Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Promoción pública

Vivenda sitúa en maio o remate das obras de doce pisos protexidos en Lamas de Abade

A Xunta ten prevista a entrega de 60 vivendas de promoción pública este ano

A conselleira de Vivenda, este venres no inmoble de Lamas de Abade

A conselleira de Vivenda, este venres no inmoble de Lamas de Abade / Cedida

Manu López

Manu López

Santiago

A Xunta de Galicia agarda que a construción dun edificio de doce vivendas públicas en Lamas de Abade, na rúa Constantino Limia Nogueira, finalice no mes de maio. A conselleira de Vivenda, María M. Allegue, visitou onte o inmoble e subliñou que se entregarán este ano, xunto a outras 48 que se están executando noutras dúas localizacións, 24 noutra parcela de Lamas de Abade, e 24 no Castiñeiriño.

"En maio rematan xa a súa execución, a pesares deste tempo que tivemos, con meses continuos de choivas e de humidade que dificultan moitísimo estes traballos, pero queremos poñer enriba da mesa que temos un compromiso que cumprir, que é facilitar o acceso á vivenda aos galegos e galegas", declarou Allegue.

Un 40 % para menores de 36 anos

Das 12 vivendas, das que como mínimo o 40 % se reservarán para menores de 36 anos, 10 teñen 3 habitacións e as dúas restantes 2 dormitorios. Todas teñen terraza, dobre orientación e ventilación cruzada, ademais de sistemas de eficiencia enerxética, como instalación solar fotovoltaica ou a aerotermia para a auga quente. O investimento neste inmoble é de 2,7 millóns, dos que o 78 % corresponde a fondos propios da Xunta, mentres que o restante 22 % son fondos europeos MRR, segundo precisou a conselleira.

Proxectos de vivenda en Santiago

En Santiago, son 400 as novas vivendas públicas que ten en marcha a Xunta en diferentes fases de execución, lembrou Allegue. Ademais das 60 vivendas mencionadas en Lamas de Abade e no Castiñeiriño, está adxudicada a redacción do proxecto e dirección de obra para 60 aloxamentos compartidos en Xoán XXIII e en fase de licitación o proxecto para 36 pisos en Volta do Castro.

Ademais, o goberno galego licitou o proxecto para construír 244 vivendas en Salgueiriños, (o prazo de presentación de ofertas remata o día 23), onde tamén se prevé unha residencia universitaria de 150 prazas. Tanto estes proxectos como o de Volta do Castro son posibles a través dunha modificación normativa que permite construír en solos dotacionais.

Por outra banda, a Administración autonómica está a traballar no Proxecto de Interese Autonómico (PIA) no ámbito de Mallou, para desenvolver solo residencial que permita a construción de 3.400 novas vivendas, coa colaboración de promotores e cooperativistas.

Tracking Pixel Contents