Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Con vocación de servizo

Protección Civil celebra tres décadas de traballo voluntario en Compostela

Ás 19 horas deste venres, o Auditorio de Galicia acolle unha gala aniversario para distinguir a persoas que integraron a entidade por máis de 5 e 10 anos

Protección Civil celebra tres décadas de traballo voluntario en Compostela

Protección Civil celebra tres décadas de traballo voluntario en Compostela / Cedida

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago de Compostela

O 13 de marzo de 1996 constituíase en Compostela a agrupación voluntaria Protección Civil, sendo o concelleiro responsable o ex alcalde Xosé Sánchez Bugallo e xefe da Policía Local José Manuel Traba. “Nacía este servizo con poucos medios materiais e moita vontade”, lembraba o concelleiro Xan Duro na rolda de prensa para dar conta dos actos que van ter lugar para conmemorar este 30 aniversario.

Uns eventos que dan inicio este venres, a partir das 19 horas, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Unha gala que, como explicaba a xefa de Protección Civil, Begoña del Río, vai estar aberta ao público e serán convidados especiais voluntarios e voluntarias que botaron a andar este servizo na cidade, que comezou realizando 200 operativos ao ano e que hoxe en día realiza milleiros e conta con máis de 50 persoas voluntarias.

A gala do Auditorio de Galicia vai servir para distinguir voluntarios e voluntarias que levan formando parte de Protección Civil máis de 5 e máis de 10 anos e, mesmo “unha persoa que cumpre 20 anos como voluntaria”, apuntaba Xan Duro. No mesmo evento vanse recoñecer outras agrupacións de concellos cos que Compostela colabora e que cooperan coa cidade en determinados dispositivos.

“Sen Protección Civil, Santiago non funcionaría”

O concelleiro Xan Duro, igual que Begoña del Río, puxo en valor o traballo da agrupación enumerando brevemente algún dos eventos ou crises nos que Protección Civil colaborou reforzando o traballo de policía ou bombeiros. “A traxedia de Angrois, a pandemia da Covid, a catástrofe do Prestige, a acollida de persoas refuxiadas procedentes de Ucraína ou a colaboración logo da DANA en Valencia”, recompilou o edil de Compostela Aberta.

E nesta liña Begoña del Río, para quen a xefatura de Protección Civil foi “un regalo profesional” polo moito que aprende cada día coas persoas voluntarias, quixo “poñer en valor o sacrificio, o compromiso e a vocación de servizo público dos voluntarios, porque en calquera evento da cidade esta Protección Civil”. Tamén, como lembrou, en dispositivos que se activan cando hai alerta dalgunha persoa desaparecida no termo municipal.

Del Río, que na rolda de prensa estivo arroupada por dous voluntarios (Antonio e Rodrigo), lembrou que a idade mínima para formar parte de Protección Civil é de 16 anos e destacou que a agrupación compostelá conta con “perfís moi variados”, dende xardiñeiros a técnicos informáticos e mesmo algunha persoa “xubilada, con tempo libre” que segue a ser voluntaria.

Xornada de portas abertas

Á gala deste venres no Auditorio para celebrar os 30 anos de Protección Civil en Santiago hai que sumar outras iniciativas conmemorativas. A seguinte é este mesmo sabado 14 de marzo, cando se realizará unha andaina do último tramo do Camiño de Santiago que se repetirá en xuño.

Será tamén nese mes cando se celebre, con datas aínda por concretar, unha demostración das diversas actuacións dos voluntarios dentro dun dispositivo de emerxencias e mais unha xornada de portas abertas na sede de Protección Civil de Santiago, localizada no estadio de San Lázaro.

Tracking Pixel Contents