Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Concello abre á veciñanza a participación no anteproxecto de reurbanización do Ensanche

Está dispoñible un formulario na web municipal para facer achegas ao novo modelo urbano de Santiago de Chile e Praza de Vigo

Tráfico de vehículos na Rúa Santiago de Chile, en Compostela.

Tráfico de vehículos na Rúa Santiago de Chile, en Compostela. / Antonio Hernández

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

O Concello de Santiago presentou no mes de xaneiro un proxecto piloto para a reurbanización da rúa Santiago de Chile. O plan contempla un único carril de circulación, máis zonas verdes e máis espazo para as persoas peóns. A iniciativa tamén prevé actuacións na rúa Doutor Teixeiro e na praza de Vigo. Agora, o goberno local avanza no proceso de participación para que a veciñanza ou persoas que teñan algún tipo de vinculación poidan facer achegas á definición do novo modelo urbano para o Ensanche. Desde este xoves e durante un periodo máximo dun mes, estará dispoñible un formulario na web de Transparencia do Concello, no apartado de Urbanismo, obras e medio ambiente, na pestana ‘Novo modelo urbano para o Ensanche’. Nese mesmo apartado, pódese consultar tamén toda a información dos anteproxectos.

As persoas interesadas terán que responder a un total de 18 preguntas sobre a relación que teñen co Ensanche (vivir, lecer, traballo, lugar de paso…); preguntas sobre mobiliario e barreiras arquitectónicas, o modo de relacionarse con este espazo (a pé, en vehículo, transporte público…) e a visión cara ao futuro.

Un anteproxecto que busca "mellorar a calidade de vida das persoas"

O anteproxecto contempla establecer unha calzada central de 3,2 metros e beirarrúas de 3,6 metros con diversos deseños segundo a zona concreta da rúa. Dotar o espazo de árbores cun maior tamaño, deixar un só carril de circulación para transporte público, vehículo privado e bicicletas son algunhas das premisas iniciais, pois "a circulación non é a única opción de uso do espazo público", por iso tamén se pensa en limitar a velocidade aos 20 km/h.

Por outra banda, o proxecto de Doutor Teixeiro inclúe espazos de convivencia entre o vehículo e o peón, arborado e áreas de descanso non só para servizo da hostalaría. Ao xeito de Santiago de Chile mais sen determinar as zonas concretas, por agora, nas que instalar estes elementos.

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, explicou ao veciñanza o anteproxecto no Centro Sociocultural do Ensanche.

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, explicou ao veciñanza o anteproxecto no Centro Sociocultural do Ensanche. / Cedida

Outra das actuacións vai afectar á Praza de Vigo, onde se vai mudar o "espazo actual bastante confinado" para crear unha zona verde e peonil aberta. Para conseguilo, máis alá da creación da área arborada e de uso para o lecer da poboación vanse restrinxir as áreas de circulación de vehículos.

A motivación e o obxectivo do goberno que lidera Goretti Sanmartín é unha transformación de Compostela gañar espazo para as persoas. “A veciñanza do Ensanche tamén ten dereito a espazos públicos de calidade”, explicou na presentación dos anteproxectos para Santiago de Chile e Praza de Vigo o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, quen fixou como obxectivo principal o de “reorganizar os usos da cidade para garantir a multifuncionalidade do espazo público e mellorar a calidade de vida das persoas”. 

Tanto o concelleiro de Urbanismo, como o de Obras, Xesús Domínguez, xa mantiveron un primeiro encontro coa veciñanza no Centro Sociocultural do Ensanche para presentar os anteproxectos. 

Tracking Pixel Contents