Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Visión feminista, "base inamovible"

A MICE comeza unha nova etapa "mantendo o legado" mais achegando "unha nova visión"

Coral Piñeiro e Fran Rodríguez, do colectivo Memoria e Cinema, asumen a dirección da Mostra de Cinema Etnográfico logo de dúas décadas ao cargo de Ana Estévez

Louzao, Penas, Losada, Rodríguez, Piñeiro e Sutil durante a presentación da XXI MICE

Louzao, Penas, Losada, Rodríguez, Piñeiro e Sutil durante a presentación da XXI MICE / cedida

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Chega a Compostela unha nova edición da MICE (Mostra Internacional de Cinema Etnográfico) e faino con cambios na dirección, que abandona logo de 20 anos Ana Estévez para que a asuman Coral Piñeiro e Fran Rodríguez, do colectivo Memoria e Cinema, que aseguraron na presentación que recollen a oportunidade coa decisión de "manter o legado cunha nova visión" conservando claves "que son signo da MICE". Unha delas "a visión feminista" do festival, asegurou Piñeiro para redundar en que preservarán bases para eles "inamovibles" desta mostra.

A MICE vaise desenvolver entre os días 10 e 15 de marzo, con actividades coma un taller de gravación en 16 milímetros en colaboración coa Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de Madrid (ECAM). Os principais escenarios da mostra serán unha vez máis o Museo do Pobo Galego e tamén o Teatro Principal e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, pois empréndese colaboración co seu cineclube.

Coral Piñeiro aproveitou a súa intervención na presentación da MICE para facer público o interese dos dous directores da mesma por esta mostra "moi especial para nós porque chegamos como espectadores, mentres cursabamos a carreira e descubríamos o cinema etnográfico" e logo participando coas súas creacións. Pola súa parte, Fran Rodríguez explicou que este ano o festival "aposta pola antropoloxía como elemento fundamental", polo que busca "un programa que teña que ver coa experimentación e co colectivo".

O programa

O codirector Fran Rodríguez debullou parte da programación desta XXI MICE, que se inaugura cunha residencia sonora vencellada coas redeiras da Guarda, unha iniciativa que se desenvolve en colaboración con Acción Cultural.

E outra das cooperación desta nova etapa da mostra de cinema etnográfico é coa ECAM, grazas á que a rapazada poderá crear, logo da realización dun taller de gravación en 16 milímetros, unha peza que se vai proxectar o día 16 no Teatro Principal.

Tamén co Cineclube da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC vai colaborar a MICE, proxectando alí pezas coma Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras e consolidando así a sesión Tránsitos como un dos espazos de intercambio máis singulares do festival. 

Outra parte da programación é a que se cingue ás seccións oficiais: Galicia e Internacional, onde segue a destacar a presenza feminina, non só na dirección senón tamén na produción e na creación. É o caso da retrospectiva vinculada ao territorio, en colaboración con Zinema Auzolanean, experiencia de cinema colectivo desenvolvida por Hiruki Filmak, "que propón unha reflexión sobre autorrepresentación, procesos comunitarios e metodoloxías de creación compartida".

Desta edición forman tamén parte a navarra Maddi Barber, á que se lle dedica unha retrospectiva cun percorrido integral por unha filmografía na que paisaxe, corpo e memoria, , e Marina Lameira. Desta última, que levou a cabo un relato comunal no que a xente da aldea é directora, protagonista, produtora... proxectaranse tres curtametraxes na XXI MICE.

Entre a presenza galega na mostra, no concurso oficial, Fran Rodríguez quixo destacar as proxeccións de El cuerpo de Cristo, de Bea Lema, e La historia todavía no conoce mi nombre, de Diana Toucedo. A sección, complétase con filmes como Alboroque, de Sabrina Fernández, ou Furada galega, de Berio Molina.

Na sección oficial internacional haberá pezas como Rain does not make us happy animore, de Yashasvi Juyal, centrada no Himalaia, ou Seen from here, I feel like belonging, de Emilia Auhagen-Kuoppamäki e Leon Edmonds-Pool, que vencellan ciencia e paisaxe a través do arquivo.

Tamén haberá animación nesta MICE da man de Laura Gonçalves e Alexandra Ramires con Percebes.

Recoñecemento de Ana Estévez

Na presentación da XXI MICE, xunto aos novos directores, Coral Piñeiro e Fran Rodríguez, tamén estiveron presentes representantes das tres administracións que colaboran coa organización desta mostra do Museo do Pobo Galego. Ademais da súa presidenta, Concha Losada, asistiron o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) da Xunta, Jacobo Sutil, o deputado de Patrimonio, Xosé Penas, e a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao.

Todos eles tiveron palabras de agradecemento para Ana Estévez, que segundo as palabras da presidenta do Museo "merece un recoñecemento expreso e moi importante". E un deles, segundo a propia Concha Losada, o da nova dirección da MICE "que formou parte da súa equipa", en relación ao colectivo Memoria e Cinema.

Tamén Sutil tivo palabras para a xa ex directora da mostra poñendo en valor o seu traballo durante 20 anos, mais o director de Agadic tamén quixo referirse a que a MICE "é un festival que forma parte imprescindible do cinema actual galego". Jacobo Sutil puxo en valor a especialización da mostra na temática etnográfica e tamén a parte formativa que sempre forma parte do programa do festival.

O deputado Xose Penas foi máis alá e asegurou que o festival "é case patrimonio", pois "o patrimonio son as persoas, non existiría sen as persoas detrás". Penas puxo en valor que a MICE "ensina a pensar, a sermos críticos e a revisar conceptos" e tamén que a existencia do festival para que "a xente de fóra entenda que hai outra forma de facer turismo".

A concelleira Míriam Louzao centrou o seu discurso no carácter cinéfilo de Compostela, "que entende o cine non só como industria, tamén como punto de encontro, artístico e de diálogo" e definiu a mostra coma "xermolo de novos ollares" e desenxando "o mellor para a nova dirección, que será o mellor para nós".

Tracking Pixel Contents