Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Negociación coas aeroliñas

O PP de Santiago denuncia que o Goberno oculta datos da negociación con Ryanair

A edil de Turismo, Míriam Louzao, afirma que os grupos poden requirir información no consello de Incolsa e tacha a demanda de «cortina de fume»

A concelleira do PP María Baleato en rolda de prensa

A concelleira do PP María Baleato en rolda de prensa / cedida

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A concelleira do PP María Baleato compareceu este venres en rolda de prensa para denunciar que «o goberno obstaculiza o labor da oposición impedindo o acceso á información». Referíase a edil a un requirimento por escrito para que o Bipartito dese conta do orzamento executado para financiar a aeroliña Ryanair nos anos 2023, 2024 e 2025, xa que logo deixou de operar no aeroporto Rosalía de Castro-Lavacolla.

Segundo Baleato, o goberno local non responde as súas demandas, o cal «vulnera os dereitos da nosa función de representación, temos dereito a coñecer as obrigas económicas asumidas» e de non achegar o executivo de Goretti Sanmartín estas informacións relativas ás negociacións de Incolsa con Ryanair o Partido Popular tomará outras medidas, coma acudir á Valedora do Pobo ou «tomar medidas xudiciais». «Temos dereito a coñecer os antecedentes, os datos que obran en poder dos servizos do goberno e que resultan precisos para o desenvolvemento da nosa función», insistiu Baleato.

A esta denuncia respondía por parte do Bipartito a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, lembrando que «no consello de administración de Incolsa non hai unha representante do PP, senón dúas, e é alí onde tratamos todas estas cuestións e onde se aproban os contratos, campañas e demais, e tamén os orzamentos de Incolsa». Por iso Louzao defendeu que o grupo popular «ten toda a información á súa disposición e poden preguntar todas as cuestións que sexan precisas».

Con todo, referiuse á pregunta remitida por escrito ao goberno, «que foi respondida e onde se lle indican todos os datos que pedían» e subliñou que nesa resposta e «por mor da confidencialidade que precisan estes acordos» non podían responder por escrito mais instaban a tratar a pregunta no consello de administración.

Louzao asegurou que o goberno está sorprendido por esta denuncia «que non ten ningunha base» e que o PP só busca «facer unha cortina de fume ao realmente importante, que é que o Concello está facendo un traballo coas compañías aéreas que é competencia da Xunta de Galicia».

Tracking Pixel Contents