Busto denuncia un «prexuízo» por ser a única zona rural sen bus urbano
Raxoi explica que non se incorporou no deseño das rutas polas dificultades de manobra
Será un dos primeiros cambios que abordará coa adxudicataria

Veciños da parroquia de Busto, esta sábado, diante da parada do autobús. / Antonio Hernández

O novo contrato de transporte urbano de Santiago, actualmente en proceso de licitación, contempla a chegada a máis zonas do rural, pero non a todas. O presidente da Asociación de Veciños da parroquia de Busto, José Antonio Montaos, denuncia en conversación con este diario o «prexuízo» que suporá para os residentes da zona a súa exclusión das rutas previstas. «É a única parroquia do rural sen acceso ao bus urbano», lamenta.
Montaos relata que o edil de Mobilidade, Xan Duro, e o xerente de Tussa, José Ramón Mosquera, realizaron xuntanzas coa asociación e visitas á parroquia, nas que «viron que os camiños están asfaltados e relativamente en bo estado». Ademais, «explicámoslles que todos os días pola mañá e pola tarde vén o bus escolar». Pese a todo, o representante veciñal indica que «no prego mantiveron que non veña o bus a Busto». Nun encontro celebrado o pasado xoves, non mudaron esta postura, alegando que «os camiños non eran correctos e as manobras que había que facer tampouco eran as correctas, tildándoas incluso de ilegais», manifesta Montaos.
O presidente da entidade remarca que «isto supón un prexuízo á xente que vive aquí. Xa estamos moi alonxados da vida cotiá de Santiago, pero hai xente maior que ten que ir aos hospitais, xente que ten trámites administrativos e esta posibilidade do bus era perfecta. Pero como non vai vir, xera unha desilusión na poboación» e unha sensación de «maltrato».
A veciñanza non dispón de alternativa de transporte público, xa que a parada máis próxima «seguramente sexa en Berdía, a 4 ou 5 quilómetros de aquí. Non é viable, a xente acaba antes indo en coche a Santiago», apunta Montaos.
Problemas de manobra
Fontes da Concellaría dirixida por Xan Duro explican a este diario que efectivamente a principal traba que atoparon á hora de deseñar as rutas para chegar a Busto foron os problemas de manobra dos autobuses, tal como lle trasladaron aos representantes veciñais. «Ese foi o motivo polo que non se incorporou no deseño inicial», confirman.
Non obstante, matizan que os pregos permiten modificar as liñas unha vez sexa adxudicado o contrato. «Esta é unha das cuestións a abordar coa nova empresa para garantir o servizo nas mellores condicións posibles», destacan as mesmas fontes. Así, defenden que non se descarta a conexión coa parroquia de Busto e aseguran que será «unha das primeiras cuestións que se falarán».
Neste sentido, desde Mobilidade agregan que os pregos permitirán facer modificacións nas liñas ao longo de todos os anos de duración do contrato, non unicamente no momento inicial. «É unha das principais vantaxes do contraro de servizos fronte á concesión», subliñan.
Esta posibilidade foi trasladada tamén á veciñanza de Busto, pero Montaos non acaba de fiarse de que sexa válida para resolver a súa demanda, xa que «aí pode haber moitos cambios, porque mesmamente se o partido que goberna cambia e entra outro, ese outro pode dicir que non e xa está, non hai nada por escrito». Desta maneira, puntualiza que «ao final, nunha licitación pública o que importa é o prego», onde non se contempla a conexión da parroquia coa rede de transporte urbano.
- Un centenar de personas recorren la ruta que seguirán los tráileres para evitar el transporte y procesado de inertes en Teo
- Renfe suspende nueve trenes en Santiago este lunes por falta de maquinistas
- Parece un cuento de hadas y está a 1 hora de Santiago: el bosque gallego con casas de gnomos y un tipi indio para pasar la noche
- Las entradas de O Son do Camiño no vuelan tan rápido como hace un año
- Una discoteca gallega se cuela entre las mejores del mundo: 'El local insignia de Galicia
- El retraso del cuartel de As Cancelas se agrava cuatro meses después del primer incumplimiento
- Buena comida y gran ambiente en la primera Festa da Caza de Trazo
- Crónica social compostelana | Comida de confraternidad de la promoción del curso 1966-67 del Colegio La Salle