Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Recoñecementos do 8 de marzo

Mulleres de Compostela: Elas convídannos a seguir loitando

O Concello de Santiago recoñece como parte dos actos do 8M a dez compostelás, de nación ou de corazón, nun acto celebrado este luns no Teatro Principal. ‘As fillas bravas de Momán’, Tilde Rodríguez, Merche Espiño, María Loureiro, Luísa Ríos, Diana Parente, Isabel Castillo e Pilar Farjas representan neste 2026 a loita profesional, social e cultural das mulleres da capital galega

Premio Mulleres de Compostela 2026

Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

«Un dos cualificativos que me dirixen é o de muller combativa», dicía no seu vídeo de presentación Isabel Castillo, a primeira en recibir o recoñecemento da cidade na gala ‘Mulleres de Compostela’, que se celebrou este luns no Principal. A avogada congratulouse de que a decisión de premiar estas santiaguesas a tomase a Corporación local «por unanimidade» e lamentou que no relativo aos «dereitos das mulleres hai moito que perseguir, parece que a lexislación non abonda», no que se refire á violencia de xénero. Castillo non dubidou en proclamar dende o atril un: «Non á guerra, queremos vivir en paz».

Xunto a ela, nun teatro ateigado e iluminado de morado, recolleron o aplauso e o agarimo do público e da Corporación local: Pilar Farjas, Diana Parente, Luísa Ríos, María Loureiro, Merche Espiño, Clotilde Rodríguez e as actrices Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantxa Villar (‘As fillas bravas’, de Chévere). Todas elas recibiron o recoñecemento con «sorpresa» e agradecemento, mais non era iso o único en común, tamén todas elas son mulleres que animaron ás presentes «a seguir loitando» polos dereitos conseguidos, pola igualdade e contra as violencias. E tamén todas elas destacan por loitaren na súa traxectoria vital e profesional dende unha perspectiva de xénero, cultural e social.

A alcaldesa de Santiago, no centro, posa xunto á oito das 10 homenaxeadas este luns.

A alcaldesa de Santiago, no centro, posa xunto á oito das 10 homenaxeadas este luns. / Jesús Prieto

O social, o colectivo, a comunidade... É o que marca a vida profesional de Luísa Ríos, que até non hai moito rexentaba a mercería do mesmo nome na rúa de San Pedro. Ela, nerviosa e sorprendida polo recoñecemento, non o dubida: «Son de San Pedro, de alí non me movo». Porque foi alí onde, chegada da aldea «coma Neira Vilas», comezou a forxar o seu futuro, a integrarse no ir e vir da principal entrada de camiñantes á cidade histórica e na vida do barrio.

Porque a Santiago xa non se «entra chorando e se sae chorando», senón que en «en Compostela quédase», como fixo a profesora e divulgadora Merche Espiño. Outra das homenaxeadas neste 2026 que abandonou a súa Pontevedra natal para traballar durante case 40 anos na capital galega e «loitar» tamén ela, pola «lingua B» que impartiu no IES Eduardo Pondal, e por traer a vida santiaguesa da nosa principal poeta ao primeiro plano. Espiño lembrou nas táboas do Teatro Principal que tamén as pisara en 1860 Rosalía de Castro, e animou a Corporación municipal a poñer en marcha na cidade unha Casa Museo.

Dende o ámbito da sanidade recoñeceuse o traballo de Tilde Rodríguez Martul, a primeira foniatra da sanidade pública galega, que alén disto posúe na súa traxectoria vital a experiencia da emigración (naceu en Bos Aires, Arxentina) e tamén a de ser, aínda que con carácter de interinidade, a primeira alcaldesa da cidade, e a edil que creou a Concellaría da Muller aló polo 1993.

Tamén vinculada á sanidade foi a traxectoria profesional de Pilar Farjas (ex conselleira entre 2009 e 2011 e secretaria xeral de Sanidade entre 2011 e 2014), aínda que o recoñecemento esta vez lle vén como directora de Cáritas Diocesana Santiago. ‘Mulleres de Compostela’ quixo recoñecer o labor na acción social e no voluntariado desta muller que deixou Teruel para ser unha galega e unha compostelá máis. Farjas tivo recordo para os seus pais, que sen distinción entre fillos e fillas quixeron que estudasen e tivesen independencia.

Dende o campo económico foi agasallada María Loureiro, catedrática da USC e directora do organismo interuniversitario Ecobas. A economista desempeñou un papel destacado no xuízo do Prestige, realizando a pericial económica dos danos ambientais causados polo verquido do petroleiro que tinguiu de negro a nosa costa e axitou o noso ánimo buscando xustiza. Unha xustiza que tamén marca o traballo de Diana Parente, a primeira inspectora da Policía Local da cidade, que destacou no seu discurso a necesidade de traballar pola igualdade e de conservar a dualidade do yin (feminino) e do yang (masculino), sen deixar de lado o primeiro para medrar profesionalmente.

As últimas en recoller o seu premio foron as actrices Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantxa Villar, que encarnan a Dosinda, Isaura e Benedita: ‘As fillas bravas’, que agradecían o recoñecemento a tantos anos facendo teatro, e «teatro con perspectiva de xénero, que tanta falta fai», apuntaba Villar.

As súas personaxes servíronlle á alcaldesa, Goretti Sanmartín, para fiar o discurso final que comezou falando das súas tías, da súa madriña e da súa nai para facer un percorrido paralelo entre a súa experiencia e a das mulleres que marcaron a súa vida coa traxectoria vital de cada unha das homenaxeadas, que recibiron de agasallo unha peza da ourive Susi Gesto, entregada de man dos voceiros dos grupos municipais: Borja Verea (PP), Sindo Guinarte (PSOE), Mercedes Rosón (non adscritos), María Rozas (Compostela Aberta) e Míriam Louzao (BNG).

Tracking Pixel Contents