´Mobilizacións 8M Santiago
O feminismo compostelán marcha pola «rebelión contra a regresión fascista»
Disidencias en cuestións coma o abolicionismo da prostitución ou a integración das persoas transxénero no momento dan lugar a diversas mobilizacións que conflúen no mesmo camiño

Jesús Prieto

Tres manifestacións conmemoraron este 8M, Día da Muller, en Compostela con cadansúa mobilización reivindicativa, con convocatorias diversas mais co punto coincidente da loita pola igualdade, contra a violencia de xénero, o racismo e a guerra cun berro común: «Rebelión feminista contra a regresión fascista».
Centos e centos de mulleres, homes, persoas transxénero, maiores, novas e cativada marcharon tras as pancartas das organizacións convocantes: a Marcha Mundial das Mulleres (MMM) e a Manifestación Unitaria de organizacións feministas de Compostela, que en ambos casos congregaron diversos colectivos entre os que a chamada ao «antifascismo» era o cartel individual máis común.

Un grito pola igualdade. 8M en Santiago / Jesús Prieto
Na Praza 8 de Marzo a festa comezou xa ás 17 horas con merenda e obradoiros, e ás 20 h. partía a mobilización, baixo o lema: «Pola vida e contra o fascismo: diversidade e feminismo». Moi preto de alí, en Bonaval, a Marcha Mundial convocaba dende as 19 h. para partir tamén ás 20 en dirección a Praterías, baixo o lema «Feminismo é revolución, terra viva, pobos libres, vidas dignas!».
Ao ritmo das consignas e dos tambores de Tamborililás a Virxe da Cerca veu como, pese ás disidencias, o berro era, ademais de alto claro, común:«É necesario saír á rúa. Fronte ao avance que está tendo a ultradereita, temos que facernos visibles, máis que nunca». Falaba así unha das participantes na mobilización, acompañada pola súa nai e a súa filla, tres xeracións de feministas. Coma ela, outra rapaza alertaba na Praza 8 de marzo de que «queren facer que retrocedamos en dereitos, polo que cada manifestación, cada concentración, conta».
Unha causa de todas e todes
Dende o transfeminismo denúnciase transfobia en parte do colectivo, unha das causas que impide unha saída común da mobilización, pese a que o punto final si sexa compartido na Praza de Praterías. Dende o transfeminismo expresouse a EL CORREO GALLEGO a necesidade de «estar aquí, manifestarse nas rúas, ocupar o espazo público e demostrar que o feminismo vale para todas e todes por igual, para xente con capacidades diversas, xente trans, xente non binaria, mulleres racializadas... Debemos estar conxuntamente nos espazos».
Dende a Praza 8 de marzo non se eludiu falar de división, "comeza cando as cousas se repensan, é normal que haxa divisións", explicaba unha participante en conversa con este diario. "As divisións tamén mostran a unión, no fondo o percorrido é común", mais tamén engadían "hai grupos que poden ser excluíntes cara a algunhas cousas, e non estou de acordo, esas exclusións fan difícil unha unión total pero a meta debe ser a mesma: igualdade real entre xénero e clases sociais".
E así foi o 8M compostelán, unha marea feminista que atravesou a Virxe da Cerca contra a guerra, contra o machismo e contra a regresión fascista que pon en perigo os dereitos conquistados.
CIG: ‘mulleres traballadoras’
A mobilización da CIG desmarcouse das outras dúas e centrou a súa manifestación na conciencia de clase, reivindicando «as mulleres traballadoras», poñendo o foco na perspectiva de clase baixo o lema:«Feministas combativas, en loita pola nosa dignidade». O colectivo partiu da estación intermodal e non da Praza Roxa, coma en anos anteriores, e percorreu as rúas dende ás 11.30 horas até a Praza das Praterías. Nesta localización, a intervención final correspondeu á secretaria de Organización, Susana Méndez, que fixo mención no seu discurso a que aínda as mulleres reciben «peores salarios» e tamén unha maior «temporalidade e parcialidade» na xornada laboral fronte ao traballador masculino.
- Un centenar de personas recorren la ruta que seguirán los tráileres para evitar el transporte y procesado de inertes en Teo
- Renfe suspende nueve trenes en Santiago este lunes por falta de maquinistas
- Parece un cuento de hadas y está a 1 hora de Santiago: el bosque gallego con casas de gnomos y un tipi indio para pasar la noche
- Las entradas de O Son do Camiño no vuelan tan rápido como hace un año
- Una discoteca gallega se cuela entre las mejores del mundo: 'El local insignia de Galicia
- El retraso del cuartel de As Cancelas se agrava cuatro meses después del primer incumplimiento
- Buena comida y gran ambiente en la primera Festa da Caza de Trazo
- Crónica social compostelana | Comida de confraternidad de la promoción del curso 1966-67 del Colegio La Salle