Música e poesía para festexar a mensaxe “aínda viva” de Rosalía de Castro en Compostela
O alumnado de 4º de primaria de Cluny e Quiroga Palacios recitou, regueifou e cantou na Praza de Vigo, lugar de nacemento da poeta

Emma Sánchez Arca

O sol converteu este luns no mellor do que vai de febreiro, poñendo un broche de luz ao 189 aniversario do nacemento da poeta galega máis universal, Rosalía de Castro, que viña ao mundo na Praza de Vigo cando esta parte do Ensanche era aínda Concello de Conxo. E foi alí a onde un ano máis se levaron flores e o alumnado de 4º de primaria dos colexios Cluny e Quiroga Palacios recitou, regueifou e cantou os versos da poeta.
Puxeron así a nota máis lúdica a unha xornada de homenaxe que continuou no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, onde repousan os restos da autora de ‘Cantares gallegos’. E dende o lugar no que un día estivo a casa na que naceu, na Praza de Vigo, até o lugar no que o seu corpo descansa en Bonaval, un pasarrúas guiado por Os Carapaus levou a autoridades e alumnado do IES Eduardo Pondal, ante a atónita ollada de veciños e visitantes da cidade histórica, até o Panteón.

Día de Rosalía de Castro / Jesús Prieto
Rosalía precursora, Rosalía punto de encontro
O acto da Praza de Vigo contou coa presenza do presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, que logo da intervención da cativada proclamou que “a mensaxe de Rosalía segue viva” e aínda que este luns 23 de febreiro se cumpran 189 anos do seu nacemento “está feita unha mosiña”. Xunto a el, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a deputada de Lingua, Sol Agra, o conselleiro de Cultura, José López Campos, e o alcalde Padrón, o socialista Anxo Rei Arca.
Este último comezou citando a Goretti Sanmartín: “Por máis que chova, Rosalía non encolle” e reivindicou a poeta da Casa da Matanza como “punto de entendemento” nunha sociedade polarizada. Un diálogo que tamén defendeu o conselleiro López Campos, que afirmou que “Rosalía está máis viva que nunca” e lembrou “a grandísima lección de dignidade” coa súa vida e a súa obra. Para López Campos a poeta é «unha desas persoas que sempre debemos ter como referente da nosa cultura, da nosa identidade e da nosa historia, poñendo en valor o seu legado de maneira constante».
O alcalde de Padrón, o primeiro en intervir, rematou o seu discurso animando os asistentes a levar “cada día, na fronte unha estrela e no bico un cantar” repetindo os versos de Rosalía de Castro. Cantar que especialmente Sol Agra e Goretti Sanmartín referiron á mensaxe feminista, de igualdade, ecoloxista e de dignificación da lingua e da clase traballadora.
Fronte a mensaxes que falan da “politización” da figura da poeta, a deputada de Lingua asegurou que “Rosalía é do pobo” e a rexedora compostelá puxo o foco na “mensaxe transgresora de liberdade da poeta”, unha transgresión e un feminismo que tamén poboan, como lembrou Sol Agra, a obra da homenaxeada este ano no Día das Letras, Begoña Caamaño.
Ofrenda no Panteón
Coa música de Os Carapaus chegou a comitiva institucional ao Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, onde agardaba xa o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, encargado de pechar un acto ao que lle puxeron música os cantantes Uxía Senlle e Javier Ruibal, con temas de Federico García Lorca e Rosalía de Castro e tamén de Begoña Caamaño.
Antes diso, discursos e recitado de versos rosalianos por parte, entre outros, da presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo, no ano no que se cumpren 50 anos do pasamento do profesor, ensaísta, novelista e xeógrafo ourensán, Ramón Otero Pedrayo.
No medio do acto, de novo o estudantado e os poemas de Rosalía de Castro, desta volta nas voces do alumnado do IES Eduardo Pondal.
O Ensanche reivindícase con poesía
Xosé Manuel Durán, presidente da asociación veciñal Raigame, do Ensanche, interviu no acto da Praza de Vigo a seguir do canto dos cativos de Cluny e Quiroga Palacios e fíxoo recintando os versos de Rosalía: “Ben sei que non hai nada novo embaixo do ceo…” para seguir cuns versos de elaboración propia e reivindicarlle ao goberno local melloras na praza na que a nosa poeta “veu ao mundo”.
“Onde veu ao mundo? Ulo o nacemento? / Nun lugar ben oculto, nun pequeno recuncho. / Disque é moi indigno para tal persoeiro / dignifiquemos logo este lugar do barrio / onde o destino quixo que nacera Rosalía”, demandou Durán ante a lousa que sustenta o busto da poeta e o estanque veciño, chea de verdín unha e cun aspecto nada vistoso o outro.
- Viajar en coche de Santiago a Vigo o A Coruña por la AP-9 supera el coste de un vuelo de ida y vuelta a Barcelona
- Rosa Crujeiras se convierte en la primera rectora de la USC en sus 531 años de historia
- Alivio' de los precios de la gasolina en Santiago: la mayor liberación de la historia de reservas de petróleo por parte de la AIE ya se nota en los bolsillos de los compostelanos
- El brunch más campero aterriza en Santiago: 16 tipos de tostadas y 10 de tortitas para desayunar entre animales de granja
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
- El bar de Santiago donde Felipe VI se despejaba los viernes: así era el mítico Zum Zum
- Ahora hasta las gasolineras venden pasteles': la confitería más antigua de Santiago que hace a mano todos sus dulces
- Correos cierra su oficina de O Restollal, en Santiago, ante la 'bajada de la actividad”