Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago volve empezar co contrato da auga: nin concesión, nin xestión mixta

O PP bloquea a acción de goberno absténdose na votación plenaria logo de apoiar a iniciativa socialista na comisión para debater a licitación externan O BNG e CA votaron en contra

As obras no Pazo de Raxoi obrigan a celebrar o pleno local no Consello da Cultura

As obras no Pazo de Raxoi obrigan a celebrar o pleno local no Consello da Cultura / cedida

Ana Triñáns

Ana Triñáns

santiago

Compostela segue, un ano máis e van alá 40, sen actualizar a xestión da auga. O pleno rexeitou este xoves, grazas á abstención do Partido Popular -maioritario na Corporación local- o sistema de concesión, aprobado na comisión especial constituída para resolver esta cuestión. Nese escenario os populares amosáronse hai unhas semanas a favor do modelo de xestión externa para que se levase ao debate este xoves na biblioteca do Consello da Cultura Galega.

Varios edís advertírono no inicio das súas intervencións e así foi o debate sobre a actualización dun servizo básico para os residentes na capital galega: «Sainete», dixo a non adscrita Mila Castro; «Paripé», cualificou a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas (CA); e «Circo», definiu o debate o líder da oposición, Borja Verea (PP); mentres a alcaldesa Goretti Sanmartín subscribía as palabras da socialista Marta Abal: «O peor escenario é non facer nada».

Ninguén mentiu, o tratamento dunha cuestión fundamental coma a do servizo da auga, un sistema de abastecemento e saneamento obsoleto e con constantes roturas que non chega a todo o rural da cidade foi no pleno de febreiro un «sainete», un «paripé», un «circo» e cumpriuse o peor escenario: non facer nada. Grazas a todos e fundamentalmente ao PP, que se abstivo na votación dun modelo de xestión que chegou ao pleno grazas ao seu apoio, pois o modelo do goberno local era o da xestión mixta; e grazas tamén ao executivo de Sanmartín, que como lembraba nunha comunicación posterior o voceiro socialista, Sindo Guinarte, votou en contra dunha proposición que decidiu levar ao pleno, mais votou en coherencia ao modelo que defendeu dende que chegou á Corporación.

Así, a veciñanza queda á espera do que decida o goberno local, sexa levar ao seguinte pleno e previsiblemente sen apoios a súa opción, a xestión mixta, sexa devolver a cuestión á comisión especial. Do que non terá dúbida quen seguira o debate por streaming é de que os intereses que moveron os votos dos grupos políticos con representación no Pazo de Raxoi non foron os do interese público, senón políticos. Ningunha formación se moveu da súa posición inicial e, polo tempo que leva o contrato da auga sen resolverse xa se pode considerar tradicional. Se ben a máis chamativa foi a actitude do PP, que apoiou debater no pleno o modelo de concesión para logo absterse e con iso bloquear unha saída, da oposición ou do goberno local, a un contrato millonario sen actualizar dende 2019.

Unha renovación, de 100 millóns, estancanda

Comezaba o edil de Servizos básicos, Xesús Domínguez, falando dos 60 millóns de euros que custa a nova EDAR da Silvouta e dos preto de 100 millóns que supón a renovación do ciclo integral da auga e que recaerá nas arcas municipais, é dicir, na veciñanza. Preguntaba Domínguez na súa intervención: «Como unha concesión deixa a rede en tan mal estado?».

Unha liña que seguiu a voceira de Compostela Aberta, María Rozas, e que mesmo elevou afirmando que «non sabemos o que pasa co contrato, e é moi grave esta opacidade». A primeira tenenta de alcaldesa denunciou que segundo o Consello de Contas a actual concesionaria compremete nas súas contas «un 19% de gastos inexistentes» e engadiu que se imputa «un custo de persoal que duplica o habitual neste tipo de servizo».

Unha denuncia que non deixou pasar o líder do PP, Borja Verea, que asegurou que a primeira tenenta de alcaldesa «acaba de chamar delicuente á concesionaria», Verea, afirmouse a favor da concesión que licitará, dixo, se logo de 2027 é alcalde de Santiago.

Bloqueo á renovación

Ningún informe pareceu axeitado a ningún grupo da oposición, non adscritas e grupo municipal socialista apoiaron os estudos feitos no mandato de Xosé Sánchez Bugallo, cando formaban parte dunha única bancada. PP e BNG, agora este último no goberno, tamén se mantiveron na posición inicial –non facilitar a concesión–, e Compostela Aberta, con só dous edís, quedou na súa posición inicial sen apostar pola municipalización pero oposto á concesión.

A socialista Marta Abal defendeu que este non era un debate partidista e apostou por formar unha fronte común que non chegou a ningures. A ex socialista, Mila Castro reivindicou o traballo feito durante o mandato de Bugallo e mentres foi edil socialista, antes da expulsión. Pero nin eles nin outros moveron posicións, e segue Viaqua co contrato da auga e cada grupo político cos seus posicionamentos ‘a prioristas’ e as melloras deste servizo básico para a veciñanza, e máis para a cidadanía do rural, nun statu quo que a ninguén convén.

Tracking Pixel Contents