Co espírito do 8M
‘Compostela en igualdade’, o programa de Raxoi para a ESO
Esta primeira edición dá cabida á participación de tres centros de ensino e a actividade formativa oriéntase a 2°, 3° e 4° da secundaria

Clara Ortega, Goretti Sanmartín e Rita Barreiro na presentación / cedida

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou este xoves ‘Compostela en igualdade, un proxecto educativo’, un programa municipal orientado á promoción da igualdade e á loita contra a violencia de xénero no ensino secundario, continuando co espírito do 8 de marzo, «porque o traballo do goberno local en materia de igualdade quere ir máis alá desa data».
Sanmartín estivo acompañada na rolda de prensa pola directora da área que engloba o departamento de Igualdade, Clara Ortega, e mais pola nova directora do CIM (Centro Integral de atención á Muller), Rita Barreiro. A rexedora explicou que este programa se impartirá en tres centros de ensino secundario da cidade, tanto públicos coma concertados, e vai dirixido á prevención da violencia de xénero entre o alumnado de 2°, 3° e 4° da Ensinanza Secundaria Obrigatoria.
A concesión da actividade será para os tres centros que primeiro a soliciten, logo de que dende Raxoi se envíe (este mesmo xoves) aos centros de ensino do termo municipal o convite para participar. A formación, realizada por profesionais de igualdade, prevención da violencia de xénero e educación afectivo-sexual vaise distribuír en dous tramos durante o ano: o primeiro nos meses de maio e xuño e o segundo dende setembro e decembro, «para poder facer seguemento de se as aprendizaxes se van consolidando».

Cartel da campaña 'Compostela en igualdade, un proxecto educativo' / cedida
O programa escolar que oferta Raxoi centrase na loita contra a violencia de xénero, o acoso e as agresións sexuais en idades temperás e oriéntase á promoción de valores de igualdade, aceptación da diversidade e corresponsabilidade, así como ao desenvolvemento de habilidades de comunicación emocional e resolución de conflitos.
Seis sesións formativas e un consultorio por Whatsapp
Entre maio e decembro, nos tres centros nos que se desenvolva o programa ‘Compostela en igualdade’, realizaranse seis sesións formativas grupais orientadas a detectar dinámicas de control, desmontar o mito do amor romántico ou dos celos e dos estereotipos de xénero, así como a distinguir outras formas de violencia máis alá das físicas e máis difíciles de detectar: as violencias psicolóxicas. No programa incluiranse tamén «estudos de caso», reais, para aproximar este tipo de situacións ao estudantado dunha maneira que lle resulte máis directa.
Pero como ben lembrou na rolda de prensa a alcaldesa Sanmartín: «Non todas as cuestións poden ser tratadas en grupo», polo que se vai habilitar un consultorio a través da aplicación Whatsapp para que o alumnado poida facer preguntas ou presentar aquelas situacións que o estean a afectar individualmente. Neste sentido, a rexedora reafirmouse en que «o acompañamento da mocidade é unha obriga das institucións».
- Demasiado mayor para ascender, pero no para trabajar: una gallega denuncia ante la ONU un caso de edadismo en la función pública
- Una discoteca gallega se cuela entre las mejores del mundo: 'El local insignia de Galicia
- No ganó, pero esta casa de Santiago se ha colado entre las nominadas a mejor obra del año
- La joven de Santiago que inmortaliza recuerdos en resina: 'Hay encargos que empiezas con lágrimas
- El paseo de pasarelas junto al mar más bonito de Galicia está a una hora de Santiago: 'Solo escuchas las olas
- Sociólogos alertan: «El casco viejo de Santiago corre el riesgo de convertirse en un parque temático»
- Santiago estrena un 'take away' de cocina palestina que ya arrasa en sus primeros días
- Falece na entrada de Santiago un peregrino por un paro cardíaco