Crise na rede de centros socioculturais
As familias organízanse para manter abertas as aulas de xogo do CSC de Fontiñas
Solicitan a Raxoi un espazo no centro para favorecer a conciliación. O persoal anuncia unha protesta durante a celebración do pleno

Entrada do Centro Sociocultural de Fontiñas, en Santiago / Jesús Prieto

As consecuencias da situación pola que está atravesando a rede de Centros Socioculturais comezan a notarse entre os usuarios do servizo. Fronte á paralización das actividades de dinamización, as familias de Fontiñas decidiron organizarse para «paliar en parte a falta de alternativas para a conciliación», explican. Deste xeito, logo de falar co animador responsable do espazo, estas familias vanlles facer chegar ao Concello unha solicitude colectiva para a cesión dun espazo no propio Centro Sociocultural de Fontiñas tres días á semana de 18 a 20 horas.
Para acadar este obxectivo, o venres 20 indican que en dúas horas xa xuntaron medio cento de sinaturas e seguirán recollendo apoios ata este xoves, data de celebración do pleno municipal. Na propia solicitude para obter ese espazo instan a Raxoi a que o servizo se municipalice, «polo menos transitoriamente», mentres non se atopa unha solución definitiva, que na súa opinión «pasa pola xestión directa, é dicir, pola municipalización definitiva».
O persoal, a cargo da empresa Serviplus, leva sen cobrar as nóminas desde o mes de outubro, o que motivou a retención de facturas por parte do Concello como garantía de pago. A chegada dunha nova concesionaria parecía a solución aos problemas, pero, tras serlle adxudicado o contrato a Eulen, a empresa renunciou pouco antes de asinar o seu compromiso. Despois disto, Raxoi decidiu o cese de Serviplus e permanece en contacto coa segunda clasificada do concurso para ver se pode facerse cargo. No entanto, os traballadores quedaron nun «limbo», xa que seguen sen cobrar e tampouco poden acceder a un subsidio de desemprego porque Serviplus se nega a emitir carta de despido. Deste xeito, permanecen oficialmente en folga desde o pasado día 16.
Concentración en Raxoi
Con este panorama, o persoal decidiu concentrarse este xoves a partir das 9.30 horas diante do Concello durante a celebración do pleno municipal. Segundo sinala a CIG nun comunicado, demandan «respostas e solucións inminentes ante a complexa situación laboral e económica» na que se atopan.
A representante sindical, Carme Iglesias, denuncia que «a 24 de febreiro, seguimos sen ver un peso e á espera de que Serviplus dea de baixa a todas as persoas traballadoras e coa negativa total á negociación dun despido temporal ou extintivo, o que nos deixa de novo sen posibilidade de solicitar ningún tipo de prestación por desemprego e á espera de que se nos paguen as nóminas pertinentes».
Reclaman respostas concretas
O persoal está «intentando negociar unha saída coas empresas e co goberno municipal que dea un pouco de esperanza», ao tempo que se pregunta por que aínda non se abonaron os salarios pendentes se o Concello retivo os cartos das nóminas. Así, reivindican que «de inmediato se proceda ao pago directo por parte da administración local».
«Este goberno deixounos sen oportunidades reais, sen cobrar, sen empresa que nos asista, cun ano de dereito de subrogación que logo comezará a correr, sen saber se haberá empresa que colla o servizo ou non, e cun posíbel reinicio do concurso se non aparece ningunha compañía que queira entrar», advirten. Ademais, piden respostas concretas e saber que medidas adoptará o Concello. «Desmantelarase totalmente un servizo tan necesario ou, dunha vez, con valentía, iremos a unha xestión directa?», inquiren.
- Viajar en coche de Santiago a Vigo o A Coruña por la AP-9 supera el coste de un vuelo de ida y vuelta a Barcelona
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- Rosa Crujeiras se convierte en la primera rectora de la USC en sus 531 años de historia
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- El brunch más campero aterriza en Santiago: 16 tipos de tostadas y 10 de tortitas para desayunar entre animales de granja
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
- Correos cierra su oficina de O Restollal, en Santiago, ante la 'bajada de la actividad”
- Uno de los accesos clave a Santiago estará cortado al tráfico este miércoles por las obras de la senda Milladoiro-Intermodal