Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Balance anual

Os Bombeiros de Santiago atenderon 210 incendios en 2025, a cifra máis alta en oito anos

Realizaron case 2.000 intervencións o ano pasado, cun importante incremento das inspeccións e labores preventivas

Os Bombeiros de Santiago, nunha actividade formativa

Os Bombeiros de Santiago, nunha actividade formativa / Cedida

Manu López

Manu López

Santiago

O Concello de Santiago vén de dar a coñecer os datos do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do 2025, que amosan un notable incremento no número de incendios, chegando ata 210, a cifra máis alta desde 2017. A cantidade de lumes creceu desde os 197 de 2024 ata superar os dous centenares. Deles, 34 foron forestais, o dobre que no exercicio anterior, cando se rexistraron 17 deste tipo.

En total, os Bombeiros da capital galega realizaron 1.923 saídas en 2025 , case un cento menos que no ano anterior. Raxoi explica que este descenso ten que ver fundamentalmente con dúas tipoloxías de intervencións: por caída de árbores, que pasaron de 288 en 2024 a 141 en 2025, e a retirada de enxames, que baixou de 309 a 191. Neste apartado, protagonizado fundamentalmente pola avespa velutina, as cifras están moi lonxe das rexistradas en anos anteriores, co récord de 1.359 intervencións en 2017; e está relacionada coa adhesión do Concello de Santiago ao convenio coa Fegamp para que sexa o Seaga quen se encargue destes traballos.

Pola contra, ademais dos incendios, incrementáronse outras actuacións como as inspeccións e labores preventivas que subiron desde as 512 de 2024 ás 697 de 2025.

Esforzo na formación

No que tén que ver coa prevención, o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento fixo o ano pasado un esforzo especial na formación, tanto de persoas adultas como de escolares, para garantir unha resposta adecuada da poboación diante de situacións de perigo que contribúa a minimizar os seus danos.

Nese sentido, ás instalacións dos bombeiros acudiron 650 escolares ao longo de 2025, e máis de 600 participaron tamén nas actividades da Semana da Prevención de Incendios. Ademais, o servizo participou en máis de 35 simulacros en empresas e edificios de pública concorrencia.

Persoal e medios

En canto ao persoal do servizo, en 2025 incorporáronse 5 bombeiros-condutores, 2 bombeiras de xestión operativa e preventiva e unha auxiliar. No referente aos medios materiais, o ano pasado adxudicouse o contrato para subministrar dous novos camións e un vehículo lixeiro que deberán estar operativos en 2026.

Os bombeiros de Santiago celebrarán este domingo, 8 de marzo, a festividade do seu patrón, San Xoán de Deus, nun acto no parque que estará presidido pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e no que tamén intervirá o concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro.

Tracking Pixel Contents