Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Eleccións ao Reitorado

Maite Flores propón o actual coordinador do Concello de Santiago como xerente da USC

Se gaña as eleccións ao Reiterado incorporará a Xosé Antón Freire, que conta cunha dilatada experiencia de xestión na Universidade

Flores, acompañada por Basante (esquerda) e Freire (dereita)

Flores, acompañada por Basante (esquerda) e Freire (dereita) / Cedida

Santiago

A catedrática de Óptica e candidata á Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Maite Flores vén de anunciar que, se sae elixida reitora, proporalle ao Consello Social o nomeamento de Xosé Antón Freire Ramos como novo xerente. Freire é licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e conta cunha dilatada experiencia de xestión dentro da propia USC. Actualmente ocupa o cargo de coordinador xeral do Concello de Santiago.

"Eu sempre dixen que, para min, o perfil ideal para ocupar a xerencia era unha persoa cunha visión externa, pero cun profundo coñecemento da casa e penso que non hai mellor perfil que o de Xosé Antón para cumprir ambas as dúas cualidades. A súa traxectoria tanto dentro da USC como na Administración Local e o seu talante moderado e dialogante son a súa mellor tarxeta de presentación", destacou Maite Flores.

Estrutura xerencial

A candidata anunciou que tamén se incorporará á estrutura xerencial o traballador da USC José Ramón Basante Barbazán, quen desde abril do pasado ano desempeña o posto de xefe do Servizo de Orzamentación e Planificación, integrado na Área de Xestión Económica. Basante conta cun Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, unha Diplomatura en Relacións Laborais e é Técnico especialista en informática de xestión.

"A ambos os dous agradézolles o xesto valente de dar un paso á fronte neste momento, demostrando o seu compromiso coa USC e a confianza en que é posible un cambio para imprimirlle aires novos", subliñou Maite Flores, antes de engadir que "a súa incorporación ao equipo vén motivada pola ambición de traballar a prol dun modelo de USC que compartimos e que pasa por avanzar na transformación dixital, por fortalecer as alianzas no conxunto do ecosistema de universidades públicas e pola introducción da perspectiva da innovación en todos os procedementos".

"A nova estrutura xerencial vaise configurar como un órgano directivo profesional e estratéxico, que vai liderar a modernización administrativa da USC para que volva ser un referente, impulsando unha xestión dixital, simplificada e baseada en datos. O seu obxectivo será garantir a eficiencia, a seguridade xurídica e a excelencia no servizo á comunidade universitaria, mediante unha gobernanza transparente, dialogante, colaborativa e orientada a resultados", argumentou a candidata.

Tracking Pixel Contents