Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mantemento dos viarios

A alcaldesa de Santiago visita a reparación da N-634 na zona de San Marcos

Xunto ao edil de Obras, Sanmartín, achegouse a outras zonas nas que se executaron melloras no pavimento, coma a Costa do Vedor, onde se mellorou o cruzamento con Quiroga Palacios

Sanmartín, xunto a Domínguez, visitando as obras de reparación dos pavimentos.

Sanmartín, xunto a Domínguez, visitando as obras de reparación dos pavimentos. / cedida

Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada do concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, supervisou esta semana varios puntos do concello onde se están a desenvolver traballos de reparación de pavimentos. Segundo informaban onte dende Raxoi, «unha das actuacións de maior investimento que se excutaron nos últimos días desenvolveuse na N-634, cun importe de 120.000 euros para mellorar o pavimento desta estrada que conecta coa zona de San Marcos».

Outro dos puntos onde se levaron a cabo traballos, e ao que acudiu a alcaldesa, é a Costa do Vedor, onde se executou a mellora do cruzamento coa rúa de Quiroga Palacios, «facéndoo máis seguro para as persoas, instalando sinalética e rebaixando os pavimentos para minimizar barreiras arquitectónicas». A actuación do Vedor con Quiroga Palacios forma parte dun proxecto máis amplo, «con intervencións en máis de 16 puntos», e completouse este xoves coa rexeneración dos pavimentos de asfalto durante esta semana.

Nesta calzada, que ten unha forte pendente conectando Quiroga Palacios co Cruceiro de San Pedro, tamén se instalou un punto de recollida de lixo e están programadas outras actuacións menores para mellorar a accesibilidade, como a instalación de pasamáns.

Outras actuacións

As brigadas de asfaltado traballaron tamén nas últimas semanas noutros puntos do concello, como na rúa de Polonia e na rúa de Malta ou no polígono do Tambre. Dende Raxoi comunican tamén que se actuou nas Fontiñas (nas rúas Lisboa, Berlín, Londres, París, Roma, Bruxelas e Moscova), na rúa San Lázaro e no Camiño Francés, na República de Arxentina e Gómez Ulla (no Ensanche) e noutras localizacións como a Ponte Vella de Vidán ou o Burgo das Nacións.

Máis non só se realizaron traballos de asfaltado, os operarios municipais repararon tamén nas últimas semanas empedrados do ámbito da rúa de San Pedro.

Tracking Pixel Contents