividade neuronal desa parte do cerebelo que nos interesa guía a intensidade da estimulación dos ultrasóns. Hai dous pasos, primeiro entender o cerebelo no eido cognitivo e logo facer un protocolo de ultrasóns de bucle fechado. Santiago e España son referencia en ultrasóns focalizados a alta intensidade pero non no cerebelo, sobre todo para temblor esencial en párkinson.

Na última Maker Fair Galicia, na Casa das Máquinas, fixo referencia precisamente á estimulación en pacientes de párkinson...

Falei tamén de estimulación cerebral profunda, que é como abrir un buraco no cráneo e meter un electrodo pero esta parte non invasiva é moi atractiva, na que se atopan os ultrasóns. Hai dúas maneiras de enfocalo: estimular e outra, que é un pouco máis sensata ao meu xuízo, na que ti dirixes un feixe de ultrasóns a unha parte do cerebro e éste, en función das súas peculiaridades, que non podemos definir polo de agora, decide se responde a eses ultrasóns inhibindo a súa actividade estimulándoa ou neuromodulándoa.

Quere estudar trastornos do ánimo. Como me trataría se eu teño unha depresión?

Tes unha depresión, coas túas escalas e intensidades de síntomas que a ti te afectan máis, porque non todas as depresións son iguais, e en función diso hai unha escalada. O primeiro paso nunca é a neuromodulación, porque se intervén no cerebro, o primeiro é sempre psicoterapia; o segundo, hixiene e estilo de vida san; e logo se fai falla pásase á farmacoterapia. Noutros casos nos que é necesario a xuízo do médico, en función de protocolos estandarizados, pasase á neuromodulación. Ésta é máis novidosa pero é unha cousa que igual os pacientes con depresión saben máis: o que se chama terapia electroconvulsiva. Póñense uns parches no lóbulo frontal e provócase unha convulsión no paciente para as depresións maiores, catatónicas, nas que non se interactúa co medio.

De onde nace o seu interese polo cerebro e estas enfermidades?

Unha parte moi grande é familiar. A miña avoa tivo enfermidade de Alzheimer e o meu avó tivo enfermidade de Parkinson. De pequeno vía como co paso do tempo ao meu avó lle custaba moito máis entrar no coche ou despois de tomar os seus medicamentos ía xa durmir. Preguntaba «que pasa?», «por que isto é así?». E logo fun observando o impacto que ten a enfermidade ata que faleceu na pandemia, non de Covid senón como «vítima colateral». Tendo a pelexar polas cousas difíciles, isto é un reto, e o cerebro apaixóname, penso que xunto coa orixe do universo é dos maiores misterios.

Canto queda de máster e que plans ten para o futuro?

O máster remata en setembro pero encántame estar aquí, sobre todo polo estilo de vida de Oxford que se asemella moito ao que me gusta a min: cidade pequena, tipo galega, con moita natureza, poucos coches... E tamén me gustaría quedar porque este ano vai vir unha nova investigadora do cerebelo para usar esta nova máquina. Pero é complicado no nivel económico, agora estou cunha bolsa da Fundación La Caixa, pero sen iso, só as taxas son 50.000 euros. No futuro gustaríame volver a Galicia e poder desenvolver un centro que atraia o talento, no eido da investigación e da ciencia.

Tracking Pixel Contents