Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Propostas da oposición

PP e PSOE reclaman a Raxoi un plan para atallar a crise da vivenda

Consideran que é necesario tomar medidas máis alá da declaración de zona tensionada

Viviendas de promoción pública en Santiago

Viviendas de promoción pública en Santiago / Antonio Hernández

Santiago

Os grupos municipais do Partido Popular e do Partido Socialista puxeron onte o foco na crise da vivenda en Santiago. Ambas formacións instan a Raxoi a actuar ante a situación do mercado, con subidas constantes dos prezos de compra e de alugueiro, e consideran que é preciso adoptar medidas máis alá da solicitude de zona de mercado residencial tensionado, trasladada á Xunta de Galicia para obter a súa aprobación esta mesma semana por segunda vez.

O concelleiro do PP, José Antonio Constenla, acusou ao goberno de BNG e CA de «incapacidade total para resolver o problema da vivenda, ante a súa inacción, nos últimos tres anos, onde non teñen feito practicamente nada», engadindo que a solicitude de zona tensionada «por si soa non vai solucionar nada».

Constela destacou que «o control do prezo dos alugueres é unha medida en boga en grandes cidades, pero non implica que sexa unha acción acertada, porque tal e como se está vendo alí onde se implantou, a oferta de vivenda viuse reducida, porque entre outros motivos, os caseiros teñan menos incentivos para investir no mantemento dos seus inmobles». O edil engadiu que «este fenómeno xa se pode ver en cidades como a Coruña», onde «houbo unha retirada destacada de vivendas do mercado do alugueiro».

Constenla propuxo unha «estratexia integral», que inclúa mobilización de solo para vivenda protexida, incentivos fiscais municipais para rehabilitación destinada a residencia habitual, bonificacións vinculadas ao alugueiro estable e de longa duración, ou a axilización de licenzas urbanísticas, reducindo prazos e simplificando trámites, entre outras medidas.

Mobilizar vivenda baleira

Pola súa banda, a concelleira socialista, Marta Abal, estimou que a declaración de zona de mercado residencial tensionado «non resolverá por si soa o problema da vivenda» e insistiu en que esta figura «non é un fin, é un medio para facer políticas públicas de vivenda».

Nesta liña, manifestou que «fan falta medidas a curto e a longo prazo». A curto prazo, reclamou actuar sobre o parque de vivenda baleira e lembrou que o propio estudo municipal sinala que «o stock de inmobles desocupados constitúe unha oportunidade para ampliar a oferta de vivenda a curto prazo», polo que propoñen un programa municipal específico a tal efecto.

A longo prazo, Abal defendeu reforzar a cooperación entre administracións para incrementar o parque público de vivenda en alugueiro e criticou que, «tras máis de vinte anos sen promoción pública en Santiago, a Xunta anuncia apenas 60 vivendas». «O que é necesario é incrementar o parque de vivenda pública protexida para alugueiro», subliñou.

Tracking Pixel Contents