Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

No antigo cemiterio

O PSdeG pide explicacións a Raxoi polo derrubamento dun muro en Bonaval

Marta Abal reclama transparencia sobre as actuacións realizadas nos muros de titularidade municipal e esixe un plan de intervención "claro e calendarizado"

Zona do Parque de Bonaval de Santiago na que se produciu o derrubamento do muro

Zona do Parque de Bonaval de Santiago na que se produciu o derrubamento do muro / Antonio Hernández

Santiago

O Grupo Municipal Socialista levará ao pleno deste mes unha pregunta dirixida ao goberno local para coñecer que actuacións realizou durante o mandato en relación ao mantemento e conservación dos muros de titularidade municipal tras o derrubamento parcial dun dos muros do antigo cemiterio de Bonaval rexistrado hai dez días. A concelleira Marta Abal sinalou que este episodio "puxo de manifesto a necesidade de revisar o estado destes espazos".

Abal expresou a preocupación do seu grupo, advertindo de que "non se trata só dunha cuestión estética ou patrimonial, senón tamén de prevención de riscos". Neste contexto, a edil sinalou que existe "un estudo de finais do ano 2022 que analizaba o estado de conservación e as medidas correctivas que había que adoptar en muros de titularidade municipal de Santiago", polo que considera necesario coñecer que medidas se adoptaron desde entón.

Por iso, segundo indicou, no pleno deste xoves, "preguntámoslle ao Goberno local que fixo durante este mandato para manter e conservar en bo estados muros", reclamando información detallada sobre as actuacións levadas a cabo.

A concelleira socialista Marta Abal

A concelleira socialista Marta Abal / Cedida

Reclama "transparencia"

A concelleira explicou que desde o PSOE "pedimos transparencia, coñecer as actuacións realizadas e a planificación das futuras, así como a súa dotación económica", ao entender que a conservación do patrimonio e a seguridade nos espazos públicos "deben formar parte dunha planificación estruturada e non de respostas puntuais tras os incidentes".

Neste sentido, Marta Abal concluíu que "só a través dun plan de intervención claro e calendarizado podemos previr que accidentes en espazos públicos como o de Bonaval se repitan", instando ao executivo local a ofrecer explicacións e a presentar unha "folla de ruta concreta".

Tracking Pixel Contents