Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Contra á regresión

Santiago comprométese coa igualdade: habilita un piso para mulleres e persoas LGBTI vítimas de violencia

Xestionado polo Departamento de Igualdade aprobarase na xunta de goberno o luns e estará operativo «practicamente con carácter inmediato»

Membros da Corporación co xurado dos Premios Xohana Torres e as alumnas do IES Eduardo Pondal

Membros da Corporación co xurado dos Premios Xohana Torres e as alumnas do IES Eduardo Pondal / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que o Departamento de Igualdade do Concello vai contar «practicamente con carácter inmediato» cun piso de titularidade municipal que se vai converter nun recurso habitacional para mulleres e persoas do colectivo LGBTI que precisen protección ou apoio por causa da violencia de xénero ou que se atopen por isto nunha situación de vulnerabilidade.

A decisión vaina ratificar a xunta de goberno do luns 9 de marzo. «Creo que é un compromiso importante neste día, nas vésperas xa do 8M», asegurou Sanmartín que tamén informou de que unha vez aprobada a iniciativa o piso está «practicamente» operativo pois «está xa en boas condicións de habitabilidade e o que faremos será xestionar internamente cales son as normas».

A rexedora fixo este anuncio no remate da Declaración institucional da Corporación local con motivo das celebracións do 8 de marzo, Día das Mulleres. Un documento aprobado no pasado pleno municipal «e que todo o mundo reivindicamos», dixo a rexedora en referencia ao total dos grupos da Corporación. A lectura desta declaración realizárona en conxunto os edís Mercedes Rosón (non adscrita), Marta Abal (PSOE), Borja Rubio (PP), María Rozas (CA), Míriam Louzao (BNG) e a propia alcaldesa.

A declaración deste ano fixa como puntos primordiais na loita pola igualdade: apoiar as mobilizacións do 8M, destinar ao menos o 1% do orzamento a políticas de igualdade e de prevención da violencia de xénero, demandar un maior esforzo económico da Xunta no financiamento dos CIM (Centro Integral de Atención á Muller) e o mesmo por parte do Goberno do Estado en relación ás políticas de igualdade.

Catro alumnas do IES Eduardo Pondal participaron do acto institucional de Raxoi polo 8M

Catro alumnas do IES Eduardo Pondal participaron do acto institucional de Raxoi polo 8M / Jesús Prieto

Versos e compromiso da Corporación

Catro alumnas do IES Eduardo Pombal formaron parte deste acto institucional polo Día da Muller, celebrado no Salón Vermello do Pazo de Raxoi, Zoé Pose, Catalina Carreira, Adriana Fernández e Emma Serrano. Antes de que procedesen a ler cadanseu poema, a alcaldesa Sanmartín -encarga de presentalas- fixo referencia á especial ilusión que lle facía a súa participación por ser ese instituto o seu primeiro destino cando conseguiu a praza de profesora de Secundaria.

Zoe, Catalina e Adriana recitaron para o público presente poemas de Xohana Torres (Penélope), un fragmento do Lieders de Rosalía de Castro e Das últimas mareas, de Ana Romaní, respectivamente. A quenda pechouna Emma Serrano, que leu un poema propio moi aplaudido polo público.

Logo xa volveu unha vez máis a parte institucional coa lectura da declaración acordada pola Corporación e botada no pasado pleno. Un acto que iniciou a edil non adscrita Mercedes Rosón dando lectura ao inicio do texto e facendo referencia á necesidade de reivindicar "a democracia e a memoria colectiva" e lembrou que "as desigualdades estruturais aínda seguen presentes".

Rosón, Louzao, Rozas, Rubio, Sanmartín e Abal durante a lectura da Declaración institucional

Rosón, Louzao, Rozas, Rubio, Sanmartín e Abal durante a lectura da Declaración institucional / Jesús Prieto

A socialista Marta Abal deu lectura á parte centrada no "feminismo como forza transformadora" animando as mulleres a que "constrúan unha Compostela máis xusta". Por parte do Partido Popular interveu o concelleiro Borja Rubio en favor dunha "Compostela símbolo da loita feminista" e citando a necesidade de construír "políticas públicas ambiciosas e transformadoras".

Rubio expresou na súa quenda de lectura da declaración a preocupación actual polos "discursos de odio", en especial entre a xente máis nova. Algo ao que tamén fixo referencia a delegada do reitor para Igualdade, Sonia Boente, nunha intervención posterior na que animou á esperanza "porque todo chega", en referencia a que a USC terá proximamente unha reitora, "por primeira vez unha muller en 530 anos" de historia da universidade.

A violencia centrou a lectura da declaración institucional da primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, referindo 1.253 ordes de protección por violencia de xénero en Galicia e instando a erradicala. Tamén falou da protección das mulleres vítimas da violencia a voceira do BNG, Míriam Louzao, que se referiu ás máis de 200 mulleres protexidas e que reciben asesoramento en Compostela, alén da nova dinámica na Casa Xohana Torres, ademais de para a muller é un espazo para o colectivo LGBTI.

Tracking Pixel Contents