Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Axenda cultural

Que facer hoxe, 4 de marzo, en Santiago: citas coa música en tres locais da cidade

O director científico do Citius, Senén Barro, presenta o libro Poden pensar as máquinas? hoxe ás 19.00 horas na libraría Follas Novas.

Imaxe dunha foliada no Modus Vivendi

Imaxe dunha foliada no Modus Vivendi / Cedida

El Correo Gallego

Santiago de Compostela

CONCERTOS E FOLIADA. Tres locais da cidade ofrecen diferentes propostas musicais. Ás 21.30h no Arume actúa Andoni Arcos, que interpreta versións de blues e rock (entrada inversa). Á mesma hora, a Borriquita de Belem acolle unha nova sesión de jazz da man do saxofonista Pablo Saxxx (entradas por 7 euros). Ademais, ás 22h o Modus Vivendi celebra unha foliada, na que convidan a levar instrumentos e asistir con moitas ganas de bailar e cantar.

Senén Barro presenta en Follas Novas ‘Poden pensar as máquinas?’

ENSAIO. O director científico do Citius, experto en intelixencia artificial e colaborador de EL CORREO GALLEGO, Senén Barro, presenta o libro Poden pensar as máquinas? hoxe ás 19.00 horas na libraría Follas Novas. Trátase dun ensaio no que, dun xeito divulgativo e ameno, o autor introdúcenos neste novo mundo que se abre ante nós. «É un libro pensado para todos os públicos, non para xente que estea moi familiarizada neste campo. É un libro de divulgación, pero non só porque, aínda que en todo o que traballo academicamente procuro que se entenda, é tamén unha obra moi de pensamento, de facerse preguntas e dar respostas, pero de motivar moitas máis das que contesto», explica Senén Barro con respecto ao contido da súa obra, que precisamente parte de dous artigos publicados nas páxinas deste diario. Na presentación, Barro estará acompañado pola xornalista Tania Fernández Lombao e polo editor Henrique Alvarellos.

Senén Barro, director científico do Citius e catedrático da USC, presentará o seu novo libro en Santiago o 4 de marzo.

Senén Barro, director científico do Citius e catedrático da USC, presentará o seu novo libro en Santiago o 4 de marzo. / Jesús Prieto

Nova sesión de cine en Filosofía e proxección de curtas no Cineclube

AUDIOVISUAL. O Cineclube inicia hoxe un ciclo sobre o baile cunha serie de curtametraxes de carácter etnográfico. A sesión que o abre será no CS O Pichel (Santa Clara, 21) a partir das 21.30h e inclúe a proxección de catro pezas. Ademais, continúa o Ciclo de Cine Filosófico ás 18 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía coa proxección do filme Le cercle rouge [O círculo vermello] (1970), de Jean-Pierre Melville. A USC tamén programa este mércores a conferencia Modelo Lean Startup na Facultade de Química ás 13h, o Seminario Entre Algoritmos. Encontros etnográficos na era sintética na Facultade de Ciencias da Comunicación ás 16h e o arranque de Faísca Cultural en Ciencias da Educación ás 16h.

Últimos días para visitar a exposición sobre as Moscoso

O domingo 8 de marzo será o último día para visitar na Casa do Cabido a exposición As Moscoso. Mulleres con poder na Compostela baixomedieval, organizada polo Consorcio de Santiago. A mostra rescata e pon en valor o papel das mulleres da liñaxe Moscoso na Galicia baixomedieval e pode visitarse con acceso de balde en horario de martes a sábado de 10h a 14h e de 16h a 20h, e os domingos de 11h a 14h.

Tracking Pixel Contents