Crujeiras e Flores confrontan liderado e equipo na recta final cara ao Reitorado da USC
As catedráticas que aspiran a convertirse na primeira reitora da USC tras as votacións do vindeiro 11 de marzo fixan como prioridades a internacionalización, a vivenda e o financiamento

Tras unha primeira volta marcada pola alta participación e por unha campaña moi intensa nas facultades e centros e nas redes sociais, caracterizada pola confrontación, o 11 de marzo a Universidade de Santiago (USC)decidirá quen asumirá o liderado da institución nos próximos seis anos. A elección estará entre Rosa Crujeiras, catedrática de Estatística Operativa, e Maite Flores, catedrática de Óptica.
Na recta final, nun ‘cara a cara’ organizado por EL CORREO GALLEGO, ambas as candidatas quixeron trasladar unhas mensaxes á comunidade universitaria despois de agradecer o convite. Maite Flores destacou que «para min os debates son realmente a saúde democrática, onde nos podemos expresar e onde podemos confrontar programas e equipos». Unha aportación que utilizou para afearlle a Crujeiras que rechazara outros debates nesta segunda campaña que arrancou o pasado venres 27 de febreiro e concluirá o luns 9 de marzo. Polo seu lado, Crujeiras asegurou que afronta esta segunda volta con «responsabilidade, tras os primeiros resultados, nos que percibimos o apoio de todos os sectores, con serenidade e con ambición de cambio». Presenta no seu caso «un proxecto de futuro que aposte pola excelencia académica, un modelo de goberno máis aberto e máis participativo».

Maite Flores, á esquerda, Susana López (moderadora) e Rosa Crujeiras, durante o ‘cara a cara’ organizda por EL CORREO GALLEGO. / Jesús Prieto
Flores tamén fixo unha lectura dos resultados da primeira volta, asegurando que «existe un desexo de cambio. Nacemos como unha candidatura con xente de base da universidade, sen o respaldo de ningún reitor ou partido político, e fomos medrando pouco a pouco». Co primeiro obxectivo cumprido de pasar á segunda fase, pero sen ser «conformista», Flores subliñou que «temos marxe de mellora». Ademais, co propósito de «garantir que haxa un cambio real na Universidade», manifestou que «xa comezamos unha remontada con esa publicación de que tiñamos máis porcentaxe de voto recibido que o primeiramente anunciado».
Crujeiras respondeu dicindo que «non é unha competición de deporte, son eleccións da USC. Falar de remontada igual non é o termo máis acaído». Con todo, e xa de cara ás votacións, animou a «mellorar a participación histórica da primeira volta, que dá conta de que a Universidade quere exercer a súa autonomía na toma de decisións».
Con respecto ao ton da campaña, Flores apostou por «centrar a campaña na mensaxe académica» e falou de «decepción» tras unha serie de bulos en redes que cualificou como «un ataque directo da contorna da candidatura de Crujeiras. Non digo que o incentivase ou motivase ela, pero se sabía que estaba sucedendo e non o paraba; nós dalgunha forma vimos que era darlle aire». Ademais, subliñou que o seu equipo «nunca entrou en facer descalificacións nin bulos como o que se dixo de que ibamos privatizar as residencias públicas».
Crujeiras recoñeceu que os ataques por redes foron dirixidos «a todas as candidatas» e destacou que, cando remate o proceso, aposta por «facer unha reflexión de como se nos cuestionou de xeito anónimo, algo que non tiña que ter acontecido». Ao igual que Flores, insistiu en que é esencial «manter o debate no seo do académico».
Que lle pode aportar á USC Crujeiras como reitora que non lle vai aportar Flores... e viceversa?
Cando se lle preguntou que lle pode aportar á USC Rosa Crujeiras como reitora que non lle vai aportar Maite Flores, a catedrática deu unha mensaxe clara: «Eu como reitora e o meu equipo penso que podemos aportar unha forma distinta de liderar a universidade e que creo que estamos demostrando xa a maneira de facelo, de crear comunidade dende dentro sen afastarse do espazo onde se fai a universidade, dentro das aulas, dos centros docentes e dos centros de traballo», ao que engadeu: «Creo que podemos aportar un diálogo constante, así o estamos mostrando, un liderado desde a escoita humilde e activa, unha planificación rigorosa tanto dos procedementos como dos recursos e tamén capacidade de executar cambios concretos».
«O noso proxecto non é algo que veña de antonte. Levamos moitos anos traballando»
En canto ás diferenzas concretas dos proxectos e equipos, citou tres. «Ateusoramos un coñecemento moi profundo da institución, solvencia académica, científica e de xestión das persoas que integran o equipo e de quen o lideraría, e probada capacidade de construír consensos amplos».
Flores, pola súa banda, puntualizou que nunhas eleccións hai que analizar catro aspectos: a candidata, as persoas que integran a candidatura, o programa electoral e as siglas e a ideoloxía de traballo. «Neste caso, ideoloxía e siglas non existen na nosa candidatura. Logo, tanto a profesora Crujeiras como eu temos un pasado coñecido na comunidade universitaria. No que se refire ao programa electoral, aí hai moitas diferenzas, e esa vai ser a clave da diferenza», manifestou.
Neste punto explicou que apostan claramente pola internacionalización da universidade: «Queremos que a nosa universidade se abra e sexa referente non só nacional senón tamén internacional, por iso temos unha vicerreitoría propia». Aposta tamén por un proceso de dixitalización «real» para axilizar procesos e «reducir a carga burocrática que soporta tanto o profesorado como o persoal técnico de administración e servizos».
«O equipo que conforma a candidatura de Rosa Crujeiras é ingobernable»
Sobre o estudantado, Flores subliñou que «non é só potenciar a participación, a convivencia, o deporte, a cultura; é entender que o estudantado é o eixo identitario da universidade, a súa razón de ser». E engadiu a importancia do campus de Lugo, ao cal se lle destina unha parte no seu programa. «Xa defendemos titulacións vinculadas ao territorio cando se puxeron encuestión e que deben seguir aí», dixo.
Flores tamén fixo referencia á independencia da candidatura, reiterando que conta con «xente de base da universidade, con ideas claras sobre o que queremos. E sobre o equipo, destacou que «un equipo debe mostrar independencia e cohesión. Sen desaxustes». Neste punto fixo un inciso mostrando dúas fotos dos equipos de Crujeiras, na que nunha delas non aparecía Luís Míguez, quen foi apartado da candidatura por publicacións de hai vinte anos nun blog. «Xa hai días pedín transparencia e pídolle a Crujeiras que aclare o tema da secretaría xeral, se foi ela a que o apartou ou se foi Luís Míguez o que se afastou, porque temos a sensación de que estamos xogando ás agachadas», comentou.
Cruejiras foi breve e concisa coa súa resposta. «A comunidade universitaria saberá toda a composición do equipo antes de que vaia ás urnas o día 11. Foi un momento moi duro e creo que o vamos deixar aí por respecto a el e á súa xente», aclarou, deixando tamén constancia de que «non xogamos ás agachadas».
Volvendo ao que pode aportar como reitora, Crujeiras explicou: «O noso proxecto non é un proxecto que veña de antonte. Levamos moitos anos traballando dende o Claustro e o Consello de Goberno». Como principios e valores falou dunha universidade «feminista, inclusiva, que atenda á diversidade, que fomente valores democráticos e a cultura da paz. Unha universidade máis participativa, sostible e conectada coa realidade».
Co seu proxecto busca «avanzar adiántandose ás demandas sociais, facendo investigación de fronteira, formando profesionais do futuro, fomentando colaboracións interdisciplinares e poñendo o coñecemento ao servizo da sociedade. Innovar, organización áxil e participativa, coidar e contar coas nosas persoas», entre outras cuestións. Destacou tamén a importancia da estratexia dixital, que apoia a simplificación de procedementos, e da internacionalización.
Flores, pola súa banda, analizou aspectos do equipo contrario: «Percíbese que o equipo que conforma a súa candidatura é ingobernable por diferentes composicións. A vicerreitoría de Transferencia está liderada por unha persoa que non fixo transferencia». Asegurou que se percibe «falta de cohesión do equipo» cando no seu «cada persoa ten a súa traxectoria avalada». Ao contrario, Crujeiras decidiu non valorar os membros do equipo da súa contrincante. «Paréceme unha cuestión de respecto. Todos somos parte da comunidade e todos facemos falta», aclarou.
En canto ao programa, Flores subliñou que «vai de serie ser unha universidade feminista, que aboga pola paz e traballar polo estudantado». Pon o foco en «apostar por unha universidade internacional, non só en mobilidade, senón estudando a posibilidade de facer titulacións dobres e compartidas».
Coinciden ambas en que «temos que abrirnos coa internacionalización de toda a nosa actividade», pero Crujeiras engadiu que «isto non ten porque estar pelexado con que cumpramos a nosa misión como a principal institución de educación superior de Galicia que somos. Crear contorna de traballo que permita atracción de talento e o seu desenvolvemento dentro da institución».
En referencia á transparencia e xestión, Flores falou de claridade. «Mantivemos un programa electoral dende o primeiro día, cando no caso de Crujeiras foi colgando distintas versións. Os orzamentos son os que son, que haberá que ver se dá tempo a mudalos no vindeiro ano, pero non podemos dicir si a todo».
Crujeiras definiu o financiamento como «o gran reto» tendo que facer unha «revisión de grandes investimentos, especialmente no apartado de infraestruturas, e reclamalo coa presentación dun proxecto sostible». Iso será, en palabras da catedrática, «o primeiro no que traballemos».Ao respecto Flores completou: «Temos que conseguir que o financiamento que temos na Universidade de Santiago, con moitos anos e infraestruturas que son patrimonio, sexa o suficiente.
As candidatas a dirixir a USC concluíron o ‘cara a cara’ abordando a cuestión da vivenda. Flores subliñou que «non podemos consentir que os nosos estudantes non puidesen estudar na USC por non ter onde vivir». Crujeiras apoiou plenamente a idea e agregou: «Non podemos perder talento por falta de vivenda, non só estudantado, senón tamén persoas que se incorporan a traballar».
A participación nas votacións, «clave» para definir o futuro da USC
As candidatas a reitora dirixíronse á comunidade universitaria para solicitar o seu apoio.

Maite Flores, á esquerda, Susana López (moderadora) e Rosa Crujeiras, durante o ‘cara a cara’ organizda por EL CORREO GALLEGO. / Jesús Prieto
Flores destacou que «tócanos a todos votar, con responsabilidade, se queremos un modelo novo ou con voltas ao pasado». Ademais, subliñou o seu compromiso coa universidade: «Queremos que a Universidade aspire a máis, e será a miña honra pilotar este proxecto. Prometemos avances. Pedimos que se confronten programas e equipos. Queremos que se suban ao noso barco porque eu vou ser quen de liderar e levar ese barco a bo porto», dixo.
Crujeiras, pola súa banda, destacou a dimensión colectiva do seu proxecto: «Pedimos o voto para abrir unha nova etapa colectiva na USC, para sumar maiorías dende todos os sectores arredor dun proxecto de todas e de todos que nos permita construír o futuro da USC e a USC do futuro». Incidiu en que «temos un proxecto dende o que queremos avanzar, transformarnos e liderar o ensino e investigación de vangarda en Galicia cun equipo plural, comprometido, competente e motivado». Para Crujeiras, agora é o momento de mobilizar á comunidade universitaria. «O día 11 é o momento de votar polo noso proxecto», concluíu.
- Adiós a otro comercio del casco histórico de Santiago: «Llegamos a tener más de 2.000 pares de zapatos»
- Un estudiante de Santiago logra el oro en las olimpiadas nacionales de FP
- Giro en la hostelería de Santiago: la ciudad pierde bares pero gana restaurantes
- El juez Taín asegura que Alfonso Basterra ha solicitado el tercer grado y negocia su participación en una serie sobre el caso Asunta
- Un hotel en la antigua muralla de Santiago: la apuesta de un empresario gallego con negocios en Brasil
- La mediación para el convenio del transporte de viajeros se cierra sin acuerdo
- Santiago suspende por un año la conversión de edificios enteros en apartamentos turísticos entre las críticas de la oposición
- María Renée, la joven que pone voz a las quejas de Pontepedriña por el proyecto 'Entre Sar e Sarela'