O Barrio Verde de Pontepedriña avanza para "crear un espazo público de maior calidade"
As obras en Amor Ruibal pretenden instaurar o primeiro barrio adaptado ao cambio climático en Santiago

Obras na rúa Amor Ruibal dentro do proxecto Barrio Verde de Pontepedriña / Antonio Hernández
O Concello de Santiago avanza na obra do Barrio Verde de Pontepedriña co obxectivo de crear un espazo no que a cidade se adapte ao cambio climático. Menos tráfico, corredores verdes e zonas de sombra con especies autóctonas buscan en esencia "crear un espazo público de maior calidade".
O proxecto pretende a transformación da rúa de Amor Ruibal nun corredor ecolóxico, a transformación ecolóxica da praza Pintor Laxeiro e da faixa verde do parque Euxenio Granell que se atopa dentro do ámbito, no espazo libre adxacente ao IES de Pontepedriña ou da rúa do Escultor Camilo Otero. Ademais, inclúe como novidade un proxecto piloto para fomentar unha nova forma de xestión da auga de chuvia que nun primeiro momento será infiltrada nas grandes superficies permeables e vexetadas.
O barrio verde de Pontepedriña é unha das cinco actuacións que se engloban no proxecto Entre Sar e Sarela financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea. Raxoi logrou os fondos necesarios xa durante o mandato do socialista Xosé Sánchez Bugallo, pero non foi ata a chegada do Executivo de Goretti Sanmartín cando arrincaron as obras. "É un proxecto conxunto co Concello de Santiago, a USC e cofinanciado pola Fundación Biodiversidade", indican dende o Concello. Foi o persoal investigador da universidade o que estableceu os criterios para a restauración ecolóxica e tamén os criterios á hora de intervir na zona de Pontepedriña.

Obras do corredor de Pontepedriña / ECG
Eixos de actuación
A diminución de prazas de aparcamento é un dos eixos da actuación. "Estamos reducindo o espazo destinado ao coche na rúa Amor Ruibal claramente sobredimensionado, para crear un espazo público máis amplo e diverso desde o punto de vista funcional, de maior calidade e que fomente tamén o encontro e a estancia".
Ademais, unha das novidades dase nas beirarrúas. "Os novos pavimentos das beirarrúas serán filtrantes ao mesmo tempo que garanten a accesibildiade. Cambianse os pavimentos de todas as zonas peonís e as súas bases o cal aumenta a permeabilidade, reduce a compactación do solo e por tanto, mellora as condicións para o verde urbano", indican. A auga sobrante da chuvia vai ser conducida por unha canle (tamén con especies vexetais e sistemas de filtración), e de aí pasará a unha balsa de biorremediación. Despois será vertida de forma controlada ao río Sar. "Xa contamos co informe favorable de Augas de Galicia para o punto de verquido", explica o Concello.
Raxoi tamén eliminou árbores foráneas e invasoras (eucaliptos e robinias) e trasplantáronse outras (agapantos) noutros espazos menos sensibeis e confinadas. "Fixemos pedagoxía entre a cidadanía sobre a importancia de plantar especies autóctonas e adaptadas e de crear unhas zonas verdes con masas arbóreas autóctonas diversas. Por iso se suprimiron as árbores puntuais e alóctonas para plantas especies que formarán unha masa nos próximos anos", indica o Concello de Santiago.
Reunións veciñais
O Concello destaca que antes de comezar as obras houbo contacto cos residentes na contorna para explicarlles o proxecto. "Nas xuntanzas previas á aprobación do proxecto recolléronse as peticións da asociación veciñal de Pontepedriña", indica. O 10 de abril de 2023 realizouse unha xuntanza explicativa no centro sociocultural do barrio aberta á cidadanía á que se convocou ás asociacións veciñais de Pontepedriña e Sandra Prego para explicar o proxecto do Barrio verde de Pontepedriña. Raxoi indica ademais que tamén se realizou "unha comunicación específica sobre as tarefas de retirada de especies vexetais e a plantación das novas". Insiste en que o cambio nas especies vexetais respondeu "ao criterio técnico das persoas investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela, de áreas como a botánica e a edafoloxía".
O Concello tamén confirma aos comerciantes da zona que "existirán espazos para a carga e descarga en cada sentido de circulación". Tamén que haberá áreas de parada e de estacionamento, así como espazos reservados para o transporte público. Amais explica que nun futuro o carril bici que se vai construir na zona terá continuidade coa rúa de Romero Donallo.
- Una discoteca gallega se cuela entre las mejores del mundo: 'El local insignia de Galicia
- Un centenar de personas recorren la ruta que seguirán los tráileres para evitar el transporte y procesado de inertes en Teo
- Demasiado mayor para ascender, pero no para trabajar: una gallega denuncia ante la ONU un caso de edadismo en la función pública
- El paseo de pasarelas junto al mar más bonito de Galicia está a una hora de Santiago: 'Solo escuchas las olas
- SG Monte do Gozo, la empresa que facilita vacaciones a los ganaderos gallegos: 'En el campo también hay sueldos de médico
- Vuelven a Santiago las quedadas para leer en silencio que arrasaron en 2025
- Las entradas de O Son do Camiño no vuelan tan rápido como hace un año
- Parece un cuento de hadas y está a 1 hora de Santiago: el bosque gallego con casas de gnomos y un tipi indio para pasar la noche